DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 22 de outubro de 2025 Páx. 54866

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 89/2025, do 22 de setembro, polo que se aproba o Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do polígono industrial de Bértoa, fase II, sectores A e B, no concello de Carballo (A Coruña).

No marco do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia recóllense as áreas empresariais de interese autonómico. O polígono industrial de Bértoa (Carballo) e a fase I da súa ampliación atópanse xa urbanizados e en uso, e inclúense ambos no inventario do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia vixente (en diante, PSOAEG), que foi aprobado definitivamente por acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 30.4.2014 (DOG núm. 101, do 28 de maio), como áreas empresariais en funcionamento.

O ámbito da ampliación do parque empresarial de Bértoa, fase II, atópase delimitado nas actuacións previstas no PSOAEG e inclúe o desenvolvemento de dous sectores: A e B (código das áreas: 15019013 e 15019014).

Para o desenvolvemento deste ámbito acordouse a redacción dun Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (en diante, PEOSE). O PEOSE é o instrumento de ordenación do territorio para planificar e ordenar as actuacións de creación de solo empresarial e ten por obxecto o desenvolvemento das actuacións de promoción pública previstas no PSOAEG.

O PEOSE do polígono industrial de Bértoa, fase II, ten como finalidade a transformación urbanística do solo con destino á creación do solo empresarial.

O ámbito ordenado conta cunha superficie total de 629.587 m2. Distínguese dous sectores arredor do parque existente. Un sector A, cunha superficie total de 516.551 m2, no que se planifica unha estrutura viaria organizada ao redor de tres eixes principais de tráfico, que se conectan co viario existente. Con esta rede viaria, a ordenación proposta consta de dúas áreas estruturantes (A e B) e xérase a posibilidade de crear un cuarteirón situado na metade suroeste do ámbito (cuarteirón C) de ordenación diferida, que permitirá a parcelación desta bolsa de uso lucrativo en función da demanda, cunha superficie de 238.984 m2.

No caso do sector B, a estrutura da ordenación proposta organízase a través dunha rede viaria estruturante formada pola rúa A, que discorre de norte a sur, servindo a todo o tecido empresarial e garantindo a conexión e continuidade coa área empresarial existente; a rúa B, que reordena o contacto norte co parque existente; e a rúa C, que atravesa o solo urbano e permite a conexión co antigo polígono de Bértoa.

O sector A dá lugar á superficie lucrativa máxima de 299.680 m² e no sector B proxéctase unha superficie de uso lucrativo total de 73.358 m².

O PEOSE inclúe o contido e a documentación exixidos para este tipo de instrumentos de ordenación do territorio, tanto na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, nomeadamente o artigo 35 da citada lei, coma no PSOAEG.

Así mesmo, e de conformidade co artigo 20.4 e coa disposición adicional quinta da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o PEOSE incorpora tamén a documentación de carácter técnico necesario para a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Carballo.

A formulación e a aprobación do PEOSE axustouse ao procedemento establecido na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, nomeadamente aos artigos 37 e 38 da citada lei.

Así, o 31.1.2023 a Xunta de Galicia iniciou a tramitación do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do polígono industrial de Bértoa, fase II, sectores A e B, no concello de Carballo, solicitando á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático iniciar o procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada.

O procedemento de aprobación deste PEOSE é o previsto no artigo 38 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, relativo aos plans que deban someterse a avaliación ambiental estratéxica simplificada, tal e como se desprende da Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático do 9.6.2023, pola que se formulou o Informe Ambiental Estratéxico do proxecto, no que se acordou non someter o PEOSE ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

De acordo co procedemento establecido na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, mediante a Resolución do 17.11.2023, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) procedeu á aprobación inicial do PEOSE e á apertura do período de información pública, mediante un anuncio no Diario Oficial de Galicia nº 228, do 30 de novembro de 2023, e no Boletín Oficial da provincia nº 224, do 23 de novembro, con indicación expresa da ligazón para acceder ao documento na web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Así mesmo, notificouselles individualmente ás persoas titulares catastrais dos terreos afectados sobre as cales incide o instrumento, e o dito trámite tamén se publicou no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado; deuse audiencia á Deputación da Coruña e ao Concello de Carballo, e solicitáronse os informes sectoriais preceptivos segundo a lexislación sectorial aplicable.

Unha vez cumpridos os preceptivos trámites de audiencia, notificacións e recadación de informes sectoriais e de suficiencia de subministracións de servizos e incorporadas as pertinentes modificacións, o 9.7.2025, a directora xeral de Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación provisional do PEOSE.

En cumprimento do previsto na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, o 18 de setembro de 2025 foi aprobado provisionalmente o PEOSE pola persoa titular da Consellería de Economía e Industria.

Visto canto antecede, de acordo co disposto no artigo 20 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Economía e Industria, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e dous de setembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial

1. Apróbase definitivamente o Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do polígono industrial de Bértoa, fase II, sectores A e B, no concello de Carballo (A Coruña), integrado polos seguintes documentos:

a) Memoria informativa.

b) Memoria xustificativa.

c) Anexo comprensivo das respostas a informes sectoriais e alegacións presentadas.

d) Documentación anexa á memoria.

e) Documentación gráfica con planos de información e ordenación a escala axeitada.

f) Normativa urbanística.

g) Catálogo de elementos con protección patrimonial.

h) Estudo económico.

i) Documentación ambiental conforme a lexislación aplicable.

j) Modificación da ordenación do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Carballo.

k) Determinacións non estruturantes de eficacia diferida.

2. De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de lei de áreas empresariais de Galicia, apróbase a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Carballo, aprobado definitivamente o 4.2.2016 (DOG nº 39, do 26 de febreiro).

3. A normativa do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do polígono industrial de Bértoa, fase II, sectores A e B, incorpóranse como anexo a este decreto.

4. O contido íntegro do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do polígono industrial de Bértoa, fase II, sectores A e B, está dispoñible no seguinte enderezo electrónico: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

5. De conformidade co previsto nos artigos 37 e 38 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, e no artigo 32 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, indícase que, mediante o Anuncio do 12 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG núm. 120, do 26 de xuño), fíxose público o informe ambiental estratéxico do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do polígono industrial de Bértoa, fase II, sectores A e B, que pode consultarse, xunto coa restante documentación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada no seguinte enderezo electrónico: https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave introducindo o código 2576/2023.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O plan que este decreto aproba, así como a modificación do planeamento urbanístico do Concello de Carballo, entrarán en vigor de conformidade co previsto no artigo 40 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de setembro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria

ANEXO

Normativa do plan

CAPÍTULO I

Xeneralidades e terminoloxía

PUNTO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Xeneralidades

Esta normativa aplícase ao ámbito do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (en diante, PEOSE) do polígono industrial de Bértoa, fase II, sectores A e B, no concello de Carballo, grafado nos planos de ordenación que desenvolven as determinacións do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (en diante, PSOAEG).

Esta normativa aplícase á superficie total do ámbito do PEOSE.

A normativa do PEOSE será a propia para o desenvolvemento das actividades empresariais e industriais e das infraestruturas que lles sexan complementarias.

O alcance normativo do PEOSE deriva do contido normativo dos documentos urbanísticos que o integran e, en particular, da normativa urbanística e os planos de ordenación.

O cumprimento das normas e preceptos contidos nesta normativa non exime da obrigatoriedade de cumprir as restantes disposicións vixentes ou que poidan ser ditadas sobre as distintas materias afectadas en cada caso.

Nos aspectos non contemplados nesta normativa haberá que aterse ao disposto no PSOAEG e na normativa urbanística municipal vixente.

Toda vez que a ordenación recollida no PEOSE considera un ámbito de determinacións de eficacia diferida, ao abeiro do disposto no artigo 34 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, para o desenvolvemento e execución daquel redactaranse os correspondentes proxectos de desenvolvemento e urbanización.

Para o desenvolvemento urbanístico das actividades redactaranse os proxectos de parcelamento, edificación e instalacións correspondentes.

Artigo 2. Modificación e vixencia

Consonte o recollido no art. 45 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, unha vez aprobado, o PEOSE terá vixencia indefinida, sen prexuízo da súa posible modificación, e sen que lle sexa aplicable a figura da caducidade regulada na lexislación de ordenación do territorio.

A modificación do PEOSE poderá realizarse seguindo o establecido no artigo 46 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.

PUNTO II

Terminoloxía

Artigo 3. Ámbito

Comprenden o conxunto de terreos obxecto deste PEOSE os interiores á delimitación gráfica representada nos planos deste plan.

Artigo 4. Polígono e sistema de actuación

Son polígonos os ámbitos territoriais que comportan a execución integral do planeamento e foron delimitados de forma que permiten o cumprimento do conxunto dos deberes de cesión, de urbanización e de xusta distribución de cargas e beneficios na totalidade da súa superficie.

Neste PEOSE delimítase un polígono único de actuación.

O sistema de actuación será o de expropiación.

Artigo 5. Fase ou etapa

É a unidade mínima de realización das obras de urbanización coordinada coas restantes determinacións do PEOSE en especial co desenvolvemento no tempo da edificación. O presente PEOSE considera a posible execución das obras en tres fases, unha para a totalidade do sector B e dúas para o sector A.

Artigo 6. Plano parcelario

No PEOSE inclúese un plano parcelario para o ámbito da ordenación estruturante e varios para o ámbito con determinación de eficacia diferida, que permiten identificar cada unha das parcelas resultantes e xustificar as posibles ordenacións. Os devanditos planos parcelarios non son vinculantes, debendo entenderse como a proposta base do PEOSE (no ámbito de ordenación detallada) e posibles propostas e alternativas de ordenación (no ámbito de ordenación de eficacia diferida) que se concretarán na execución do/dos correspondente/s proxecto/s de parcelamento, logo de aprobación dos proxectos de desenvolvemento e urbanización no ámbito de ordenación diferida.

Artigo 7. Parcela e parcela mínima

Parcela ou predio: unidade de solo, tanto na rasante como no voo ou no subsolo, que teña atribuída edificabilidade e uso, ou só uso, urbanístico independente.

Parcela mínima: a menor dimensión en superficie que debe ter unha parcela para que se poidan autorizar sobre ela a edificabilidade e os usos permitidos polo plan urbanístico.

Artigo 8. Cuarteirón

É o conxunto de parcelas que sen solución de continuidade quedan comprendidas entre vías, zonas libres e/o límites do ámbito do PEOSE.

Artigo 9. Aliñación

Enténdese por aliñación aquela liña sinalada polos instrumentos de planeamento que establece a separación das parcelas edificables con respecto á rede viaria ou ao sistema de espazos libres e zonas verdes públicas.

Artigo 10. Lindeiros

Lindeiros ou lindes: liñas perimetrais que establecen os límites dunha parcela; distínguese entre lindeiro frontal, laterais e traseiro. En parcelas con máis dun lindeiro frontal, serán laterais os restantes.

Lindeiro frontal ou fronte de parcela: o lindeiro que delimita a parcela no seu contacto coas vías públicas. Nas parcelas urbanas, coincide coa aliñación oficial.

Artigo 11. Superficie de parcela

Superficie bruta: superficie completa dunha parcela que resulte da súa medición real mediante levantamento topográfico.

Superficie neta: superficie da parcela resultante de deducir da superficie bruta a correspondente aos solos destinados a uso e dominio públicos (cesións).

Artigo 12. Espazo libre de parcela

É a parte da parcela neta que queda excluída da superficie ocupada pola edificación. O proxecto de edificación da parcela definirá a urbanización completa destes espazos.

Artigo 13. Rasante

Enténdese por rasante a cota altimétrica que determina a elevación dunha aliñación ou liña de edificación en cada punto do territorio. Distínguese entre rasante natural do terreo, rasante da rúa (no eixe da calzada) ou da beirarrúa, que poden ser existentes ou proxectadas.

A cota de referencia ou de orixe é a rasante do punto que o plan define para unha aliñación ou liña de edificación como orixe da medición dos diversos criterios de medir as alturas da edificación.

A cota de referencia neste caso será a rasante da rúa medida na liña da aliñación no punto medio da fachada.

Artigo 14. Recuamentos

É a separación mínima das liñas da edificación aos lindeiros da parcela, medida perpendicularmente a eles. Distínguense o recuamento frontal, lateral e traseiro, segundo o lindeiro do que se trate. Os recuamentos terán o carácter de mínimos, salvo indicación expresa en ordenanzas e/ou planos de ordenación.

Artigo 15. Plano de fachada

Refírese ao plano vertical tanxente aos elementos máis exteriores do cerramento das edificacións, exceptuando balcóns, balconadas, miradoiros, galerías, terrazas, voos e corpos voados autorizados. Para os efectos de delimitación da edificación, considéranse os correspondentes tanto ás fachadas principais como ás medianeiras.

Artigo 16. Liña de edificación

É aquela liña que a futura edificación (intersección do plano de fachada da edificación co terreo) non pode exceder.

A liña de edificación será exterior cando se refire á fachada de edificación que dá fronte a espazos libres públicos ou rúa.

A liña de edificación non marcará obrigatoriamente a posición da edificación salvo indicación expresa nas ordenanzas e/ou planos de ordenación.

Artigo 17. Área de movemento da edificación

É a superficie da parcela susceptible de ser ocupada pola edificación. Será a sinalada en planos de ordenación, derivada dos recuamentos e as distancias mínimas de edificación de normativas sectoriais.

En ausencia de liñas de edificación obrigatorias, a disposición das edificacións sobre rasante dentro da dita área de movemento será totalmente libre.

Artigo 18. Ocupación de parcela

Porcentaxe máxima da parcela que pode ser ocupada pola edificación, en calquera das súas plantas sobre ou baixo rasante, incluídos os seus corpos voados, pechados ou abertos, referida á superficie neta desta.

Artigo 19. Edificabilidade

Superficie edificable: superficie construíble máxima nunha parcela, ámbito, ou sector, referida aos diferentes usos, expresada en metros cadrados, resultante de aplicar á súa superficie os índices de edificabilidade correspondentes.

Edificabilidade ou índice de edificabilidade bruta: límite máximo de edificabilidade para cada uso, expresado en metros cadrados de teito por cada metro cadrado de solo, aplicable nunha parcela, ámbito ou sector.

Edificabilidade ou índice de edificabilidade neta: límite máximo de edificabilidade para cada uso, expresado en metros cadrados de teito por cada metro cadrado de solo, aplicable sobre a superficie neta edificable.

Aproveitamento tipo: edificabilidade unitaria ponderada en función dos distintos valores de repercusión do solo dos usos característicos da correspondente área de repartición.

Aproveitamento xeral: aproveitamento da área de repartición resultado do cociente entre o aproveitamento lucrativo total desta e a superficie total da área, incluídos os terreos dos sistemas xerais adscritos a ela e excluídos os terreos afectos a dotacións públicas que non fosen obtidos por expropiación anticipada en execución do plan, xa existentes no momento de aprobación daquel, e cuxa superficie se manteña.

Enténdese por «edificabilidade», a relación entre a superficie construída (suma das superficies construídas de todas as plantas que integran a edificación) e a superficie neta da parcela. O cómputo da edificabilidade seguirá o establecido na lexislación urbanística en vigor no momento da solicitude da licenza.

En caso de non existir regulación ao respecto, non computará no cálculo da edificabilidade:

a) Os espazos con altura libre inferior a 1,50 metros.

b) Os equipos de procesos de fabricación exteriores ás naves, tales como bombas, tanques, torres de refrixeración, chemineas, etc...

c) Os elementos ornamentais de final da cuberta e os que corresponden a escaleiras, aparellos elevadores ou elementos propios das instalacións do edificio (tanques de almacenamento, acondicionadores, torres de procesos, paneis de captación de enerxía solar, chemineas, etc.).

Artigo 20. Medición da altura da edificación

Para efectos da medición da altura de edificación, distínguense os seguintes tipos de alturas:

Altura máxima do edificio: é a altura do edificio máxima definida en cada ordenanza, definida en metros ou en número de plantas.

Altura de coroación ou do edificio: distancia vertical entre a cota de referencia e a liña de cuberta máis alta da edificación.

Altura de cornixa: distancia vertical entre a cota de referencia e a intersección entre o plano que constitúe a cara superior da cuberta e o plano vertical correspondente á cara exterior da fachada.

Altura de planta: distancia vertical entre as caras superiores de dous forxados consecutivos.

Altura libre de planta: distancia vertical entre a cara superior do pavimento terminado dunha planta e a cara inferior terminada do teito ou falso teito da mesma planta.

Para estes efectos defínese no artigo 13 a cota de referencia ou de orixe como a rasante do punto que o plan define para unha aliñación ou liña de edificación como orixe da medición dos diversos criterios de medir as alturas da edificación.

Artigo 21. Construcións por arriba da altura máxima

Sobre a altura máxima permitida poderán autorizarse outras construcións como as chemineas, antenas e instalacións especiais, sempre que estean debidamente xustificadas.

Sobre a cuberta da edificación permitirase a instalación de colectores solares e/ou paneis solares e as súas instalacións auxiliares.

Artigo 22. Tipoloxías edificatorias

Para efectos desta PEOSE establécense as seguintes tipoloxías edificatorias:

Edificación illada: é aquela edificación cuxos paramentos non lindan con ningunha outra edificación.

Edificación acaroada, en ringleira ou apegada: é aquela edificación cuxos paramentos lindan con algunha outra edificación.

Edificación pareada: é un caso particular da edificación acaroada, formada pola agrupación unicamente de dous edificios, que lindan exclusivamente por un dos seus paramentos laterais.

