Mediante a Resolución desta dirección xeral do 26 de decembro de 2022 (DOG núm. 4, do 5 de xaneiro de 2023) realizouse a convocatoria excepcional no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional.
Mediante a Resolución desta dirección xeral do 19 de setembro de 2024 (DOG núm. 188, do 30 de setembro) publicáronse o nomeamento e a adxudicación de destino definitivo das persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.
A base 10.4 da resolución de convocatoria prevé que, co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de situacións en que as persoas seleccionadas, por diversos motivos, non continúen no proceso, cubrirase a baixa coa persoa aspirante incluída inmediatamente a continuación na relación de seleccionadas, pola orde de prelación que resulte da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.
Unha vez realizado o proceso de elección de destino das prazas que resultaron prazas vacantes, logo da Resolución de nomeamento do 19 de setembro de 2024 e ao abeiro da Resolución do 26 de decembro de 2022, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,
RESOLVE:
Primeiro. Coa finalidade de asegurar a cobertura das prazas convocadas neste proceso extraordinario de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e segundo o que establece a base 10.4 da resolución de convocatoria, realizouse a oferta das prazas que resultaron vacantes na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría ás novas persoas aspirantes incluídas inmediatamente a continuación pola orde de prelación que resultou da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.
De acordo coa convocatoria, quedaron sen efecto todas as actuacións das persoas aspirantes seleccionadas que, no prazo e conforme o procedemento establecido, non seleccionaron os destinos que se ofertaron pola orde de prelación que consideraron, non resultaron adxudicatarias de ningún destino polo que optaron ou renunciaron á dita elección.
Tamén se recolle na base novena que as persoas aspirantes que, dentro do prazo fixado, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos para participar neste proceso selectivo non poderán ser nomeadas persoal estatutario fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorran por falsidade na solicitude inicial.
Segundo. Nomear como persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría as persoas aspirantes que se inclúen no anexo desta resolución, logo de acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos e de realizar a elección de destino segundo o previsto nas bases 9 e 10 da convocatoria do proceso selectivo.
Adxudicarlles ás persoas aspirantes, con carácter de destino definitivo, a praza que figura no anexo indicado.
Terceiro. Declarar finalizado o proceso selectivo para o ingreso, polo sistema de concurso de méritos, na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, convocado pola Resolución do 26 de decembro de 2022, sen prexuízo do previsto na base 10.4 da resolución de convocatoria para o suposto de situacións en que as persoas seleccionadas por diversos motivos non continúen no proceso.
Cuarto. As persoas aspirantes nomeadas disporán do prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. A toma de posesión da praza efectuarase no centro de xestión ao cal pertenza esta.
A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao/á interesado/a e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo.
No entanto, nos casos de forza maior, e por instancia da persoa interesada, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión. A incorporación ás prazas adxudicadas levará aparellado o cesamento do persoal temporal que, se é o caso, as ocupe, de acordo cos criterios de incorporación e cesamento vixentes.
Quinto. De conformidade coa disposición adicional segunda do Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, como condición para o perfeccionamento do nomeamento que se expida, as persoas aspirantes seleccionadas deberán realizar, con carácter obrigatorio, e nun prazo non superior aos seis meses contados desde a data de publicación do correspondente nomeamento como persoal estatutario fixo no Diario Oficial de Galicia, as actividades formativas para a obtención do nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero que recolle o artigo 157 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
Non terán que realizar esta actividade formativa as persoas aspirantes seleccionadas que a realizasen con anterioridade, se consta rexistrada en Fides/expedient-e e foi debidamente validada.
Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente, na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2025
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
ANEXO
Relación definitiva de adxudicatarios/as e destinos
|
DNI |
Apelidos e nome |
Centro directivo |
Centro |
Concello |
Quenda |
|
Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría |
|||||
|
***6360** |
BLANCO LOPEZ, ELVIRA |
A. S. de Vigo |
Complexo Hospitalario Universitario de Vigo |
Vigo |
- |
|
***5387** |
GARCIA PAULOS, MARIA DEL MAR |
A.S. de Pontevedra e O Salnés |
Hospital Público do Salnés |
Vilagarcía de Arousa |
- |
|
***1164** |
LOPEZ SANFIZ, OLGA |
A.S. da Coruña e Cee |
Complexo Hospitalario Universitario A Coruña |
Coruña, A |
- |
|
***7928** |
SANTOS DIAZ, FATIMA |
A.S. da Coruña e Cee |
Complexo Hospitalario Universitario A Coruña |
Coruña, A |
- |
|
(*) Ocúltase parcialmente o número de documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal, de acordo coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro. |
|||||
