DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 6 de outubro de 2025 Páx. 52457

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2025 pola que se regulan os termos e os requisitos para admitir o pagamento das débedas cuxa xestión recadatoria ten encomendada a Axencia Tributaria de Galicia mediante domiciliación bancaria en contas abertas en entidades de crédito non colaboradoras na xestión recadatoria dentro da zona SEPA, e pola que se modifican determinadas normas de recadación para incluír o modelo de ingreso das providencias de constrinximento xestionadas polas delegacións.

A Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia, modificada pola Orde do 8 de agosto de 2025, regula o sistema de domiciliación bancaria en contas abertas en entidades de crédito dentro da zona única de pagamentos en euros (zona SEPA), aínda que a dita entidade non exerza a condición de colaboradora na xestión recadatoria, dando así resposta a todos aqueles casos en que quen pretende domiciliar o pagamento das débedas fronte á Administración está no estranxeiro e non ten conta aberta en España ou, simplemente, non ten conta aberta nunha entidade colaboradora, trátese ou non de obrigados residentes en España.

A citada orde, na súa disposición adicional única, habilita a persoa titular da dirección da Atriga para ditar, no ámbito da xestión recadatoria, as resolucións e instrucións que sexan precisas para a execución do disposto nesa orde e para actualizar os seus anexos, cando cumpra, como consecuencia de modificacións normativas ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia, a modificación da relación de modelos ou das especificacións técnicas aprobadas polos anexos á orde.

En consecuencia, e para dar cumprimento á citada orde e posibilitar o pagamento mediante domiciliación bancaria en contas abertas en entidades que non teñan a condición de colaboradoras na xestión recadatoria dentro da zona SEPA, cómpre concretar varios aspectos como son os requisitos para o uso desta vía e o procedemento para realizar o pagamento, a xestión pola entidade colaboradora dos ficheiros recibidos e do cargo na conta realizado, así como o momento en que se poderán obter os xustificantes de pagamento a través da oficina virtual tributaria (en diante, OVT) e os certificados de estar ao día nos pagamentos.

Pola súa banda, o artigo 60 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece que a Axencia Tributaria de Galicia asumirá progresivamente as funcións de recadación en período executivo en vía de constrinximento desempeñadas polas zonas de recadación reguladas no artigo 46 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

As zonas de recadación establecidas ao abeiro do artigo 46.3 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, quedarán suprimidas o 1 de xaneiro de 2026, ou nun momento anterior á indicada data no caso en que o recadador á fronte dalgunha das devanditas zonas cese no cargo por facer os 70 anos de idade, de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o estatuto dos recadadores de zona, ou por calquera do resto das causas establecidas nese artigo. No momento da supresión da correspondente zona, as súas funcións serán asumidas pola Axencia Tributaria de Galicia.

Así, a disposición adicional segunda da Orde do 21 de xuño de 2006, pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación de entidades colaboradoras, habilita a persoa titular da Dirección da Atriga para actualizar cando sexa preciso, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os anexos a esta orde co obxecto de mantelos adaptados á normativa aplicable.

Do mesmo xeito, a disposición derradeira primeira da Orde do 12 de abril de 2022 pola que se regula o pagamento, mediante transferencia bancaria e xiro postal, de débedas cuxa xestión recadatoria ten encomendada a Axencia Tributaria de Galicia, habilita a persoa titular da dirección da Atriga para ditar, no ámbito da xestión recadatoria, as resolucións e instrucións que sexan precisas para a execución do disposto na dita orde. Esta orde foi desenvolvida pola Resolución do 1 de xuño de 2022 pola que se regulan os termos e os requisitos para admitir o xiro postal como medio de pagamento das débedas cuxa xestión recadatoria ten encomendada esta Axencia respecto ao medio de pagamento do xiro postal.

Pola súa parte e polo que respecta ao pagamento mediante transferencia, a Orde do 12 de abril de 2022 foi desenvolvida pola Resolución do 31 de xullo de 2024 pola que se regulan os termos e os requisitos para admitir o pagamento mediante transferencia bancaria das débedas cuxa xestión recadatoria ten encomendada a Axencia Tributaria de Galicia.

