Expediente: IN407A 2024/350-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Proxecto: LMTS, CTC e RBT Vilabuíde-Valón (Ferrol).
Concello: Ferrol.
Feitos:
1. O día 15.11.2024 a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública dunha instalación de distribución eléctrica.
Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro) presentan o proxecto de execución denominado LMTS, CTC e RBT Vilabuíde-Valón (Ferrol) asinado o día 17.9.2024.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Ferrol, Dirección Xeral de Estradas, Augas de Galicia, Deputación Provincial da Coruña e Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural.
O 21.1.2025 recíbese informe do Concello de Ferrol de non conformidade urbanística do proxecto polos seguintes condicionantes:
– Non presentación de solicitude de licenza para a obra.
– O recuamento do centro de transformación debe respectar unha distancia mínima de 5 metros ao linde da parcela ao instalarse en solo rústico de protección de monte e paisaxe forestal, de acordo co establecido no artigo 61.5 do Regulamento da Lei 2/2016, do solo de Galicia.
O 1.4.2025 recíbese escrito de alegacións de UFD Distribución Electricidad, S.A. no cal expoñen o seguinte:
– O centro de transformación ten a súa instalación proxectada a 6 metros do eixe da vía coa que linda a parcela, dando cumprimento ao establecido no PXOM de Ferrol, capítulo II. Normas xerais de edificación, artigo 114 punto 2.
– Á construción dun centro de transformación prefabricado non lle é de aplicación o establecido no artigo 61.5 do Regulamento da Lei 2/2016 do solo de Galicia ao non encaixar no concepto de edificación establecido no artigo 2 da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.
O 8.4.2025 recíbese novo informe do Concello de Ferrol, en contestación ao escrito da empresa promotora, no que se expón o seguinte:
– O Regulamento da Lei 2/2016, do solo de Galicia, considera este tipo de construcións como edificacións de acordo co establecido no seu anexo I-Definicións, punto 7, polo que o recuamento do centro de transformación debe respectar a distancia de 5 metros que establece o Regulamento da Lei do solo de Galicia.
– Ratifícase no informe de non conformidade urbanística recibido o 21.1.2025 neste departamento territorial.
O 16.5.2025 recíbese novo informe de alegacións de UFD Distribución Electricidad, S.A. no que se expón o seguinte:
– Ao condicións xerais de edificación en solo rústico establecidas no artigo 59 do Regulamento da Lei do solo de Galicia, incluíndo as condicións de posición e implantación do artigo 61, non son aplicables ás infraestruturas eléctricas nin as súas instalacións, exceptuándoas da obriga xeral de xustificación da súa localización. Este feito corrobora a non aplicación dos condicionantes que a lexislación urbanística si recolle para as edificacións, construcións ou instalacións non eléctricas, por ser consideradas un servizo esencial.
– Os centros de transformación prefabricados non poden ser considerados nin edificacións nin construcións, senón como instalacións consideradas como un conxunto de elementos técnicos que se montan dentro dunha infraestrutura eléctrica para cumprir unha función específica e garantir a subministración eléctrica aos solicitantes. Un centro de transformación das características sinaladas é unha instalación que pode ser trasladada a outra localización sen perder a súa integridade. Todas estas características impiden que tales instalacións se inclúan no concepto xurídico de edificación establecido na Lei 38/1999 de ordenación da edificación.
O 3.9.2025 recíbese novo informe do Concello de Ferrol, en contestación ao escrito da empresa promotora, no que se expón o seguinte:
– Considérase errónea a interpretación da normativa no aspecto da non existencia de obriga de xustificación da localización dunha instalación eléctrica. Isto suporía que instalacións de carácter agrícola, gandeiro, forestal ou instalacións vinculadas funcionalmente ás estradas como unha estación de servizo, tampouco terían a obriga de xustificación da súa localización, o que non é certo.
– Aínda que a infraestrutura eléctrica proxectada poida considerarse unha instalación, non a exime do ámbito de aplicación do Regulamento da Lei do solo de Galicia ao constar o seu concepto no anexo I-Definicións punto 7.
– Un centro de transformación non pode considerarse en ningún caso como un ben moble que pode ser desprazado facilmente. O seu movemento exixiría a redacción dun proxecto técnico que debería ser autorizado polas administracións competentes e as conseguintes obras de acondicionamento do terreo da nova localización e restitución á situación anterior da localización que xa non está ocupada polo centro de transformación. Así mesmo, deben de realizarse obras de modificación do trazado das liñas eléctricas instalando novo tendido e retirando ou anulando o anterior. Todos estes condicionantes levan á conclusión de que non poden considerarse como bens mobles.
– Ratifícase nos informes de non conformidade urbanística recibidos o 21.1.2025 e 8.4.2025 neste departamento territorial.
Consideracións legais e técnicas:
1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
2. Lexislación de aplicación:
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
Consonte con todo o sinalado, e tendo en conta os informes de non conformidade urbanística do Concello de Ferrol,
RESOLVO:
Denegar as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución eléctrica indicada.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.
A Coruña, 25 de setembro de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
