DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 22 de outubro de 2025 Páx. 54947

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre a clasificación do posto de traballo de vicesecretario/a do Concello de Ponteareas como posto reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Á vista da solicitude formulada polo Concello de Ponteareas, relativa á clasificación do posto de traballo de vicesecretario/a como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN), emítese unha resolución con base nos seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro e único. O Concello de Ponteareas achegou, a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2025/2521659), a solicitude relativa á clasificación do posto de traballo de vicesecretario/a como reservado a PFHN e xuntou con esta petición a seguinte documentación:

– Memoria económica e xurídica xustificativa para a clasificación do posto de vicesecretario/a do Concello de Ponteareas como reservado a PFHN.

– Certificación relativa aos recursos do orzamento do Concello de Ponteareas para o exercicio económico 2025 polo importe de 28.700.266,11 euros.

– Certificación relativa á cifra do último padrón municipal do Concello de Ponteareas, segundo a última rectificación referida ao 1.1.2024 aprobada polo Instituto Nacional de Estatística, que ascende a 23.196 habitantes.

– Certificado da secretaría municipal relativo ao Acordo plenario do 26 de agosto de 2025 polo que se aproba definitivamente a modificación da relación de postos de traballo do Concello de Ponteareas, na cal figura o posto de traballo reservado de vicesecretario/a como reservado a PFHN.

No citado certificado acredítase que, logo de realizar a aprobación inicial da modificación da relación de postos de traballo do Concello de Ponteareas mediante o Acordo plenario do 6 de maio de 2025, que foi publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 96, do 22 de maio, se achegaron alegacións que foron desestimadas, e aprobouse definitivamente o acordo na sesión plenaria do 26.8.2025, que foi publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 166, do 2 de setembro.

Por tanto, pódese considerar completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 92 bis, punto 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (en diante, LRBRL), dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, clasificación e supresión de postos de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.

As previsións contidas no citado precepto foron obxecto de desenvolvemento en virtude do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración Local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018).

Segundo. O artigo 6 do Real decreto 128/2018 establece que son postos de traballo reservados a funcionarios da Administración Local con habilitación de carácter nacional os que teñan expresamente atribuída, segundo corresponda, a responsabilidade administrativa das funcións reservadas de fe pública e asesoramento legal preceptivo, control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria e a contabilidade, tesouraría e recadación. Na relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar de cada entidade local deben quedar reflectidas a denominación e as características esenciais dos citados postos de traballo reservados.

Terceiro. Pola súa banda, o artigo 15 do Real decreto 128/2018 regula a posibilidade das entidades locais de crearen discrecionalmente outros postos de traballo que teñan atribuídas funcións de colaboración inmediata e auxilio ás de Secretaría, Intervención e Tesouraría. Estes postos de traballo estarán reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, e exercerán as súas funcións baixo a dependencia funcional e xerárquica dos titulares dos últimos postos de traballo mencionados.

A estes postos de colaboración corresponderanlles as funcións reservadas que, logo de autorización do alcalde ou presidente da Corporación, lles encomenden os titulares dos postos reservados de Secretaría, Intervención e Tesouraría, e a substitución destes últimos nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou concorrencia dunha causa de abstención ou recusación legal ou regulamentaria deles.

Cuarto. A clasificación destes postos de colaboración correspóndelle á Comunidade Autónoma, de acordo cos criterios sinalados no artigo 15.3 do Real decreto 128/2018, que na súa letra b) indica que nas entidades locais con postos de Secretaría e Intervención clasificados na clase 1ª os postos de colaboración ás funcións de secretaría poderán clasificarse en 1ª, 2ª e 3ª clase e ser adscritos, respectivamente, ás subescalas de Secretaría, categoría superior, Secretaría, categoría de entrada e á subescala de Secretaría-Intervención.

O Concello de Ponteareas considera necesaria a creación deste posto de colaboración debido ao crecemento do volume e da complexidade dos procedementos administrativos derivados da xestión municipal, xa que a estrutura actual, cun único posto reservado na Secretaría municipal, resulta insuficiente para responder de maneira áxil e eficiente as crecentes demandas, particularmente na resolución de expedientes relacionados con subvencións, convenios e contratacións, entre outros.

Quinto. O Real decreto 128/2018 atribúelles ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados aos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para a clasificación de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

A Dirección Xeral de Administración Local é competente para adoptar este acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello de Ponteareas, coas seguintes características:

Entidade local: Concello de Ponteareas.

Posto: vicesecretario/a.

Subescala: Secretaría-Intervención.

Forma de provisión: concurso de méritos.

Nivel de complemento de destino: 29.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, as prsoas interesadas poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente un requirimento no prazo de dous meses, conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local