DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 6 de outubro de 2025 Páx. 52453

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 3 de outubro de 2025 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal da empresa que presta servizos de mantemento no Hospital Provincial na Área Sanitaria da Pontevedra e O Salnés, que se desenvolverá do 7 ao 14 de outubro, ambos os dous incluídos.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental o dereito á folga.

Así mesmo, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, establece que cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizo público ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.

Ademais, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras STC 183/2006, do 19 de xuño, vén considerando como servizos esenciais aqueles que satisfagan dereitos e intereses dos cidadáns vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde e o dereito á seguridade e hixiene no traballo.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a determinación do persoal preciso para a súa prestación.

A Confederación Intersindical Galega (CIG), en representación do persoal da empresa Veolia Servicios Norte, S.A.U., que presta os servizos de mantemento dos edificios, equipamentos e instalacións do Hospital Provincial de Pontevedra, centro pertencente á Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, comunicou a convocatoria dunha folga que se desenvolverá desde o día 7 ata o 14 de outubro, ambos incluídos.

Con base no que antecede, e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

A folga convocada afecta todos/as os/as traballadores/as da empresa Veolia Servicios Norte, S.A.U., que prestan servizos de mantemento dos edificios, equipamentos e instalacións do Hospital Provincial de Pontevedra, centro pertencente á Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A folga terá lugar en xornadas de 24 horas, desde as 00.00 horas ata as 24.00 horas, desde o día 7 ata o 14 de outubro, ambos incluídos, e afecta todas as quendas de traballo, é dicir, das 8.00 ás 15.00 horas, das 14.00 ás 22.00 horas e das 22.00 ás 7.00 horas.

En consecuencia, tivéronse en conta para a determinación dos servizos esenciais os seguintes factores para a cobertura da seguridade en relación co ambiente sanitario: o risco para os/as pacientes, usuarios/as e traballadores/as derivado da realización de actividades e uso de materiais sobre os cales se proxectan as tarefas de mantemento, a súa conseguinte afectación á actividade asistencial e o volume de poboación atendida no devandito ámbito.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se establecen resultan absolutamente imprescindibles para garantir a adecuada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, co fin de evitar prexuízos graves á cidadanía. Isto é especialmente relevante ao afectar o persoal que presta servizos en áreas de traballo das cales depende o funcionamento correcto das todas as instalacións e equipamentos do centro, polo que se fai necesaria unha prestación continuada. Ao mesmo tempo, estes servizos mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa garantía dunha atención sanitaria adecuada á poboación, a cal, dadas as características do servizo prestado, non pode quedar desasistida en ningún caso.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito –nomeadamente a reparación de eventuais avarías nos equipamentos e instalacións e o cumprimento normativo en materia de mantemento das instalacións–, determinan que se opte, como criterio reitor para a fixación dos servizos mínimos, pola presenza dos efectivos dun domingo ou festivo, pois por debaixo destas presenzas non se considera asegurada a actividade mínima que garanta o axeitado funcionamento das instalacións e equipamentos.

Con base a este criterio, o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga é o seguinte:

De luns a domingo

Quendas

Mañá

Tarde

Noite

1

1

1

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base no criterio anterior faraa a empresa coordinadamente coa Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e a súa fixación debe estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe contar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade