En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Maside, no ámbito da avenida do Grupo Escolar, mediante a Orde da Conselleria de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 25 de setembro de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita dita modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2411&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2411
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual das normas
subsidiarias de planeamento do Concello de Maside, no ámbito da
avenida do Grupo Escolar (PTU-OU-21/042)
O Concello de Maside, conforme o disposto no artigo 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 144.13 do seu regulamento (RLSG) remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva.
Analizada a documentación achegada e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
Antecedentes:
I.1. O Concello de Maside dispón de normas subsidiarias de planeamento municipal (NSP), aprobadas definitivamente o 29.10.1985, con catorce modificacións puntuais (MP).
I.2. A tramitación da modificación puntual foi a seguinte:
• O 9.7.2021 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático ditou resolución, publicada no DOG do 27.7.2021, na que resolve non someter a MP ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinario, e acompaña os informes correspondentes ás consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e do Instituto de Estudos do Territorio.
• O Pleno do Concello, en sesión do 15.3.2022, aprobou inicialmente a MP e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no diario La Región o 25.3.2022, e no DOG do 30.3.2022. Non se presentou ningunha alegación.
• Déuselle audiencia aos municipios limítrofes de Amoeiro, O Carballiño, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea. Consta informe, do 23.4.2022, do Concello de Amoeiro no que se sinala que a MP apenas ten incidencia no dito concello.
• Constan os informes sectoriais preceptivos emitidos en sentido favorable, de:
– Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) do 12.4.2022.
– Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 13.4.2022.
– Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, do 21.4.2022.
– Servizo de Enerxía e Minas, da inclusión parcial o perímetro de protección da Fonte do Baños sen obxeccións, do 27.4.2022.
– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, do 3.5.2022.
– Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural, do 5.5.2022.
– Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, do 5.5.2022.
– Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 18.5.2022.
– Deputación Provincial de Ourense, do 26.5.2022.
– Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia, do 30.6.2022.
– Instituto de Estudos do Territorio (IET) do 8.7.2022 e 27.12.2022.
– Augas de Galicia, do 15.7.2022.
– Servizo de Urbanismo, do 22.7.2022, co resultado do trámite do artigo 60.7 da LSG.
– Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, do 9.12.2022, condicionado á obtención da concesión A/32/17431 (12 l/s para Maside).
– Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, do 8.2.2023.
• Constan informes municipais técnicos e xurídicos, do 13.3.2023.
• O Pleno municipal, en sesión do 17.3.2023, acordou aprobar provisionalmente a MP.
• O 22.12.2023, a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda resolveu non outorgar a aprobación definitiva, exixindo a emenda de deficiencias sinaladas na orde.
• Consta a resolución do expediente de aproveitamento A/32/17431 da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do 19.7.2023.
• Constan os informes municipais técnico e xurídico, do 25.10.2024.
• O Pleno municipal, en sesión do 30.10.2024, acordou aprobar provisionalmente a MP.
• O 21.4.2025, o concello solicita a suspensión do prazo para resolver ao ter sido detectadas unha serie de deficiencias na documentación técnica.
• Constan novos informes municipais técnico e xurídico, do 19.6.2025 e do 20.6.2025.
• O Pleno municipal, en sesión do 27.6.2025, acordou aprobar provisionalmente a MP.
I.3. O 15.7.2025, conforme o disposto no artigo 60.13 da LSG, tivo entrada na Xunta de Galicia oficio do Concello de Maside acompañado do expediente administrativo e dos documentos dilixenciados aprobados inicial e provisionalmente.
II. Análise e consideracións:
II.1. O ámbito da modificación puntual está situado ao noroeste do núcleo urbano de Maside capital e comprende un conxunto de parcelas arredor da avenida do Grupo Escolar.
A superficie total do ámbito é de 52.430,03 m², dos que actualmente 42.511,57 m² están clasificados como solo urbano consolidado e 9.918,46 m², como solo rústico. Do solo clasificado como urbano, 18.751,86 m² corresponden a solo con ordenanza de ensanche; 9.818,80 m² a sistema viario; 7.333,34 m² a equipamento escolar; e 6.607,57 m² a zonas verdes. A totalidade do solo rústico corresponde a solo rústico de protección ordinaria (plano ORDET_PINF_02ORD).
II.2. O obxecto da modificación puntual é a reclasificación do solo acorde coa situación actual; e a súa reordenación recoñecendo as preexistencias construídas, para adecuar á nova normativa urbanística; a obtención de novas dotacións de zonas verdes, equipamentos e prazas de aparcamento; e o desenvolvemento do ámbito cunha tipoloxía edificatoria acorde co modelo existente, así como a obtención de solo para vivenda de promoción pública.
II.3. A MP reclasifica todo o ámbito como solo urbanizable, incorporando a ordenación detallada. Da superficie total, 20.070,72 m² corresponden a uso residencial; 11.717,30 m² para equipamentos; 8.112,90 m² a espazos libres e zonas verdes do sistema local; e 11.442,05 m² a sistema viario do sistema local.
Do total do solo residencial, 18.140,81 m² corresponden a ordenanza 01 (unifamiliar illada); 600,00 m² a ordenanza 02 (bloque aberto/vivenda VPA); e 1.331,92 m² a ordenanza 03 (edificacións existentes). Do total de solo de equipamentos, 10.351,40 m² corresponden a sistema xeral; e 1.365,90 m² a sistema local.
II.4. O sector de solo urbanizable SUBLE 01 GRUPO ESCOLAR dispón dun aproveitamento tipo de 0,2864 m²/m²; e divídese para efectos de xestión en dous polígonos. Os coeficientes de ponderación dos distintos usos e tipoloxías edificatorias son acordes co previsto no artigo 236.4 do RLSG; e coa división en polígonos, e co establecido no artigo 237.3 do RLSG.
II.5. A normativa urbanística da ordenación detallada establece unhas ordenanzas reguladoras específicas para as diferentes cualificacións, acordes á Lei do solo de Galicia e o seu regulamento, ademais de determinacións de carácter xeral e normas xerais de edificación.
II.6. A Resolución do 11.4.2023 de concesión A/32/17431 acredita a suficiencia de recursos hídricos exixida no informe do 9.12.2022, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
III. Resolución:
En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,
RESOLVO:
1. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Maside no ámbito da avenida do Grupo Escolar.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da MP das NSP aprobada definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
