O Pleno do Concello do Grove, na sesión do 29 de setembro de 2025, adoptou o seguinte acordo:
– Aprobar definitivamente o Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) das instalacións deportivas As Bizocas en San Vicente do Mar, formulado de oficio polo Concello do Grove e asinado en setembro de 2025 pola arquitecta municipal, Pastora Parada Portas.
O Plan especial ten por obxecto a regulación urbanística para a implantación dunha área deportiva e recreativa de carácter público sobre a parcela catastral 36022A029060080000EP, cunha superficie de 4.922 m² (segundo medición topográfica), 4.722 m² (segundo catastro), situada no lugar das Bizocas, parroquia de San Vicente do Mar.
O acordo de aprobación definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia, e a normativa urbanística publicarase no Boletín Oficial da provincia. Así mesmo, remitirase á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a documentación exixida polo artigo 88.3 da Lei 2/2016 do solo de Galicia, para os efectos de inscribir o Plan especial no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
En todo caso, e de conformidade co exixido polo artigo 199.4 do RLSG, a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do plan quedan condicionadas ao cumprimento dos anteriores trámites e ao sinalado no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, en relación co artigo 65.4 da mesma lei.
Conforme o disposto no artigo 212.3 do RLSG, o prazo do artigo 65.4, antes citado, non comezará a contar ata a recepción completa da documentación no rexistro da Consellería.
Determinacións principais do PEID:
• Uso principal: equipamento deportivo e recreativo público.
• Ocupación máxima: 984,4 m² (20 % da superficie).
• Altura máxima: 8 metros (xustificada por necesidades do uso deportivo).
• Recuamentos: mínimo 5 metros a todos os lindeiros.
Condicionantes ambientais:
• Protección do regato Bizocas cunha zona de 5 metros a ambos os lados do leito.
• Utilización obrigatoria de especies autóctonas nas plantacións.
• Integración paisaxística mediante materiais e cores acordes co contorno.
• Programa de seguimento ambiental conforme o informe ambiental estratéxico (13.1.2025).
Condicionantes sectoriais:
• Augas de Galicia: autorización previa para obras en zona de policía do regato.
• Consellería de Industria: coordinación coa liña eléctrica VLG805 e autorización previa.
• Miteco: compatible coa lexislación de costas (informe favorable 21.8.2025).
Consulta pública:
O contido íntegro do Plan especial estará á disposición do público na sede electrónica do Concello do Grove e nas oficinas municipais sitas na praza do Corgo, s/n, O Grove.
A información sobre o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan estará dispoñible no enderezo electrónico do Concello.
Contra o acordo de aprobación definitiva do citado plan especial, poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.
O Grove, 30 de setembro de 2025
José Antonio Cacabelos Rico
Alcalde presidente
