Esta orde ten por obxecto concretar os criterios que rexerán a segunda convocatoria de concesión de axudas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2025 a 2026.
Esta nova convocatoria apróbase ao abeiro do disposto na Orde do 27 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS700A), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 132, do 9 de xullo de 2024.
En virtude da primeira convocatoria, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 208, do 28 de outubro de 2024, a Resolución do 16 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, pola que se publica a Resolución do 15 de outubro de 2024 que pon fin ao procedemento de concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS700A).
Unha vez resolta esta convocatoria, dentro do Programa II existe un remanente de crédito dado que non se esgotou a totalidade do crédito previsto destinado a financiar o funcionamento de servizos de atención temperá existentes e actualmente non subvencionados, así como á implantación de novas unidades.
En consecuencia, e tendo en conta que a través da citada Resolución do 15 de outubro de 2024 foron concedidas o 100 % das solicitudes presentadas dentro desa convocatoria, considérase de interese público esgotar a totalidade do crédito orzamentado dispoñible e proceder á apertura dunha nova convocatoria e dun novo prazo de presentación de solicitudes de axudas para a presentación de novos proxectos destinados a financiar a implantación de novas unidades de atención temperá no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia (Programa II) durante o período 2025 e 2026.
Por todo o anterior, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto a aprobación da segunda convocatoria de axudas correspondente ás anualidades 2025-2026 para a concesión de axudas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 27 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS700A).
2. Serán subvencionables os servizos desta natureza constituídos polas actuacións sinaladas no artigo 8 das bases reguladoras, que se desenvolvan no período que abrangue desde o 1 de outubro de 2025 e ata o 31 de outubro de 2026, segundo o que nel se indica.
3. A prestación poderá realizarse mediante xestión individual ou compartida segundo o previsto no artigo 6 das bases reguladoras e ser directa ou indirecta mediante a concertación con terceiros da execución total ou parcial da actividade subvencionada de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.
4. As subvencións desta segunda convocatoria destinaranse á consecución do Programa II, destinado a servizos de atención temperá existentes e actualmente non subvencionados, así como á implantación de novas unidades.
Serán obxecto deste programa os novos proxectos destinados ao financiamento de unidades de atención temperá promovidos por entidades locais ou polas súas agrupacións que non foron subvencionados ao abeiro das convocatorias precedentes desta consellería.
Artigo 2. Procedemento de concesión das subvencións
O procedemento tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 3. Financiamento
Para o financiamento desta nova convocatoria para a subvención do Programa II destínase crédito por importe total dun millón cento noventa e cinco mil trescentos corenta e dous euros con noventa e oito céntimos (1.195.342,98 €), que se imputará á aplicación 08.04.312E.460.1, coa seguinte desagregación por anualidades:
|
Anualidade |
Aplicación |
Código de proxecto |
Importe |
|
2025 |
08.04.312E.460.1 |
2023 00145 |
573.134,38 € |
|
2026 |
08.04.312E.460.1 |
2023 00145 |
622.208,60 € |
Artigo 4. Contía das subvencións
1. Sen prexuízo do reflectido no artigo 5 e no artigo 19.4 das bases reguladoras, a contía máxima de subvención por entidade beneficiaria virá determinada polo seguinte:
a) O número total de horas de traballo totais do equipo que conforma a unidade de atención temperá.
b) E, en todo caso, cos seguintes importes máximos en función do tipo de xestión e da suma de poboación da entidade beneficiaria:
1º. Categoría 1 xestión Individual cunha poboación de ata 40.000 habitantes: ata 12.100,00 € de importe máximo por mes subvencionable.
2º. Categoría 2 xestión compartida cunha poboación de ata 40.000 habitantes: ata 15.287,00 € de importe máximo por mes subvencionable.
3º. Categoría 3 xestión individual ou compartida cunha poboación de máis de 40.000 habitantes: ata 18.344,40 € de importe máximo por mes subvencionable.
2. O importe da subvención calcularase segundo o sistema de custos simplificados de custo unitario por hora máis a porcentaxe de tipo fixo para os outros gastos directos e indirectos, segundo o establecido nos artigos 53.1.b) e d), 55.2.a) e 56.1 do Regulamento (UE) 2021/1060, de acordo co previsto no artigo 10 das bases reguladoras.