Cómpre neste momento, consonte o exposto, actualizar os anexos II e IV da Orde do 21 de xuño de 2006, o anexo I da Resolución do 1 de xuño de 2022 e o anexo I da Resolución do 31 de xullo de 2024 para incluír o modelo de pagamento de providencias de constrinximento xestionadas polas delegacións como consecuencia da asunción das funcións das zonas de recadación.

Así, en uso das habilitacións sinaladas na disposición adicional única da Orde do 10 de decembro de 2019, na disposición adicional segunda da Orde do 21 de xuño de 2006 e na disposición derradeira primeira da Orde do 12 de abril de 2022,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta resolución ten por obxecto establecer os termos e os requisitos para realizar o pagamento, mediante domiciliación bancaria, de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia, en contas abertas en entidades de crédito dentro da zona única de pagamentos en euros (zona SEPA) que non teñen a condición de entidades colaboradoras.

2. Os obrigados ao pagamento, salvo aqueles a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, poderán utilizar a domiciliación bancaria como medio de pagamento das débedas resultantes:

a) Das autoliquidacións que se relacionan no anexo I da Orde do 10 de decembro de 2019, sempre que a presentación destas se leve a cabo por vía electrónica a través da oficina virtual tributaria da Atriga.

b) Dos aprazamentos e fraccionamentos de pagamento concedidos polos órganos competentes da Atriga.

Segundo. Procedemento para o pagamento mediante domiciliación bancaria en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA no caso de autoliquidacións presentadas telematicamente

1. A domiciliación das débedas tributarias resultantes de autoliquidacións deberá ordenarse ao tempo de efectuar a presentación da autoliquidación a través da OVT da Atriga, sempre antes dos últimos 5 días hábiles do prazo de presentación establecido na normativa reguladora de cada tributo, na forma prevista na Orde do 10 de decembro de 2019, para o cal se deberá indicar o número de conta correspondente.

A petición de domiciliación nunha conta aberta nunha entidade bancaria non colaboradora dentro da zona SEPA supoñerá que se outorga a autorización para o cargo na conta de acordo coa orde de domiciliación indicada na OVT e no propio modelo de autoliquidación.

2. A conta de domiciliación previamente ordenada poderá ser obxecto de modificación, revogación ou rehabilitación se xa foi previamente revogada, nos termos e condicións previstos nos artigos 6, 7 e 8 da Orde do 10 de decembro de 2019, sempre antes dos últimos 5 días hábiles do prazo de presentación establecido na normativa reguladora de cada tributo.

Terceiro. Procedemento para o pagamento mediante domiciliación bancaria en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA no caso de aprazamentos ou fraccionamentos

1. A domiciliación do pagamento das débedas obxecto de aprazamento ou fraccionamento será ordenada na solicitude.

As solicitudes de aprazamento ou fraccionamento poden presentarse das seguintes maneiras:

a) Por vía electrónica, a través da oficina virtual tributaria (https://ovt.atriga.gal).

b) Por vía electrónica, a través do formulario xenérico PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

c) Presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; poderase empregar o modelo de solicitude de aprazamento/fraccionamento dispoñible no enderezo https://www.atriga.gal/servizos/modelos-e-formularios/modelos-e-formularios-para-tramites-administrativos, modelos e formularios de recadación.

Ás solicitudes presentadas electronicamente a través do formulario xenérico PR004A e ás presentadas presencialmente deberáselles xuntar a correspondente orde de domiciliación de cargo directo SEPA, que se poderá obter tamén no enderezo https://www.atriga.gal/servizos/modelos-e-formularios/modelos-e-formularios-para-tramites-administrativos, modelos e formularios de recadación.

A domiciliación das solicitudes de aprazamentos e fraccionamento presentadas a través da OVT deberá ordenarse ao tempo de efectuar a presentación da solicitude a través da OVT da Atriga. A petición de domiciliación dunha solicitude de aprazamentos e fraccionamento presentadas a través da OVT nunha conta aberta nunha entidade bancaria non colaboradora dentro da zona SEPA supoñerá que se outorga a autorización para o cargo na conta de acordo coa orde de domiciliación indicada na OVT.

2. Os obrigados ao pagamento de aprazamentos ou fraccionamentos previamente concedidos poderán solicitar a domiciliación do pagamento dos vencementos restantes. A solicitude de domiciliación deberá presentarse antes do día 5 do mes anterior ao do primeiro vencemento que se desexe solicitar, por calquera das formas establecidas nas letras b) e c) do número un deste punto, achegando a correspondente orde de domiciliación de cargo directo SEPA, que se poderá obter tamén no enderezo https://www.atriga.gal/servizos/modelos-e-formularios/modelos-e-formularios-para-tramites-administrativos, modelos e formularios de recadación.

3. A data do cargo das domiciliacións na conta será sempre o día 20 do mes que corresponda ao vencemento do prazo ou fracción acordada ou o inmediato hábil seguinte.

4. A conta de domiciliación previamente ordenada poderá ser obxecto de modificación, revogación ou rehabilitación se xa foi previamente revogada, nos termos e condicións previstos nos artigos 12, 13 e 14 da Orde do 10 de decembro de 2019, sempre antes do día 5 do mes anterior a aquel en que se deba efectuarse o cargo ou antes do día 5 do mes anterior ao do primeiro vencemento que se desexe solicitar no caso de rehabilitación de contas previamente revogadas, por calquera das formas establecidas nas letras b) e c) do número un deste punto, achegando a correspondente orde de domiciliación de cargo directo SEPA, que se poderá obter tamén no enderezo https://www.atriga.gal/servizos/modelos-e-formularios/modelos-e-formularios-para-tramites-administrativos, modelos e formularios de recadación.

Cuarto. Adhesión das entidades colaboradoras ao sistema de xestión das domiciliacións en contas de entidades non colaboradoras da zona SEPA

1. As entidades de crédito autorizadas para actuar como colaboradoras na xestión recadatoria da Atriga poderán levar a cabo a xestión das domiciliacións ordenadas en contas abertas en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA para o pagamento de débedas xestionadas pola Atriga, adheríndose ao sistema de xestión mediante o formulario aprobado no anexo I.

2. O formulario de adhesión deberá remitirse á Axencia Tributaria de Galicia debidamente cuberto por vía electrónica, a través do formulario xenérico PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

3. Unha vez coordinadas as cuestións técnicas necesarias e avaliada a solicitude, a Axencia Tributaria de Galicia comunicará á entidade solicitante a súa adhesión ao sistema de xestión e a data en que será efectiva ou, de ser o caso, a non procedencia da súa adhesión.

Quinto. Sistema de xestión das domiciliacións polas entidades colaboradoras

1. Diariamente, a Atriga xerará e porá á disposición de cada entidade colaboradora participante no sistema de xestión o ficheiro coas domiciliacións ordenadas en contas abertas en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA que lle correspondan, conforme as especificacións técnicas que se recollen no estándar ISO 20022 (Core customer-to-PSP direct debit ISO 20022 XML initiation message standards).

2. Corresponderalle a cada entidade a xestión das seguintes ordes de domiciliación:

a) As ordes de domiciliación en que o obrigado tributario, ao tempo de ordenar a domiciliación, opte por esta entidade colaboradora participante para a xestión da domiciliación.

b) As ordes de domiciliación que lle sexan asignadas a cada entidade colaboradora participante, de xeito correlativo, cando o interesado non opte por ningunha entidade concreta para a xestión da domiciliación.

3. O ficheiro será posto ao dispor da entidade colaboradora participante coa antelación suficiente para que poida levar a cabo os procesos necesarios para o cumprimento das respectivas ordes de domiciliación. O período de antelación será de 6 días naturais anteriores ao día do vencemento que corresponda.

Sexto. Data de pagamento das débedas ingresadas mediante domiciliación bancaria en contas abertas en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA e efectos liberatorios para o obrigado

1. De acordo co establecido no artigo 38.2 do Regulamento xeral de recadación, considerarase que o ingreso se produce na data en que se efectúe o cargo na conta do importe domiciliado e teña entrada o importe correspondente na conta de recadación intermedia, salvo que se exerza o dereito á devolución do artigo 48.2 do Real decreto lei 19/2018, do 23 de novembro, de servizos de pagamento e outras medidas urxentes en materia financeira, no prazo a que se refire o artigo 49.1 do mesmo texto normativo.

2. Os efectos liberatorios para o obrigado ao pagamento fronte á Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia que, en cada caso, procedan tamén se producirán desde a data aludida no parágrafo anterior, coa excepción sinalada no devandito parágrafo.

Sétimo. Xestión dos ingresos

1. Durante o prazo mencionado no artigo 49.1 do Real decreto lei 19/2018, do 23 de novembro, de servizos de pagamento e outras medidas urxentes en materia financeira, a entidade participante comunicará diariamente á Atriga os rexeitamentos e devolucións das ordes de domiciliación de cargo directo SEPA que se produzan a través da plataforma de intercambio de información Editran.

2. O terceiro día hábil seguinte ao do vencemento de cada quincena, conforme o disposto na disposición xeral 1.5 da Orde do 21 de xuño de 2006, o Departamento Central de Recadación remitirá ao contacto facilitado pola entidade participante unha orde de traspaso da conta intermedia á conta restrinxida que corresponda.

O importe da orde de traspaso será o que corresponda a aqueles ingresos para os cales transcorrese o prazo do artigo 49.1 do Real decreto lei 19/2018, do 23 de novembro, desde o día seguinte ao do vencemento da quincena inmediatamente anterior ata a data de vencemento da quincena que se está a tramitar, sempre que non fosen devoltos nin rexeitados conforme o disposto no primeiro número deste punto.

3. No prazo establecido na disposición xeral segunda da Orde do 21 de xuño de 2006, a entidade participante deberá executar a orde de traspaso do número dous deste punto. Unha vez executada, deberá remitir ao Departamento Central de Recadación o xustificante do traspaso e a certificación do saldo da conta intermedia.

Oitavo. Certificación e xustificante do pagamento

Unha vez incorporados os ingresos recadados mediante domiciliación bancaria dentro da zona SEPA, de acordo co disposto na disposición xeral segunda da Orde do 21 de xuño de 2006, o obrigado ao pagamento poderá obter na oficina virtual tributaria da Atriga o correspondente xustificante de pagamento co contido mínimo especificado no anexo IV da Orde do 10 de decembro de 2019 e o certificado acreditativo de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias.

Porén, unha vez transcorrido o prazo a que fai referencia o artigo 49.1 do Real decreto lei 19/2018, do 23 de novembro, de servizos de pagamento e outras medidas urxentes en materia financeira, sen que se exerza o dereito á devolución do artigo 48.2 da mesma norma, poderá obterse o correspondente xustificante de pagamento co contido mínimo especificado no anexo IV da Orde do 10 de decembro de 2019 e o certificado acreditativo de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias presencialmente nas dependencias da Axencia Tributaria de Galicia ou dirixindo a solicitude ao Departamento Central de Recadación.

Noveno. Modificación da epígrafe de domiciliación do anexo de pagamento de todos os modelos de autoliquidación

Modifícase a epígrafe de domiciliación do anexo de pagamento de todos os modelos de autoliquidación (002, 003, 011, 012, 013, 041, 043, 044, 045, 046, 593, 600, 610, 615, 620, 630, 650 e 651), que queda redactada como segue:

missing image file

Décimo. Modificación da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras

Introdúcense as seguintes modificacións nos anexos II e IV da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras: “

1. Engádese no anexo II, de maneira que se insira no lugar que lle corresponda segundo a orde numérica preestablecida, o modelo de ingreso das providencias de constrinximento xestionadas polas delegacións, coa seguinte redacción: «710.-PROVIDENCIAS DE CONSTRINXIMENTO XESTIONADAS POLAS DELEGACIÓNS».

2. Modifícase no anexo IV a descrición das posicións 9-11 do deseño do rexistro do detalle de documentos notificados (tipo 3), engadindo, de maneira que se insira no lugar que lle corresponda segundo a orde numérica preestablecida, o novo modelo de ingreso da providencia de constrinximento xestionada pola delegación, coa seguinte redacción: «Modelo 710.-Providencias de constrinximento xestionadas polas delegacións».

3. Introdúcense as modificacións na epígrafe Cálculo do díxito de control, do anexo IV, do seguinte xeito:

a) Onde di «En autoliquidacións e novos documentos notificados 706, 707 e 708 e modelos 735 e 736», debe dicir «En autoliquidacións e novos documentos notificados 706, 707, 708 e 710 e modelos 735 e 736».

b) Onde di «Código de barras dos modelos 707, 708, 731, 717, 706 e 739. Formato 518-Liquidacións comunidades autónomas descrito no caderno 65-Recadación de tributos, taxas, impostos e outros ingresos autonómicos:», debe dicir: «Código de barras dos modelos 707, 708, 710, 731, 717, 706 e 739. Formato 518-Liquidacións comunidades autónomas descrito no caderno 65-Recadación de tributos, taxas, impostos e outros ingresos autonómicos:».

Décimo primeiro. Modificación do anexo I da Resolución do 1 de xuño de 2022 pola que se regulan os termos e os requisitos para admitir o xiro postal como medio de pagamento das débedas cuxa xestión recadatoria ten encomendada esta Axencia

Modifícase o anexo I de maneira que se insira no lugar que lle corresponda, segundo a orde numérica preestablecida, o modelo de ingreso das providencias de constrinximento xestionadas polas delegacións, coa seguinte redacción: «710-Providencias de constrinximento xestionadas polas delegacións».

Décimo segundo. Modificación do anexo I da Resolución do 31 de xullo de 2024 pola que se regulan os termos e os requisitos para admitir o pagamento mediante transferencia bancaria das débedas cuxa xestión recadatoria ten encomendada a Axencia Tributaria de Galicia

Modifícase o anexo I, de maneira que onde di «710. «Providencias de constrinximento», debe dicir «710. Providencias de constrinximento xestionadas polas delegacións».

Décimo terceiro. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025

Sonia Lafont Sendino
Directora da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO I

Solicitude de adhesión ao procedemento de xestión de domiciliacións en contas abertas en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA, regulado na Orde do 8 de agosto de 2025 pola que se modifica a Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia, e a Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras

DATOS DA ENTIDADE

DENOMINACIÓN:

NIF:

BIC:

ENDEREZO:

CP:

CONCELLO:

DATOS DO CONTACTO ADMINISTRATIVO

NOME DO RESPONSABLE:

TELÉFONO:

ENDEREZO ELECTRÓNICO:

DATOS DO CONTACTO INFORMÁTICO

NOME DO RESPONSABLE:

TELÉFONO:

ENDEREZO ELECTRÓNICO:

PREVISIÓN DE DATA PARA A POSTA EN FUNCIONAMENTO DO SERVIZO*:

*: Polo menos antes de 10 días da data en funcionamiento do servizo deberá formalizarse a apertura da conta intermedia.

Por medio deste escrito manifesto a vontade da entidade referida anteriormente, como entidade colaboradora da Axencia Tributaria de Galicia, de adherirse á xestión das domiciliaciones ordenadas en contas abertas en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA para o pagamento de débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia.

A adhesión a este procedemento non suporá ningún custo adicional para o obrigado ao pagamento nin para a Axencia Tributaria de Galicia.

Asinado en……………, ……… de ……………………… de……………

Nome: