O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental o dereito á folga.
Así mesmo, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, establece que, cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizo público ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.
Ademais, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras a STC 183/2006, do 19 de xuño, vén considerando como servizos esenciais aqueles que satisfagan dereitos e intereses da cidadanía vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde e o dereito á seguridade e hixiene no traballo.
O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG número 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.
O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.
O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal preciso para a súa prestación.
A Confederación Intersindical Galega (CIG), en representación do persoal da empresa Veolia Servicios Norte, S.A.U., que presta os servizos de mantemento dos edificios, equipos e instalacións do Hospital Nicolás Peña, centro pertencente á Área Sanitaria de Vigo, comunicou a convocatoria dunha folga que se desenvolverá desde as 00.00 horas do día 14 de outubro de 2025 ata as 24.00 horas do mesmo día.
En virtude do anterior, e tras o acordo co comité de folga,
DISPOÑO:
Artigo 1
A folga referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.
A folga convocada afecta todos/as os/as traballadores/as da empresa Veolia Servicios Norte, S.A.U. que prestan servizos de mantemento dos edificios, equipamentos e instalacións do Hospital Nicolás Peña, en Vigo, centro pertencente á Área Sanitaria de Vigo. A folga terá lugar desde as 00.00 horas ata as 24.00 horas do día 14 de outubro.
En consecuencia, tivéronse en conta para determinar os servizos esenciais os seguintes factores para a cobertura da seguridade en relación co contorno ambiental sanitario: o risco para os/as pacientes, usuarios/as e traballadores/as derivado da realización de actividades e uso de materiais sobre os cales se proxectan as tarefas de mantemento, a súa conseguinte afectación á actividade asistencial e o volume de poboación atendida no devandito ámbito.
De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se establecen resultan absolutamente imprescindibles para garantir a cobertura adecuada do servizo esencial de asistencia sanitaria, co fin de evitar prexuízos graves á cidadanía. Isto é especialmente relevante ao afectar o persoal que presta servizos en áreas de traballo das cales depende o funcionamento correcto de todas as instalacións e equipamentos do centro, polo que se fai necesaria unha prestación continuada. Ao mesmo tempo, estes servizos mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa garantía dunha atención sanitaria adecuada á poboación, a cal, dadas as características do servizo prestado, non pode quedar desasistida en ningún caso.
Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito –especialmente, a reparación de eventuais avarías nos equipos e instalacións e o cumprimento normativo en materia de mantemento das instalacións‒, determinan que se opte pola presenza dos efectivos que se relacionan a seguir, pois por debaixo destas presenzas non se considera asegurada a actividade mínima que garanta o axeitado funcionamento das instalacións e equipos.
Con base no exposto, o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga é o seguinte:
|
Centro: Hospital Nicolás Peña. Primaria. Servizo: mantemento xeral |
Servizos mínimos |
||
|
Categoría |
Mañá |
Tarde |
Noite |
|
Técnico/a de mantemento |
1 |
1 |
11 |
|
Xefe/a de equipo de mantemento |
1 |
– |
– |
|
Persoal administrativo |
1 |
– |
– |
1 Localizado.
Artigo 2
A determinación do persoal necesario con base no criterio anterior faraa a empresa coordinadamente coa Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.
A xustificación debe contar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.
O persoal necesario para cubrir dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.
A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.
O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.
Artigo 3
Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE número 58, do 9 de marzo).
Artigo 4
O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.
Artigo 5
Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