Artigo 23. Posibilidade de entreplanta de oficinas ou almacéns e de disposición de plantas anexas

Serán admisibles entreplantas interiores, de oficinas ou almacéns, computables para os efectos de edificabilidade.

Altura de entreplanta: 3 metros de altura libre de planta, desde o piso ata o teito. Con todo, en locais comerciais, de servizos, oficinas e despachos, a altura poderá reducirse a 2,5 metros.

Artigo 24. Plantas da edificación

Considérase planta toda superficie acondicionada para desenvolver nela unha actividade.

Planta soto: planta da edificación, situada por baixo doutra planta, na que a cara inferior do forxado que forma o seu teito queda por baixo do nivel da rasante en calquera punto das súas fachadas, excluíndo o punto en que se sitúe o acceso cando o uso del sexa aparcamento, e sempre que a súa fronte non ocupe máis do 50 % da fachada, nin máis de 6 metros; admitirase esta excepción unicamente nunha das fachadas do edificio.

Planta soto: planta da edificación situada por baixo da planta baixa, na que a distancia vertical desde a cara superior do forxado que forma o seu teito ata o nivel da rasante é igual ou inferior a 1 metro en calquera punto das súas fachadas, excluíndo o punto en que se sitúe o acceso cando o uso deste sexa aparcamento, e sempre que a súa fronte non ocupe máis do 50 % da fachada nin máis de 6 metros; admitirase esta excepción unicamente nunha das fachadas do edificio. Cando a dita distancia exceda 1 metro, considerarase planta baixa.

Planta baixa: planta da edificación onde a distancia vertical entre a cara superior do seu forxado de chan e o nivel da rasante situada por baixo daquel non excede 1 metro, sen prexuízo do disposto no punto anterior. Cando a dita distancia exceda 1 metro, considerarase planta andar ou alta.

Planta andar ou alta: cada unha das plantas situadas por arriba da planta baixa.

Artigo 25. Voos en peiraos de carga e descarga

As marquesiñas poderán ter un voo de 3 m.

Fóra das marquesiñas, os voos das edificacións serán computables para efectos de edificabilidade.

Os peiraos de carga e descarga poderán sobresaír da liña de fachada, de tal maneira que quede garantido que os vehículos non invadan o espazo público durante as actividades de carga e descarga.

CAPÍTULO II

Ordenanzas xerais

PUNTO I

Ordenación

Artigo 26. Ordenación do solo

A estrutura funcional e a ordenación estruturante do solo no ámbito do parque empresarial queda definida nos planos de ordenación e zonificación.

No ámbito de determinacións de eficacia diferida, nos planos de ordenación e zonificación amósanse as condicións básicas e os límites e marxe de variación das ditas determinacións para o seu posterior desenvolvemento por medio dos instrumentos de desenvolvemento e execución.

Artigo 27. Segregacións

Permítese a segregación de parcelas nos casos establecidos no artigo 29 seguinte. Se con motivo da segregación fose preciso realizar obras complementarias de urbanización, estas realizaranse con cargo a quen inste a segregación.

Artigo 28. Agrupación de parcelas

Permítese a agrupación de parcelas coas seguintes finalidades:

a) Para formar outra parcela de maiores dimensións. A nova parcela cumprirá as condicións establecidas para a tipoloxía definida nos planos de ordenación e nas ordenanzas particulares.

b) Para cambiar a tipoloxía por agrupación de parcelas.

Artigo 29. Normas comúns ás agregacións e segregacións de parcelas. Parcela mínima

Toda agrupación ou segregación de parcelas deberá cumprir as seguintes condicións:

a) As parcelas resultantes respectarán as superficies máxima e mínima, así como a fronte mínima que lle corresponda consonte as ordenanzas particulares do ámbito en cuestión. Non se aplica ás parcelas de infraestruturas, que poderán ter a fronte e a dimensión de parcela segundo os requisitos da infraestrutura, así como ás parcelas con uso dotacional en categoría servizos urbanos para a localización de centros de transformación ou outras instalacións.

b) Resolverá os accesos viarios ás subparcelas resultantes.

c) Os lindeiros laterais resultantes de agrupacións e segregacións serán ortogonais á aliñación da rúa.

d) Respectará a estrutura urbanística establecida no PEOSE.

e) Admitirá as acometidas aos servizos urbanísticos.

f) Conformará parcelas edificables, consonte as condicións establecidas nas ordenanzas particulares deste PEOSE.

g) Evitarase a formación de parcelas resultantes con formas moi irregulares que favorezan a aparición de edificacións con formas de difícil integración, que, en todo caso, estarán suxeitas ás restricións impostas para estas nesta mesma normativa.

h) Os parcelamentos estarán suxeitos a licenza municipal.

Artigo 30. Estudos de detalle

En desenvolvemento deste PEOSE poderán redactarse estudos de detalle para parcelas, cuarteiróns ou unidades urbanas equivalentes definidas cos seguintes obxectivos:

a) Completar ou reaxustar as aliñacións e as rasantes establecidas neste PEOSE.

b) Ordenar os volumes edificables consonte as especificacións que se establecen neste PEOSE.

c) Concretar as condicións estéticas e de composición da edificación, complementarias das establecidas neste PEOSE.

As ordenanzas particulares poderán exixir a redacción dun estudio de detalle naqueles ámbitos que pola súa singularidade resulte xustificado.

Artigo 31. Cesións de solo

Este PEOSE determina, no ámbito de actuación, os seguintes elementos destinados ao uso e dominio públicos, que poderán ser, pola súa vez, obxecto de cesión:

a) Sistema viario.

b) Espazos libres públicos.

c) Equipamento público.

PUNTO II

Ordenanzas de uso

Artigo 32. Definición e clasificación

Os usos poderán clasificarse en:

a) Uso característico: considérase o uso maioritario dos integrados nunha mesma área de repartición, nun ámbito ou nun sector: será o considerado de referencia para o establecemento dos coeficientes de homoxeneización para os efectos da determinación do aproveitamento tipo cando corresponda.

b) Uso maioritario ou principal: uso permitido que dispón de maior superficie edificable computada en metros cadrados de teito.

c) Uso alternativo: uso que pode substituír na súa totalidade o uso principal. Para os efectos destas ordenanzas, considérase que o uso alternativo pode substituír na súa totalidade o uso principal a nivel de parcela.

d) Usos complementarios: usos permitidos cuxa implantación vén determinada como demanda do uso principal e nunha proporcionada relación con este, por exixencia da normativa urbanística, sectorial ou do propio plan.

e) Usos prohibidos: usos que sexan contrarios á ordenación urbanística proposta.

Artigo 33. Uso industrial: definición e clasificación

Defínese como industrial aquel uso que comprende as actividades destinadas ao almacenamento, distribución, obtención, elaboración, transformación e reparación de produtos. Distínguense, entre outros, os seguintes usos industriais pormenorizados:

a) Produtivo: aquel uso que comprende as actividades de produción de bens propiamente dita.

b) Almacenaxe: aquel uso que comprende o depósito, a garda e a distribución almacenista tanto dos bens producidos como das materias primas necesarias para realizar o proceso produtivo.

c) Loxístico: aquel uso que comprende as operacións de distribución a grande escala de bens producidos, situadas en áreas especializadas para este fin, asociadas a infraestruturas de transporte de longo percorrido.

Artigo 34. Réxime do uso industrial

a) Usos alternativos: en caso de ser necesario dotar o parque empresarial de parcelas de uso terciario, este poderá substituír o uso principal dunha determinada parcela, coas limitacións impostas polas ordenanzas particulares

b) Usos complementarios: cando o uso industrial sexa o principal da parcela poderán admitirse os usos complementarios seguintes:

• Terciario-oficinas: vinculadas ao uso industrial e cunha ocupación inferior ao 50 % da superficie construída.

• Terciario-comercial: como exposición e venda en relación directa co uso industrial e cunha ocupación inferior ao 40 % da superficie construída.

• Garaxe-aparcamento.

• Residencial, en parcelas de máis de 5.000 m2 de superficie, e cunha superficie máxima de 150 m2, para uso do persoal de garda e vixilancia, en caso de ser necesario.

• Uso dotacional.

a) Usos prohibidos: todos os demais.

Artigo 35. Uso terciario: definición y clasificación

Defínese como terciario, aquel uso que comprende as actividades destinadas ao comercio, ao turismo, ao lecer ou á prestación de servizos. Distínguense, entre outros, os seguintes usos terciarios pormenorizados:

a) Comercial.

Comprende as actividades destinadas á subministración de mercancorías ao público mediante á venda polo miúdo ou a prestación de servizos a particulares. Distínguense as grandes superficies comerciais das convencionais, en virtude da súa normativa específica.

b) Oficinas.