Artigo 5. Entidades beneficiarias e tipo de xestión
1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións convocadas ao abeiro desta orde as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia ou agrupacións delas que se relacionan a continuación:
a) Para a xestión individual: concellos, incluídos os que resulten dunha fusión municipal, que conten cun censo mínimo de 10.000 habitantes, segundo a cifra de poboación na data 1 de xaneiro de 2023 (fonte Instituto Galego de Estatística).
b) Para a xestión compartida:
1º. Agrupacións de concellos e/ou agrupacións de mancomunidades de concellos.
2º. Mancomunidades de concellos.
3º. Consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos. Quedan excluídas as deputacións provinciais.
2. Ningún concello poderá figurar simultaneamente en solicitude de xestión individual e compartida. O incumprimento disto dará lugar á inadmisión da solicitude individual; considerarase como efectiva a de xestión compartida.
3. Non poderá obterse a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 6. Forma e lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. As entidades interesadas deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I dirixida á Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Igualdade en que se farán constar a totalidade de datos reflectidos naquel e que acreditan os aspectos relacionados no número 4 do artigo 12 das bases reguladoras. Coa solicitude acompañarase a documentación complementaria indicada no artigo 13 das bases reguladoras.
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos establecidos na Orde do 27 de xullo de 2024 e na segunda convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así no o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.
4. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
5. Na solicitude, anexo I, asinada polo/a representante da entidade ou no caso de agrupacións pola persoa designada segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º das bases reguladoras, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nos artigos 5, 6 e 7 das bases reguladoras e demais normativa aplicable, concretamente:
a) Identificación da entidade solicitante, do/da representante, enderezo para notificacións, datos bancarios e identificación da persoa para as funcións de coordinación e comunicación.
b) Declaracións sobre outras subvencións, veracidade dos datos, inexistencia de causa que implique prohibición para ser entidade beneficiaria, coñecemento do cofinanciamento do FSE+, obrigas e acordo coas actuacións de control.
c) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición ou consentimento expreso, segundo o caso, á consulta dos documentos sinalados no artigo 14.1 das bases reguladoras.
Artigo 7. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación conforme o previsto nas bases reguladoras:
a) Documentación acreditativa da representación (no caso de agrupacións, artigo 7.1.c).2º das bases reguladoras, acreditarase coa presentación da copia do convenio en que figure a designación).
b) Unicamente para agrupacións: copia do correspondente convenio de colaboración, que deberá ter o contido sinalado no artigo 7.1.c).2º e, se é o caso, documento complementario a aquel en que se reflictan os datos especificados no ordinal 2º.1, 2º. 2 e 2º. 3 do artigo 7.1.c) das bases reguladoras.
c) Anexo II. Certificación sobre acordo e datos. Deberá estar expedida polo/a secretario/a da entidade ou o representante da entidade ou agrupación segundo o previsto no convenio (artigo 7.1.c).2º) das bases reguladoras e nela constará, en función dos termos da solicitude, a acreditación dos requisitos e datos susceptibles de valoración:
1º. Datos relativos ao acordo sobre solicitude de subvención ou, se é o caso, ao convenio, en que se reflicta a aceptación das condicións e requisitos establecidos nesta orde e demais normativa aplicable, así como os compromisos de cofinanciamento da actuación.
Concretamente especificaranse: órgano/s competente/s, data de adopción do acordo ou, se é o caso, do convenio en que se inclúa o acordo, tipo de xestión, individual ou compartida, directa ou indirecta, prazo de execución incluído dentro do período susceptible de subvención, número de integrantes do equipo, número de horas totais de traballo segundo grupos profesionais, calculadas de acordo co previsto no artigo 10.3 das bases reguladoras. No caso de inicio do prazo de execución con anterioridade á presentación da solicitude, a declaración de prestación nos termos do artigo 8 das bases reguladoras debe abranguer desde esa data, sen prexuízo da excepción reflectida no seu número 2.
2º. Exclusivamente para a xestión compartida: declaración sobre a xestión conxunta, mancomunada ou consorciada.
3º. Unicamente para mancomunidades e consorcios: determinación dos concellos membros que participan na prestación.
4º. Declaración sobre a data de posta en marcha do servizo configurado como tal polas entidades que presentan a solicitude.
5º. Declaración relativa á remisión de contas ao Consello de Contas de Galicia. Abrangue a obriga de todos e cada un dos concellos que formulan a solicitude ou que integran a/s entidade/s que a subscribe/n.
