DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 22 de outubro de 2025 Páx. 54856

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo do 25 de setembro de 2025, da Comisión Bilateral de Cooperación Administración xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Conforme o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025

Sandra Vázquez Domínguez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración xeral do
Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte Acordo:

I. De conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto nos Acordos da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, para o estudo e a proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 30, 45, 58, 72, 79, 89 e 97 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, no que se refire aos preceptos obxecto deste Acordo, nos seguintes termos:

1º. Respecto ao artigo 58, ambas as partes acordan que o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a correspondente iniciativa lexislativa de modo que as referencias a «comercio interior e exterior» nos puntos un, dous e sete do dito artigo 58 na redacción dada ao Decreto 42/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade, queden substituídos por «comercio».

2º. En relación co punto catro do artigo 72, ambas as partes coinciden en interpretar que, para os efectos de inscrición no Rexistro da Propiedade, a aprobación definitiva dos proxectos de parcelación ou reparcelamento regulados no artigo 72 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, substitúe a licenza municipal.

3º. Polo que se refire ao punto cinco do artigo 79, ambas as partes acordan que o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a correspondente modificación lexislativa, de modo que quede suprimido o inciso «Nestes casos, as rexistradoras ou rexistradores cancelarán de oficio as notas marxinais relativas ao réxime de protección» do punto 2 do artigo 61 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

4º. En canto ao artigo 89, que engade o punto 6 ao artigo 25 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, ambas as partes coinciden en considerar que tal precepto debe ser interpretado e aplicado, en exercicio das potestades administrativas e normativas do Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo que o comercio relacionado cos animais que regula a norma autonómica é exclusivamente o comercio interior, quedando excluído da regulación autonómica o comercio exterior.

5º. En relación co punto un do artigo 97, o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia asume o compromiso de promover unha iniciativa lexislativa en que se deixe sen efecto o disposto no artigo 24.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, en canto á configuración da non superación do período de proba do persoal funcionario interino dun determinado corpo, escala ou especialidade como unha causa de cesamento do dito persoal.

II. En razón do Acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas e concluída a controversia exposta no que se refire aos preceptos obxecto deste Acordo.

III. Non se consideran obxecto do presente Acordo os artigos 30 e 45, respecto dos cales non se alcanzou un acordo entre as partes.

IV. Comunicar este Acordo ao Tribunal Constitucional, para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Ángel Víctor Torres Pérez

Ministro de Política Territorial
e Memoria Democrática

Diego Calvo Pouso

Conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes