Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a continuación se describe:
– Peticionario: Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF).
– Domicilio social: rúa Sor Ángela de la Cruz, 3, 7ª planta, 28020 Madrid.
– Denominación: instalación de PAS, LMTS (extensión de red) e centro de seccionamiento (CS) para subministración á boca norte do novo túnel de Oural no tramo Monforte-Lugo.
– Situación: concello de Sarria.
– Características técnicas principais:
• Liña soterrada de alta tensión a 20 kV, con orixe nun PAS para realizar no apoio existente BVM097OQ//D75 da LMTS SAR804, entra e sae no CS proxectado e remata noutro PAS para realizar no mesmo apoio, cunha lonxitude de 32 metros, en condutor RHZ1-240 mm.
• CS en edificio prefabricado, no cal se instalan tres celas de liña e unha de servizos auxiliares.
– Finalidade da instalación: ampliación de instalacións.
– Orzamento: 40.028,37 €.
– Documentación que se xunta:
• Separata para o Concello de Sarria.
• Separata para UFD Distribución Electricidad, S.A.
Este departamento territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción das ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, en particular os condicionantes específicos que o promotor debe acatar na execución das obras determinados pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil na resolución do expediente con referencia A/27/48196, e condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. Deberán cumprirse en todo momento as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dous anos, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) número 517/2014 (DOUE número 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución. Tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 24 de setembro de 2025
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