6º. Indicación da porcentaxe de persoas con discapacidade no/s respectivo/s cadro/s de persoal do/s concello/s sobre os que se prestará o servizo. No caso de seren varios, figurará a media das citadas porcentaxes.
7º. Declaración sobre cumprimento da normativa respecto da contratación do persoal ou da aplicable en materia de subvencións e contratación administrativa, de ser o caso.
8º. Unicamente para agrupacións: indicación da data de subscrición do convenio.
d) Anexo III. Certificación sobre o equipo de atención temperá e descrición do funcionamento do servizo. Deberá estar expedida polo/a secretario/a da entidade ou o representante da entidade ou agrupación segundo o previsto no convenio (artigo 7.1.c).2º das bases reguladoras) e nela constará o seguinte en función da acreditación dos requisitos e datos valorables referidos ao prazo de execución obxecto de solicitude:
1º. Indicación dos integrantes do equipo, datos persoais, períodos de desempeño, grupos e perfís profesionais, tipo de vinculación coa entidade, dedicación total ou parcial e número de horas de traballo dedicadas ao servizo. No caso de contratación ou xestión indirecta futuras, cubriranse a totalidade dos datos, agás os persoais, e indicarase esta circunstancia.
2º. Datos relativos ás instalacións, réxime de prestación en función do horario semanal e número estimado de usuarios/as.
e) Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (anexo VII).
f) Conforme o disposto na Orde TES/106/2024 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE+ para o período de programación 2021-2027, será preciso acreditar, mediante un informe ou documento equivalente, que as persoas traballadoras que prestan servizo nesta operación non teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social. No caso de ter bonificada a cota correspondente á Seguridade Social, para o cálculo do importe elixible descontarase do custo unitario por hora a parte proporcional correspondente ás bonificacións ou reducións que puideran estar asociadas ao pagamento das cotizacións sociais.
2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, poderanse sinalar datos complementarios ou achegar calquera outra documentación que o solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración. Así mesmo, por parte da unidade tramitadora destas subvencións poderase solicitar a documentación complementaria aclaratoria que se considere pertinente.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
No caso de agrupación consultaranse os documentos sinalados nas letras a), b), c), d) e e) de cada un dos concellos e/ou mancomunidades integrantes.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 11. Instrución do procedemento
1. A instrución do procedemento corresponderalle á Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade que realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.
2. Revisada a documentación inicial e, de ser o caso, realizado o trámite de emenda, a citada unidade:
a) Formulará as correspondentes propostas de resolución de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia respecto dos expedientes en que concorran causas para isto.
b) Remitiralle á Comisión de Valoración aqueles respecto dos cales se verificase a presentación da documentación en prazo e forma e o cumprimento de requisitos previos.
Artigo 12. Comisión de Valoración e proposta de resolución
1. De conformidade co establecido no artigo 21 da lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes admitidas serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:
a) Presidencia: o/a subdirector/a xeral de Programas de Apoio á Discapacidade ou persoa que o/a substitúa.
b) Secretaría: o/a xefe/a do Servizo de Programas de Apoio á Discapacidade.
c) Vogalías: dous empregados públicos da Consellería de Política Social e Igualdade.
No caso de ausencia dalgunha/s das persoas que a integran será/n substituída/s pola persoa designada pola Presidencia da Comisión.
2. A Comisión examinará o contido das actuacións obxecto de solicitude co fin de verificar se estas e os gastos que abranguen son susceptibles de subvención. Posteriormente, valorará as que se consideren con tal carácter seguindo os criterios establecidos no artigo 20 das bases reguladoras.
3. Posteriormente, a Comisión emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención, segundo proceda. A proposta de concesión formularase seguindo a respectiva orde de puntuación polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.
4. No suposto de que se esgote o crédito sen que poidan ser obxecto de proposta de concesión de subvención a totalidade de solicitudes admitidas, as non atendidas quedarán en reserva e, se é o caso, serán susceptibles de sucesivas propostas, segundo a correspondente orde de prelación no caso de que algunha das entidades adxudicatarias renuncie á axuda.
Artigo 13. Resolución
1. A resolución que proceda ao abeiro desta orde será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, que actuará por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, despois da proposta do órgano instrutor. No caso de que o seu contido sexa a concesión de subvención, tras a fiscalización pola Intervención delegada.
2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o dito prazo sen que recaese resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.
3. En todo caso, deberá notificarse a cada entidade beneficiaria un documento en que se establezan as condicións da axuda. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida.
Así mesmo, figurará a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e, se procede, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA). Tamén se lle informará de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operación que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
4. No suposto previsto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, polo tanto, cando a entidade beneficiaria sexa unha agrupación de concellos e/ou de mancomunidades destes, constarán na resolución de concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de subvención que se vai aplicar a cada un, que terán igualmente a condición de entidades beneficiarias.
Artigo 14. Publicación e notificacións dos actos
1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e a correspondente resolución deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.
Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería (http://politicasocial.xunta.gal).
2. Así mesmo, de forma complementaria, as notificacións de resolución e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas complementarias practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
5. As notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica complementaria non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Aceptación e renuncia
1. Notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días (10) hábiles a súa aceptación, e comprometerase a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.
2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido nos artigos 94 e 14 da lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. Os importes que, se é o caso, resultaren sobrantes por causa de renuncia poderán destinarse ao outorgamento de máis subvencións segundo o determinado nos artigos 19, 20 e 21 das bases reguladoras
Artigo 16. Réxime de recursos
1. A resolución expresa ou presunta ditada ao abeiro da presente orde poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse:
a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
b) Ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.»
2. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.
Artigo 17. Modificación e rectificación da resolución
1. De acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez recaída a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se respecte a actuación subvencionable e non dea lugar a execución deficiente e/ou incompleta. Será de aplicación o seguinte:
a) A solicitude deberá presentarse antes de que conclúa o primeiro prazo para a presentación da documentación xustificativa (15.11.2025) da realización da actividade e con esta xuntarase:
1º. Memoria xustificativa.
2º. Relación e identificación concreta dos cambios introducidos.
3º. Orzamento modificado, se é o caso.
b) Poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros.
c) Non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.
d) Cando implique modificación do importe total concedido, tramitarase conxuntamente a do expediente de gasto. Se a modificación da resolución implicase unha modificación do importe nas anualidades previstas, será necesario a autorización previa do Consello da Xunta no caso de que os novos importes superen os límites fixados no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.
4. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen ter dado lugar á modificación da resolución ao se omitir o trámite de autorización administrativa previa, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. Esta aceptación polo órgano concedente non exime a entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle de conformidade coa citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. A administración poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia de erro material, de feito ou aritmético.
Artigo 18. Xustificación da subvención: obxecto, prazo e documentación
1. A actuación executada deberá coincidir co contido da resolución de concesión da subvención e, se é o caso, coas modificacións autorizadas, e deberase acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.
Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización dos prazos de xustificación determinado no número 5 deste artigo.
2. A xustificación realizarase a través da modalidade de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
3. A documentación presentarase ante a Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade dentro dos prazos límite que se sinalan no número 5 deste artigo.
4. Figurarán os anexos relativos á documentación xustificativa na sede electrónica da Xunta de Galicia e cunha ligazón a eles na páxina web da consellería (http://politicasocial.xunta.gal), na epígrafe relativa á información da presente orde.
5. As entidades beneficiarias, tanto en xestión directa como indirecta, deberán presentar:
a) A documentación xustificativa do período que abrangue desde o 1 de outubro de 2025 ata o 31 de outubro de 2025, con data límite do 15 de decembro de 2025.
b) A documentación xustificativa do período que abrangue desde o 1 de novembro de 2025 ata o 31 de outubro de 2026, con data límite do 15 de novembro de 2026.
6. A documentación xustificativa da actuación executada obxecto da subvención é a seguinte:
a) Anexo IV. Solicitude de pagamento e declaración. Asinada polo/a representante da entidade ou da agrupación segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º das bases reguladoras. Ademais dos datos identificativos, faranse constar as declaracións sobre o cumprimento da finalidade e da normativa, sobre solicitude ou non doutras subvencións actualizada e sobre a inexistencia de causa que implique prohibición para ser beneficiario. Así mesmo, relación da documentación complementaria que se xunta.
b) Anexo V. Certificación sobre condicións da execución. Asinada polo/a secretario/a da entidade ou o representante da agrupación segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º das bases reguladoras, na cal figure:
1º. Declaración, se é o caso, sobre cumprimento da normativa aplicable en materia de publicidade ás axudas financiadas a través de fondos da Unión Europea, así como en materia de subvencións e, se é o caso, en materia de contratación pública e demais normativa aplicable.
2º. Indicación do prazo de execución e do número de horas totais de traballo dedicadas segundo grupos profesionais, suma das cifras correspondentes a todos/as os/as integrantes do equipo.
3º. Datos de cada un dos integrantes do equipo: datos persoais, períodos de desempeño, grupos e perfís profesionais, tipo de vinculación coa entidade, dedicación total ou parcial e número de horas de traballo calculadas segundo o disposto no artigo 10.3 das bases reguladoras. No caso de xestión indirecta, estes datos deberán corresponderse cos indicados nas facturas da entidade prestadora, das cales se achegará unha copia xunto co xustificante bancario do seu pagamento. Para que as actuacións poidan ser cofinanciadas polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nestas facturas darase cumprimento ao disposto na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
Así pois, no caso de gastos de persoal que formen parte da prestación de servizos externos, a súa acreditación realizarase mediante a factura emitida pola entidade provedora dos servizos, na cal se deberá identificar claramente por separado o custo do persoal externo participante, atendendo aos criterios establecidos no artigo 5.1.a) da citada Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro.
Así mesmo, nestas facturas deberán constar os datos persoais de cada un dos integrantes do equipo de traballo, períodos de desempeño, grupos e perfís profesionais, tipo de vinculación coa entidade, dedicación total ou parcial e número total de horas de traballo de cada técnico.
4º. Réxime da prestación en función do horario semanal.
5º. Número de usuarios/as atendidos/as desagregado por sexo, así como totais. Os datos reflectidos na certificación deberán coincidir cos recollidos na aplicación informática referida no artigo 11.d) das bases reguladoras.
c) Anexo VI. Folla mensual de horas traballadas. Asinadas pola persoa traballadora, así como, no caso de xestión directa, polo/a secretario/a ou persoa designada segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º das bases reguladoras, e no de xestión indirecta, pola persoa responsable da entidade prestadora. Achegarase unha por cada traballador/a e mes de desempeño en que figuren as horas diarias efectivamente traballadas dedicadas ao servizo, así como os totais. Deberá cubrirse en función do establecido no artigo 10.3. das bases reguladoras. A suma das horas consignadas en todas as fichas debe ser equivalente ás contías consignadas no anexo V.
d) Documentación xustificativa da publicidade da actuación segundo o establecido nos artigos 11.c) e 28 das bases reguladoras: fotografías do lugar ou lugares en que se levou a cabo a prestación nas cales se aprecie a situación do cartel ou carteis informativo/s, con indicación da data de colocación, documentos relativos á publicidade na páxina web, por exemplo, capturas de pantalla, e na documentación escrita: copia dun exemplar de cada tipo utilizado.
e) Se é o caso, para o suposto de xestión indirecta, copia das facturas referidas na letra b) ordinal 3º do número 6 do artigo 26 das bases reguladoras, xunto cos xustificantes bancarios de pagamento.
f) Documentación acreditativa de titulación de cada un dos profesionais que conforman o equipo da respectiva unidade de atención temperá.
7. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o disposto nela e no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advírteselle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.
8. A Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do gasto que consideren convenientes.
Artigo 19. Pagamento da subvención e minoración
1. Unha vez xustificada a subvención nos termos establecidos no artigo 17, a Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada, tal como se sinala no artigo 31 das bases reguladoras.
2. Os pagamentos realizáranse coa seguinte periodicidade:
a) Para a anualidade 2025, realizarase o pagamento do 60 % da contía da subvención concedida en concepto de anticipo, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución de concesión.
b) Para a anualidade 2026, realizarase de forma fraccionada un pagamento do 70 % da contía da subvención concedida en concepto de anticipo, que se fará efectivo ao longo do mes de marzo de 2026.
O importe restante ou a parte que corresponda aboarase ata o 31 de decembro de 2026, que se librará logo da xustificación pola entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta orde.
3. Os gastos correspondentes ao período comprendido entre 1 de outubro de 2025 e o 31 de outubro de 2025 imputaranse ao exercicio 2025. Os gastos comprendidos ao período entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026 imputaranse ao exercicio 2026.
4. O importe da subvención concedida minorarase proporcionalmente sempre que estea garantida a consecución do obxecto: cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo indicadas na solicitude e tidas en conta para a asignación da subvención.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