Comprende os usos de locais destinados á prestación de servicios profesionais, financeiros, de información e outros, sobre a base da utilización e transmisión de información, ben ás empresas ou ben aos particulares.

c) Hoteleiro.

Comprende as actividades destinadas a satisfacer o aloxamento temporal.

d) Recreativo.

Comprende as actividades vencelladas ao lecer.

Artigo 36. Réxime do uso terciario

a) Usos complementarios.

Cando o uso terciario é o principal da parcela, permítense ademais os usos seguintes:

• Industrial: en planta baixa e semisoto, sempre que non sexan os usos industriais incompatibles, determinados na listaxe do artigo 37.

• Dotacional.

• Garaxe-aparcadoiro.

b) Usos prohibidos: todos os demais.

Artigo 37. Actividades industriais incompatibles co uso terciario

1. Sector da construción:

• Plantas clasificadoras de conglomerados.

• Plantas de fabricación de formigón.

• Fabricación de aglomerados asfálticos.

• Instalacións destinadas á extracción de amianto, así como ao tratamento e transformación do amianto e dos produtos que conteñen amianto.

2. Industrias agroalimentarias:

• Fábricas de féculas industriais.

• Fábricas de empaque de materiais compostos.

• Lavado, desengraxado e branqueado de la.

• Obtención de fibras artificiais.

• Tintadura de fibras.

• Tratamento de celulosa e industrias da reciclaxe do papel.

• Industrias de fabricación de pasta de celulosa.

3. Instalacións siderúrxicas:

• Fundición.

• Estiramento.

• Laminación.

• Trituración e calcinación de minerais metálicos.

• Embutido e corte de metais.

• Revestimento e tratamentos superficiais.

• Construción de estruturas metálicas.

4. Industria química:

• Fabricación e tratamento de pesticidas, produtos farmacéuticos pinturas, vernices, elastómeros e peróxidos.

• Fabricación e tratamento doutros produtos químicos.

• Fabricación e tratamento de produtos a base de elastómeros.

• Fabricación de fibras minerais artificiais.

• Fabricación de explosivos.

• Fabricación de biocombustibles.

• Produción de plásticos por extrusión, laminación ou operacións.

5. Instalacións de xestión dos residuos en xeral, de residuos sólidos urbanos e asimilables a urbanos.

A listaxe de usos incompatibles non é excluínte, de xeito tal que tamén poderán considerarse incompatibles, para os efectos de concesión de licenzas, outros usos industriais considerados prexudiciais para a súa implantación nunha parcela en concreto ou no ámbito do parque.

Artigo 38. Uso dotacional

Defínese como dotacional aquel uso localizado nos sistemas de infraestruturas de comunicacións, de espazos libres e zonas verdes, de equipamentos e de infraestruturas de redes de servizos, que comprende as instalacións e os servizos destinados á satisfacción das necesidades da cidadanía. Distínguense, entre outros, os seguintes usos dotacionais detallados:

a) Infraestruturas de comunicación viaria: aquelas que inclúen o solo necesario para asegurar un nivel adecuado de mobilidade terrestre. Comprende as infraestruturas de transporte terrestre para calquera modalidade de tránsito, como son as estradas, os camiños, as rúas e os aparcadoiros.

b) Servizos urbanos: aqueles que inclúen o conxunto de redes, instalacións e espazos asociados, destinados á prestación de servizos urbanísticos, como son os de captación, almacenamento, tratamento e distribución de auga, saneamento, depuración e reutilización de augas residuais, recollida, depósito e tratamento de residuos, subministración de gas, enerxía eléctrica, telecomunicacións e demais servizos esenciais ou de interese xeral.

c) Espazos libres e zonas verdes: aqueles usos que comprenden os espazos libres como prazas e áreas peonís, e as zonas verdes como áreas de xogo, xardíns, paseos peonís e parques.

1. Prazas e áreas peonís: espazos libres urbanos, caracterizados por estaren preferentemente ao aire libre, teren carácter peonil, estaren maioritariamente pavimentados e destinarse á estadía e convivencia social e cidadá.

2. Paseos peonís: zonas verdes de desenvolvemento lineal e preferentemente arborizados, destinados ao paseo e á estadía das persoas.

3. Áreas de xogo: zonas verdes localizadas ao aire libre e dotadas do mobiliario e características adecuadas para seren destinadas a xogos infantís ou deporte ao aire libre.

4. Parques e xardíns: zonas verdes caracterizadas por estaren ao aire libre, teren carácter peonil, estaren maioritariamente axardinadas e destinarse á estadía e convivencia social e cidadá.

a) Equipamentos: aqueles usos que comprenden as diferentes actividades destinadas a satisfaceren as necesidades dos cidadáns, distinguindo:

1. Sanitario-asistencial: aquel que comprende as instalacións e os servizos sanitarios, de asistencia ou benestar social.

2. Educativo: aquel que comprende as actividades destinadas á formación intelectual: centros docentes e de ensino en todos os seus niveis e para todas as materias obxecto de ensino.

3. Cultural: aquel que comprende as actividades de índole cultural, como bibliotecas, museos, teatros, auditorios, aulas da natureza e outros servizos de análoga finalidade.

4. Deportivo: aquel uso que comprende as actividades destinadas á práctica de deportes en recintos pechados, tanto ao aire libre como no interior.

5. Administrativo-institucional: aquel uso que comprende os edificios institucionais e dependencias administrativas, xudiciais, diplomáticas e de análoga finalidade.

6. Servizos públicos: aquel que comprende instalacións relacionadas con servizos públicos como protección civil, seguridade cidadá, cemiterios, prazas de abastos e outros análogos.

7. Dotacional múltiple: cualificación xenérica para reservas de solo con destino a equipamentos aos que non se lle asigne un uso específico no momento da xestión do instrumento de plan, deixando a súa definición para un momento posterior.

Artigo 39. Uso residencial

Defínese como residencial aquel uso que se establece en edificios concibidos principalmente para vivenda que serve para proporcionar aloxamento permanente ás persoas. Tan só se tolera como uso detallado unifamiliar, nos casos explicitamente indicados nas ordenanzas particulares, o uso de vivenda destinada exclusivamente ao persoal encargado da vixilancia e conservación das edificacións e instalacións coas determinacións establecidas na lexislación vixente e cunha única vivenda de 150 m2 como máximo, por cada parcela edificable de superficie maior ou igual a 5.000 m2. A superficie destinada a este uso computará na edificabilidade. Consideraranse, dentro de cada edificación ou industria, como construcións accesorias e deberán situarse con acceso independente, ventilación directa de todos os locais habitables, illamento e independencia respecto da actividade empresarial á que serven.

PUNTO III

Ordenanzas de urbanización

Artigo 40. Contidos dos proxectos de urbanización

Os proxectos de desenvolvemento e urbanización (cando proceda, por se tratar dun ámbito con determinacións de eficacia diferida), os proxectos de urbanización e, con carácter xeral, os proxectos técnicos que desenvolvan a nivel de execución as determinacións deste PEOSE estarán constituídos polos seguintes documentos:

• Memoria e anexos.

• Planos.

• Prego de prescricións técnicas particulares.

• Medicións e orzamento.

• Estudo de seguridade e saúde.

Para acadar a integración paisaxística da actuación, no deseño dos elementos definidores do espazo público (pavimentos, mobiliario, iluminación, plantacións, cartelaría...), exíxese o seguimento das recomendacións da Guía de boas prácticas en intervención en espazos públicos, Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das áreas empresariais, así como da Guía de boas prácticas nos carteis publicitarios, na cal se conteñen indicacións específicas para espazos industriais, ambas as publicacións pertencentes ás guías da colección Paisaxe galega editadas pola CMATV da Xunta de Galicia.

Naqueles fases de urbanización que comprendan ámbitos pendentes de definición dunha ordenación detallada, consonte o artigo 47 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, o desenvolvemento e execución das determinacións do PEOSE requirirá da redacción e aprobación dun proxectos de desenvolvemento e urbanización segundo o capítulo III da devandita lei.

Artigo 41. Rede viaria

O deseño e a execución da rede viaria realizarase de conformidade coas determinacións establecidas no PXOM de Carballo. O acceso á estrada de titularidade provincial (DP-1902) regularase segundo o especificado na Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas.

A continuación, inclúense a modo indicativo, características da rede viaria que o proxecto de urbanización poderá adaptar segundo as necesidades de deseño.

Para calcular a pavimentación terase en conta tanto o espesor das capas de firme, como o material para empregar na capa de rodadura, atendendo ao tráfico previsto.

As calzadas realizaranse con pavimentos flexibles mediante o emprego de firmes asfálticos, a base de mesturas bituminosas en quente, ou con pavimentos ríxidos de formigón.

O pavimento das beirarrúas será antiesvaradío, e poderase utilizar o lousado con baldosas hidráulicas ou cerámicas, lastras ou pavimentos continuos de formigón. Deberase prever a drenaxe profunda do viario en casos onde o nivel freático do terreo estea próximo á superficie.

Para reducir a escorrega, priorizarase o emprego de pavimentos permeables, salvo nas zonas nas cales existan riscos de infiltración de substancias contaminantes.

Os bordos serán prefabricados de formigón de dobre capa, de sección maciza, asentados sobre unha soleira de formigón HM-20, con 10 cm de recubrimento.

Na urbanización dos espazos públicos adoptaranse materiais homoxéneos en todo o ámbito do parque.

O deseño e o dimensionado das beirarrúas, dos bordos, dos accesos a edificios, etc., axustarase ás disposicións contidas na Lei 10/2014, de accesibilidade, e demais normas vixentes en materia de accesibilidade e supresión de barreiras tales como a Orde TMA 851/2021.

Os proxectos de urbanización sinalizarán as prazas de aparcamento previstas na rede viaria, e reservaranse as prazas que regulamentariamente correspondan para persoas con mobilidade reducida, que contarán coa correspondente sinalización.

Integrarase a vexetación no deseño das rúas e aparcadoiros.

Artigo 42. Infraestruturas de servizos e elementos de urbanización

Enténdense por infraestruturas de servizos as construcións, as instalacións e os espazos asociados, destinados aos servizos de abastecemento de auga, evacuación e depuración de augas residuais, subministración de enerxía eléctrica, gas e telecomunicacións.

Para os efectos de aplicación do Regulamento sobre a accesibilidade e a supresión de barreiras, considéranse elementos de urbanización calquera compoñente das obras de urbanización, entendendo por estas as referentes á pavimentación, á xardinería, ao saneamento, á rede de sumidoiros, á iluminación, ás redes de telecomunicación e ás redes de subministración de auga, electricidade, gases e aquelas que materializan as indicacións contidas neste PEOSE.

Os elementos de urbanización integrados en espazos de uso público posuirán con carácter xeral unhas características de deseño e execución tales que non constitúan obstáculo á liberdade de movementos das persoas con limitacións e mobilidade reducida.

En caso de existencia de tapas, rexistros, etc. na calzada, orientaranse tendo en conta as xuntas dos elementos do pavimento e nivelaranse de forma que non resalten sobre este. Estes elementos deberán reforzarse mediante un cerco de formigón.

A continuación, inclúense, a modo indicativo, as características-tipo das redes de servizos, e será o proxecto de urbanización das obras o que definirá, en última instancia, as características das redes de servizos.

Artigo 43. Rede de abastecemento de auga

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, o abastecemento de auga cumprirá as seguintes condicións:

• A dotación de auga será de 0,25 l/s/ha segundo o especificado nas instrucións técnicas de obras hidráulicas de Galicia (ITOHG).

• A rede xeral deberá ser mallada, excepto nos seus ramais de menor xerarquía, con válvulas de corte nos cruzamentos, de forma que permita obter tramos independentes. Estas válvulas serán de fundición dúctil, estarán dotadas de volante e irán aloxadas en arqueta.

• Canalizacións: o diámetro mínimo dos tubos da rede xeral será de 90 mm, e empregaranse tubos de fundición dúctil ou polietileno de alta densidade. Poderanse deseñar ramais secundarios e acometidas con diámetros menores.

• A presión normalizada de proba en fábrica de todos os elementos da rede non será inferior a 16 atmosferas.

• A presión mínima de traballo dos tubos será de 1 atm.

• As canalizacións irán preferentemente baixo as beirarrúas, a unha profundidade mínima de 60 cm, a un nivel sempre superior da rede de saneamento, e cunha distancia mínima desta de 30 cm.

• As tapas de rexistro levarán grafitada a denominación da rede e serán de fundición dúctil, tipo D400, segundo UNE EN 124, con sistema de apertura antirroubo e abisagradas. Serán recibidas na estrada mediante un marco de formigón HM-25 de 25 cm de espesor.

• Executaranse acometidas de auga de tal xeito que, a partir dunha única derivación se poidan abastecer dúas parcelas.

• Colocaranse bocas de rega conectadas á rede de distribución ou en rede independente.

• A protección contra incendios resolverase mediante hidrantes. Colocaranse, de forma perimetral unha rede de hidrantes homologados para a extinción de incendios segundo o modelo normalizado de concello ou, na súa falta, de tomas de auga, consonte o que se estableza regulamentariamente na normativa específica.

• A rede interior conectarase á rede existente, segundo se amosa nos planos de ordenación. Tanto o deseño da rede interior, que se definirá en detalle no proxecto de urbanización, como a conexión exterior, contarán coa aprobación por parte do Concello de Carballo e a empresa concesionaria do servizo.

Artigo 44. Redes de saneamento

As condicións mínimas exixibles á rede de saneamento de augas fecais (residuais) e pluviais serán as seguintes:

• Sistema: separativo.

• Velocidade de circulación da auga: entre 0,5 e 3 m/s.

• Acometidas: terán unha pendente mínima do 2 % e conectaranse directamente a un pozo. Colocaranse arquetas de acometida independentes á rede de fecais e a de pluviais en todas as parcelas.

• Pozos: executaranse os pozos de tal xeito que se poidan conectar como mínimo dúas parcelas. A distancia máxima entre pozos de rexistro será de 50 metros.

• Profundidade da rede: a profundidade mínima da rede será de 1,00 metro á parte superior do tubo. As conducións irán preferentemente baixo zona de aparcadoiro ou beirarrúas.

• Canalizacións: o diámetro mínimo será de 315 mm e o material para utilizar será PVC ou formigón armado con enchufe de campá e xunta de goma. A pendente mínima será de 0,5 %, en caso de tubos de PVC, ou o 1 %, en caso de tubos de formigón; a pendente máxima non poderá superar o 6 %.

• Caudais: os valores dos caudais de augas fecais que se van ter en conta para o cálculo do saneamento serán os mesmos que os obtidos para a rede de distribución de auga potable.

• As tapas de rexistro levarán grafiada a denominación da rede e serán de fundición dúctil, tipo D400, segundo UNE EN 124, con sistema de apertura antirroubo e abisagradas. En caso de situárense na calzada ou na zona de aparcadoiro, serán recibidas na estrada mediante un marco de formigón HM-25 de 25 cm de espesor.

• A rede interior conectarase a unha rede existente, segundo se amosa en planos de ordenación de xeito indicativo e concretarase no proxecto de urbanización. Tanto o deseño das redes interiores, que se definirán en detalle no proxecto de urbanización, como as conexións exteriores contarán coa aprobación por parte do Concello de Carballo e a empresa concesionaria do servizo. Se é necesario algún elemento de drenaxe sustentable previo á vertedura, este colocarase na zona verde.

Artigo 45. Redes de enerxía eléctrica

As condicións exixibles ás redes de enerxía eléctrica serán as seguintes:

• Consumo medio mínimo para considerar o cálculo da instalación: 25 W/m2 de superficie neta.

• Todas as parcelas deberán ter posibilidade de subministración en BT, independentemente da previsión da potencia que teña adscrita.

• As parcelas con demanda previsible superior a 50 kW disporán de subministración de MT; preverase a alimentación destas en media tensión, engadindo que isto deberá ser así, agás que se chegue a un acordo coa empresa distribuidora. Cando a subministración posible sexa inferior a 50 kW, a subministración realizarase unicamente en BT.

• Os centros de transformación irán sobre superficie, con casetas prefabricadas ou de obra de fábrica. A súa localización será en parcelas de servizos urbanos definidas expresamente para albergar a instalación ou en parcela de uso lucrativo.

• Deberase acordar o deseño da rede coa compañía distribuidora.

Artigo 46. Iluminación pública

• Consonte as directrices de paisaxe DX.10.b, no deseño da iluminación pública evitarase xerar un punto de atracción lumínica para os posibles espectadores exteriores. Para isto, os valores lumínicos serán establecidos, segundo o tipo de vía, polos correspondentes proxectos técnicos, cumprindo os niveis do Regulamento de eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior e as súas Instrucións técnicas complementarias, aprobado polo Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro, e modificacións posteriores. Ademais, a cor da iluminación, así como o tipo de luminaria, escolleranse acordes co contorno.

• A rede de iluminación pública será soterrada e executarase preferentemente baixo a beirarrúa.

• A instalación de iluminación cumprirá o Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

• En todo caso, exíxese o seguimento da Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das áreas empresariais publicada pola CMAOT.

Artigo 47. Telecomunicacións

• Para o deseño da rede atenderase ao establecido en:

– A Lei 11/2022, do 28 de xuño, xeral de telecomunicacións.

– Real decreto lei 1/1998, do 27 de febreiro, sobre infraestruturas comúns nos edificios para o acceso aos servizos de telecomunicación, o seu regulamento, aprobado mediante o Real decreto 346/2011, do 11 de marzo, e a Orde ITC/1644/2011, do 10 de xuño.

– O Real decreto 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aprobou o regulamento que establece as condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restricións ás emisións radioeléctricas e medidas de protección sanitaria fronte a emisións radioeléctricas, o cal foi modificado polo Real decreto 123/2017, do 24 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre o uso do dominio público radioeléctrico, e a Orde CTE/23/2002, do 11 de xaneiro, pola que se establecen as condicións para a presentación de determinados estudos e as certificacións por operadores de servizos de telecomunicación.

– O Real decreto 330/2016, do 9 de setembro, relativo a medidas para reducir o custo do despregamento das redes de comunicacións electrónicas de alta velocidade.

• Para a elaboración do proxecto da rede teranse en conta, sempre que sexa posible, economicamente viable, e non entre en conflito co indicado no punto anterior, as normativas das compañías subministradoras.

• A rede de telecomunicacións será subterránea sempre que exista canalización ou ben se e posible e razoable o seu uso desde o punto de vista técnico.

• No caso de edificios nos cales non exista unha infraestrutura común de comunicacións electrónicas no interior do edificio ou conxunto inmobiliario, ou a existente non permita instalar o correspondente acceso ás redes fixas de comunicacións electrónicas de alta e moi alta capacidade, a dita instalación poderá realizarse facendo uso dos elementos comúns da edificación. Nos casos en que non sexa posible realizar a instalación no interior da edificación ou predio por razóns técnicas ou económicas, a instalación poderá realizarse utilizando as fachadas das edificacións.

• Realizarase unha rede común con capacidade suficiente para que poida dar servizo a máis dun operador.

• A rede realizarase conforme o disposto na UNE 133100 sobre infraestruturas para redes de telecomunicacións, así como á vixente lexislación sectorial en materia de telecomunicacións.

Artigo 48. Publicidade

Enténdese por publicidade toda acción encamiñada a difundir entre o público marcas, símbolos ou calquera tipo de información de produtos e servizos coa finalidade de promover directa ou indirectamente o consumo ou a contratación de bens ou servizos.

Permítese a instalación de elementos publicitarios na vía pública como soporte dun directorio en que figure a relación das empresas do contorno e a súa localización dentro do parque empresarial, ou información de interese público de carácter dotacional (exposicións, eventos, etc.).

Para a súa disposición e deseño atenderanse os criterios recollidos na Guía de boas prácticas nos carteis publicitarios, publicación pertencente ás guías da colección Paisaxe galega editadas pola CMAOT da Xunta de Galicia.

Nos espazos libres e zonas verdes permitirase a instalación dun cartel corporativo que permita identificar o parque empresarial de Bértoa, e facelo visible respectando as zonas de servidume ou afeccións que se recollan na lexislación sectorial vixente. Neste sentido aplicaranse os criterios dispostos na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos, publicación pertencente ás guías da colección Paisaxe galega editadas pola CMAOT da Xunta de Galicia.

Normalizaranse estes elementos mediante a definición de materiais e sistemas construtivos que contribúan a ofrecer unha imaxe homoxénea e identificable da paisaxe urbana. Todas as instalacións publicitarias, paneis e senalética cumprirán as condicións establecidas pola lexislación sectorial de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas en canto á sinalización e información accesibles, e non deberán:

• Producir cegamentos visuais.

• Inducir á confusión con sinais de tráfico.

• Impedir a perfecta visibilidade en zonas de tránsito peonil e rodado.

Artigo 49. Conexións exteriores

O proxecto de urbanización deberá definir as conexións exteriores necesarias para dotar de servizo as redes do parque empresarial.

PUNTO IV

Ordenanzas da edificación

Artigo 50. Condicións de estética e integración ambiental

Edificacións. A composición das edificacións será libre. Non obstante, para facilitar a integración paisaxística da edificación, consonte o recollido na DX10.a.5 (Directrices de paisaxe), salvo casos moi xustificados vencellados a necesidades do proceso industrial, prohíbese a reprodución na planta da edificación das esquinas da parcela cando o seu ángulo sexa menor de 90º, aínda que se respecten os recuamentos mínimos exixibles, priorizando as edificacións de planta rectangular, ou con curvas suaves, cando estas obedezan ao lindeiro da parcela.

As construcións auxiliares e instalacións complementarias das industrias deberán tratarse con similares niveis de acabado que a edificación principal.

a) Fachadas. As fachadas dos edificios e as súas paredes medianeiras, así como as fachadas que resulten visibles desde os espazos públicos (incluídas as traseiras), deberán ter tratamento de fachada e conservarse nas debidas condicións de seguridade, hixiene e estética.

b) Cubertas. Nas edificacións industriais prohíbese o uso de fibrocemento na súa cor natural, cando poida quedar visto.

c) Materiais. Prohíbese o emprego de materiais de deficiente conservación, así como a utilización nos paramentos exteriores de pinturas facilmente alterables polos axentes atmosféricos ou de combinacións agresivas de cor. En todo caso, limitaranse ao máximo as superficies metálicas brillantes que aumenten a visibilidade a gran distancia e escolleranse materiais e cores que suavicen o contraste co entorno, empregando para isto como referencia a Guía de cor e materiais da grande área paisaxística (GAP) Chairas e Fosas Occidentais, editada pola CMAOT da Xunta de Galicia.

d) Peches. Os peches das parcelas terán unha altura máxima de 2,00 m e procurarán unha imaxe homoxénea. Salvo que, por exixencias da actividade, se requiran cerramentos opacos, estes serán abertos, mediante redes metálicas ou reixas, e poderá integrarse vexetación no seu deseño. No caso de seren opacos, poderán ser macizos exclusivamente nos primeiros 1,50 m e o resto con materiais diáfanos: celosía lixeira, enreixado, balaustrada ou solucións semellantes.

Na formación de portais de acceso poderase chegar ata unha altura máxima de 3,00 metros, nunha lonxitude que non supere os 5,00 metros de fronte.

A construción do cerramento común a dúas parcelas será por conta da industria que primeiro se estableza. No suposto de parcelas lindeiras con diferenzas de alturas entre as cotas do terreo, construiranse muros seguindo o límite da parcela para a contención de terras.

Exceptúanse de cumprir as condicións anteriores aqueles edificios que, por razón do seu destino, requiran especiais medidas de seguridade, que deberán ser motivadas. Nestes casos, o cerramento axustarase ás súas necesidades particulares.

e) Espazo libre de parcela. Farase una diferenciación entre as zonas de recuamento obrigatorio do espazo libre dentro da parcela.

• Zonas de recuamento obrigatorio: nas zonas de recuamento obrigatorio das parcelas permítese a instalación de silos e depósitos baixo rasante e instalacións que necesariamente teñen que estar no exterior da edificación, como as de climatización, térmicas, etc. En todo caso, prohíbese utilizar estes espazos como depósitos de residuos.

• Espazo libre dentro da parcela: nos espazos libres de parcelas serán usos admisibles os de aparcadoiro, peiraos de carga e descarga, viarios interiores de circulación, almacenamento en superficie, instalacións de infraestruturas, casetas de servizos e zona axardinada. Prohíbese utilizar estes espazos como depósitos de residuos.

Ao longo do lindeiro dunha parcela cunha zona clasificada como ELZF ou sistema xeral viario (no caso da AG-55, DP-1902 no sector A, e ramal de acceso da AG-55 no sector B), a modo de barreira visual e acústica, colocaranse no interior da parcela especies autóctonas arbóreas de diferente porte, pero, en tal caso, o necesario para garantir o amortecemento visual e acústico da edificación e a súa actividade.

Ademais do anterior, no interior das parcelas de dimensión maior que 20.000 m2 dispoñeranse espazos axardinados, que poderán destinarse, entre outros, a zonas arborizadas, como elementos de amortecemento de impactos visuais e acústicos ou como espazos de mellora ambiental no interior das parcelas.

• En todo caso, para una correcta integración ambiental, exíxese o seguimento da Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das áreas empresariais publicada pola CMAOT.

Artigo 51. Condicións de accesibilidade

Son as condicións ás que teñen que someterse as edificacións para efectos de garantir a idónea accesibilidade aos distintos locais e pezas, instalacións ou servizos propios que as compoñen, sendo de obrigado cumprimento as disposicións contidas na Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade na Comunidade Autónoma de Galicia, e noutras normas existentes nesta materia.

Artigo 52. Condicións de seguridade

Axustaranse ao disposto no Real decreto 2267/2004, do 3 de decembro polo que se aproba o Regulamento de seguridade contra incendios en establecementos industriais, no Documento básico de seguridade contra incendios do Código técnico da edificación, a ordenanza xeral de seguridade e saúde no traballo e demais disposicións; legais vixentes que lles sexan de aplicación.

O ámbito de aplicación do Regulamento de seguridade contra incendios en establecementos industriais son os establecementos industriais. Para estes efectos, entenderanse como tales:

a) As industrias, tal e como se definen no artigo 3.1 da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de Industria.

b) Os almacenamentos industriais.

c) Os talleres de reparación e os estacionamentos de vehículos destinados ao servizo de transporte de persoas e transporte de mercadorías.

d) Os servizos auxiliares ou complementarios das actividades comprendidas nos parágrafos anteriores.

e) Aplicarase, ademais, a todos os almacenamentos de calquera tipo de establecemento cando a súa carga de lume total, calculada segundo o seu anexo I, sexa igual ou superior a tres millóns de megaxulios (MJ).

Quedan excluídas do ámbito de aplicación do regulamento as actividades industriais e talleres artesanais e semellantes, cuxa densidade de carga de lume, calculada consonte o seu anexo I, non supere 10 Mcal/m2 (42 MJ/m2), sempre que a súa superficie útil sexa inferior ou igual a 60 m2, excepto no recollido nos puntos 8 e 16 do seu anexo III.

Artigo 53. Condicións de hixiene

As edificacións axustaranse ás disposicións establecidas na lexislación laboral, sanitaria e sectorial vixente, así como as disposicións da lexislación vixente sobre emisións á atmosfera, augas residuais, ruídos e vibracións. Así mesmo, teranse en conta as condicións establecidas nas Normas de sustentabilidade e protección do ambiente destas ordenanzas reguladoras.

Permítense sotos cando se xustifique debidamente con base nas necesidades da actividade. Non se poderán utilizar como locais de traballo.

PUNTO V

Ordenanzas de sustentabilidade ambiental e protección do ambiente, da paisaxe e do patrominio cultural

Artigo 54. Protección dos recursos hídricos

A protección das augas, así como a regulación das verteduras de actividades que poidan contaminar o dominio público hidráulico, realizarase conforme o disposto en:

• RDL 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba a Lei de augas e a Real decreto lei 4/2007, do 13 de abril, polo que se modifica o texto refundido da Lei de augas.

• RD 125/2007, do 2 de febreiro, polo que se fixa o ámbito territorial das demarcacións hidrográficas.

• RD 907/2007, do 6 xullo, polo que se aproba o Regulamento da planificación hidrolóxica.

• Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

• Decreto 141/2012, do 21 de xuño, polo que se aproba o Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia. Anexo II.

Garantiranse os requirimentos de calidade da auga de consumo humano conforme o disposto na lexislación sobre os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano.

No caso de verteduras asimilables a augas residuais urbanas, que se realizará na rede de saneamento xeral, estes deberán realizarse segundo a normativa municipal de verteduras, tendo en conta as seguintes limitacións:

a) En relación coa protección da rede.

Ningunha persoa física ou xurídica descargará, depositará ou permitirá que se descarguen ou depositen no sistema de saneamento calquera auga residual que conteña:

• Aceites e graxas: concentracións ou cantidades de sebos, ceras, graxas e aceites totais, que superen os índices de calidade dos afluentes industriais, xa sexan emulsións ou non, ou que conteñan substancias que poidan solidificar ou volverse viscosas a temperaturas entre 0 e 40 graos centígrados no punto de descarga.

• Mesturas explosivas: líquidos, sólidos ou gases que, pola súa natureza e cantidade sexan ou poidan ser suficientes, por si ou por interacción con outras substancias, para provocar lumes ou exposicións ou ser prexudiciais en calquera outra forma as instalacións da rede de sumidoiros ou ao funcionamento dos sistemas de depuración. Os materiais prohibidos inclúen, en relación non exhaustiva: gasolina, queroseno, nafta, benceno, tolueno, xileno, éteres, alcohois, cetonas, aldehidos, peróxidos, cloratos, percloratos, bromatos, carburos, hidruros e sulfuros.

• Materiais nocivos: sólidos, líquidos ou gases fedorentos ou nocivos, que xa sexa por si ou por interacción con outros refugallos, sexan capaces de crear unha molestia pública ou perigo para a vida, ou que sexan ou que poidan ser suficientes para impediren a entrada nun sumidoiro para o seu mantemento ou reparación.

• Residuos sólidos ou viscosos: refugallos sólidos ou viscosos que provoquen ou poidan provocar obstrucións no fluxo dos sumidoiros e interferir en calquera outra forma co adecuado funcionamento do sistema de depuración. Os materiais prohibidos inclúen en relación non exhaustiva: lixo non triturado, tripas ou tecidos de animais, esterco ou sucidades intestinais, ósos, pelos, peles ou carnazas, entrañas, plumas, cinza, escoiras, areas, cal, pos de pedra ou mármore, metais, vidro, palla, labras, recortes de céspede, trapos, grans, lúpulo, refugallos de papel, madeiras, plásticos, alcatrán, pinturas, residuos do procesado de combustibles ou aceites lubricantes e substancias similares.

• Substancias tóxicas inespecíficas: calquera substancia tóxica en cantidades non permitidas por outras normativas ou leis aplicables, compostos por químicos ou substancias capaces de producir cheiros indesexables, ou toda substancia que non sexa susceptible de tratamento ou que poida interferir nos procesos biolóxicos ou na eficiencia do sistema de tratamento ou que pase a través do sistema.

• Materiais colorados: materiais con coloracións obxeccionais, non eliminables co proceso de tratamento empregado.

• Materiais quentes: a temperatura global da vertedura non superará os 40 ºC.

• Refugallos corrosivos: calquera refugallo que provoque corrosión ou deterioración da rede de sumidoiro ou no sistema de depuración. Todos os refugallos que se descarguen á rede de sumidoiro deben ter un valor do índice de ph comprendido no intervalo de 5,5 a 10 unidades. Os materiais prohibidos inclúen, en relación non exhaustiva: ácidos, bases, sulfuros, sulfatos, cloruros, e fluoruros concentrados e substancias que reaccionen coa auga para formar produtos ácidos.

• Gases ou vapores: o contido en gases ou vapores nocivos tóxicos deben limitarse na atmosfera de todos os puntos da rede, onde traballe ou poida traballar o persoal de saneamento.

Para os gases máis frecuentes, as concentracións máximas permisibles na atmosfera de traballo serán:

– Dióxido de xofre: 5 partes por millón.

– Monóxido de carbono: 100 partes por millón.

– Cloro: 1 parte por millón.

– Sulfuro de hidróxeno: 20 partes por millón.

– Cianuro de hidróxeno: 10 partes por millón.

Para tal fin, limitarase nas verteduras o contido en substancias potencialmente produtoras de gases ou vapores a valores tales que impidan que, nos puntos próximos aos de descarga da vertedura, onde poida traballar o persoal, excédanse as concentracións máximas admisibles.

• Índices de calidade: en ausencia de normativa que regule as verteduras de augas residuais á rede de saneamento, estas non deberán exceder as seguintes concentracións máximas, que se relacionan:

Parámetro

Valor límite

Unidades

pH

5,5 - 9

1,2 dicloroetano

0,4

mg/l

Aceites e graxas

100

mg/l

Aldehídos

2

mg/l

Aluminio

10

mg/l

Amoníaco

30

mg/l

AOX (1)

2

mg/l

Arsénico

1

mg/l

Bario

10

mg/l

Boro

3

mg/l

BTEX (2)

5

mg/l

Cadmio

0,1

mg/l

Chumbo

1

mg/l

Cianhídrico

10

cc/m3 de aire

Cianuro

0,5

mg/l

Cianuro disolto

1

mg/l

Cloro

1

cc/m3 de aire

Cloruros

2.000,00

mg/l

Cobre

3

mg/l

Condutividade eléctrica (25 ºC)

5.000,00

µS/cm

Color

Inapreciable en dilución 1/30

Cromo hexavalente

0,5

mg/l

Cromo total

2

mg/l

DBO5

500

mg/l

DQO

1.000,00

mg/l

Deterxentes

6

mg/l

Deterxentes aniónicos

6

mg/l

Dióxido de xofre

15

mg/l

Estaño

3

mg/l

Fenois totais

1

mg/l

Ferro

10

mg/l

Fluoruros

10

mg/l

Fosfatos

60

mg/l

Fósforo total

40

mg/l

Hidrocarburos

15

mg/l

Hidrocarburos aromáticos policíclicos

0,2

mg/l

Manganeso

5

mg/l

Materias inhibidoras

20

equitox

Mercurio

0,01

mg/l

Níquel

2

mg/l

Nitratos

50

mg/l

Nitróxeno amoniacal

30

mg/l

Nitróxeno total Kjeldahl

40

mg/l

Nonilfenol

1

mg/l

Percloroetileno

0,4

mg/l

Pesticidas

0,1

mg/l

Praguicidas totais

0,1

mg/l

Selenio

0,5

mg/l

Sólidos en suspensión

500

mg/l

Sulfatos

400

mg/l

Sulfhídrico

20

cc/m3 de aire

Sulfuros disoltos

0,3

mg/l

Sulfuros totais

1

mg/l

Temperatura

30

ºC

Tensioactivos aniónicos (3)

6

mg/l LSS

Triacinas totais

0,3

mg/l

Tributilestaño

0,1

mg/l

Triclorobenceno

0,2

mg/l

Zinc

2

mg/l

A disolución de calquera vertedura de augas residuais practicada coa finalidade de satisfacer estas limitacións será considerada unha infracción a esta ordenanza, salvo nos casos declarados de emerxencia ou perigo.

