A Orde do 24 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2022, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR351A) (DOG núm. 148, do martes 5 de agosto), establece no seu artigo 30 o crédito orzamentario para financiar as axudas ao fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia.
Así mesmo, no seu artigo 30.2 indícase que poderá incrementarse a dotación orzamentaria, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.
Coa finalidade de realizar unha xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2022 e, tendo en conta que se produciu unha xeración de crédito e a existencia de remanentes doutras convocatorias, cómpre ampliar a dotación orzamentaria para a concesión das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ampliación da dotación orzamentaria
1. Amplíase a dotación orzamentaria determinada na Orde do 24 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2022, na aplicación orzamentaria 15.04.712B 772.0 (CP 2021 00157) por importe de 3.225.000 euros na anualidade 2025.
2. Unha vez efectuada esta ampliación, a dotación orzamentaria total é de 3.625.000 euros.
Artigo 2. Prazo de solicitudes
A ampliación prevista no artigo 1 desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 24 de xullo de 2025.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