• Residuos radioactivos: refugallos radioactivos ou isótopos de tal vida media ou concentración que non cumpran cos regulamentos ou ordes emitidos pola autoridade pertinente, da que dependa o control sobre o seu uso; que provoquen ou poidan provocar danos ou perigos para as instalacións ou para as persoas encargadas do seu funcionamento.

Toda instalación industrial quedará sometida ás especificacións, controis e normas contidas, de ser o caso, nas ordenanzas municipais.

a) En relación coa protección da estación depuradora.

Non se admitirán corpos que poidan producir obstrucións nos tubos e grupo de bombeo.

Non se admitirán substancias capaces de producir en fenómenos de corrosión e/ou abrasión nas instalacións electromecánicas.

Non se admitirán substancias que poidan producir espumas que interfiran nas operacións das sondas de nivel e/ou afecten as instalacións eléctricas, así como os procesos de depuración.

Non se admitirán substancias que poidan producir fenómenos de flotación e interferir nos procesos de depuración.

b) En relación coa composición química e biolóxica do efluente.

Efectuarase unha predepuración das augas antes da súa vertedura aos colectores públicos.

Dotarase un paso por un separador de hidrocarburos das augas pluviais, antes da súa vertedura ou emprego para a rega das zonas verdes.

En ausencia de normativa específica, será obrigatorio en calquera caso que as verteduras das parcelas nas redes públicas non excedan os límites de concentración seguintes:

Parámetro

Valores límite

Materiais en suspensión

1000 ppm

Materiais sedimentables

10 ml/l

DBO5

750 mg/l

DQO

1500 mg/l

Sulfuros

5 ppm

Cianuros

6,00 mg/l

Formol

20 ppm

Dióxido de xofre

10 ml/l

Cromo hexavalente

0,20 mg/l

Cromo total

0,50 mg/l

Cobre

0,2 ppm

Níquel

2 ppm

Zinc

3 ppm

Os establecementos industriais que produzan augas residuais cuxas composicións cualitativas ou cuantitativas sexan superiores aos límites establecidos, de ser o caso, nas ordenanzas municipais, ou en ausencia destas, aos establecidos nesta normativa, estarán obrigados a depurar as súas augas previamente á súa vertedura aos colectores públicos. As augas residuais vertidas polos establecementos industrias aos colectores públicos deben ser asimilables a augas residuais de orixe urbana doméstica.

Nos espazos públicos, para reducir a escorrega, priorizarase o emprego de pavimentos permeables, salvo nas zonas nas que existan riscos de infiltración de substancias contaminantes.

Artigo 55. Protección do ambiente atmosférico

a) Emisións atmosféricas.

As emisións máximas permitidas á atmosfera serán regularadas polas disposicións vixentes na materia.

Prohíbese a queima de calquera tipo de residuos ou materiais que non conten coa autorización correspondente.

As industrias e as instalacións que desenvolvan actividades potencialmente contaminadores da atmosfera adoptarán as medidas necesarias e as prácticas idóneas nas actividades e instalacións, que permitan evitar ou reducir a contaminación atmosférica, aplicando, na medida do posible, as mellores técnicas dispoñibles e empregando os combustibles menos contaminantes.

Durante o movemento de terras, o transporte de materiais e, en xeral, en todas as accións que poidan provocar a emisión de partículas á atmosfera, tomaranse as precaucións necesarias para reducir a contaminación ao mínimo posible, evitando a dispersión. Deste xeito, dispoñeranse medidas preventivas como realizar os labores en condicións atmosféricas favorables, recubrir os materiais para transportar, regar as zonas e materiais afectados polas obras, etc.

b) Contaminación lumínica.

Preservaranse ao máximo posible as condicións naturais das horas nocturnas en beneficio da fauna, a flora e os ecosistemas en xeral, e reducirase a intrusión lumínica en zonas distintas ás que se pretende iluminar.

Terase en conta a frecuencia, a distancia e a tipoloxía das luminarias para evitar a sobreiluminación.

Axustaranse os horarios de acceso e apagado, recomendándose a instalación de redutores de fluxo.

A iluminación pública do sector industrial responderá ás necesidades destes, pero sen xerar un punto de atracción lumínica para os posibles espectadores exteriores. Prestarase atención á intensidade, á cor e á dirección da iluminación, así como á utilización de tipos de luminarias acordes coa contorna.

Artigo 56. Protección contra a contaminación acústica e vibratoria

Haberá de aterse ao disposto no Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e polo Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, que a desenvolve.

Durante a fase de urbanización, evitarase a realización de obras ou movementos de maquinaria fóra do período diúrno (das 7.00 ás 19.00 horas).

Con carácter xeral, priorizaranse as medidas de redución da fonte emisora, nas máquinas, nas infraestruturas, nos motores, nos pavimentos, nas actividades industriais, etc., empregando, na medida do posible, as mellores tecnoloxías dispoñibles e as boas prácticas ambientais que minimicen a emisión e limiten a transmisión do ruído e as vibracións.

Para a execución de obras e instalacións no contorno das estradas autonómicas, establécese como requisito previo ao outorgamento da licenza municipal, a realización dos estudos necesarios para a determinación dos niveis sonoros esperables, así como para o establecemento das limitacións á edificabilidade ou da obrigatoriedade de dispor dos medios de protección acústica necesarios, en caso de se superaren os límites recomendados, segundo o establecido na normativa básica estatal en materia de ruído ou na correspondente normativa autonómica de desenvolvemento.

Fóra das áreas urbanizadas existentes antes da data de entrada en vigor do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, nos sectores do territorio gravados polas servidumes acústicas das estradas autonómicas aprobadas e reflectidas nos planos de información do documento, conforme a normativa en materia de ruído, as inmisións producidas polas estradas autonómicas poderán superar os obxectivos de calidade acústica aplicables ás correspondentes áreas acústicas. Os niveis de ruído esperables vinculados ás estradas autonómicas serán os reflectidos nos mapas estratéxicos de ruído das estradas autonómicas, que se inclúen como parte dos planos de información do documento.

Artigo 57. Xestión dos residuos

Para a xestión dos residuos do parque empresarial serán de aplicación as disposicións contidas na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, así como en calquera outra normativa ou instrumentos de planificación vixentes.

No Proxecto de urbanización (ou proxecto de desenvolvemento e urbanización, se é o caso) habilitaranse lugares idóneos para a localización das illas de recollida selectiva de residuos durante a execución das obras de urbanización. Prohíbese a provisión de residuos en condicións nas que non se poida garantir a prevención da contaminación do sistema de saneamento, o sistema de drenaxe superficial, o solo ou o subsolo, e será obrigatorio o acondicionamento das zonas de provisión de forma previa, de xeito que, ademais de previr a contaminación, se impida o acceso visual a estas provisións desde o viario ou as zonas habitadas.

No referente aos residuos de construción e demolición (RCDs), a súa xestión farase en conformidade co disposto no Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e a xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia e o Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e a xestión dos residuos de construción e demolición.

Artigo 58. Protección do solo

Durante o movemento de terras realizarase un tratamento selectivo das terras no que, logo dos procesos de roza da cuberta vexetal, cuxos materiais serán convenientemente triturados e esparexidos para incorporalos de forma homoxénea ao solo, amorearanse as capas fértiles do solo e conservaranse en condicións idóneas (cordóns de 1,5 a 2 m de altura, ben drenados). A terra vexetal será reutilizada nos labores de axardinamento (conformando a primeira capa sobre a que se realizarán as plantacións), así como nos labores de restauración das áreas ocupadas temporalmente e das deterioradas polas obras.

Evitarase a degradación dos solos por materiais, residuos ou substancias potencialmente contaminantes procedentes das obras ou da maquinaria, acondicionando espazos para o seu almacenamento e xestión, conformes a lexislación.

Deberá prestarse especial atención á definición das áreas de circulación e estacionamento e almacenamento de materiais co obxectivo de reducir as superficies de alteración, evitar a invasión de terreos adxacentes e protexer os cursos fluviais e as súas proximidades.

Empregaranse solos permeables nas praias de aparcadoiro, que favorezan a drenaxe das augas pluviais e o desenvolvemento de liques e vexetación herbácea.

Definiranse as medidas precisas para consolidar, canto antes, os noiros, desmontes e terrapléns, seleccionando aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendido de mantas de fibra natural, etc.).

Nas zonas verdes restauraranse e revexetaranse con prontitude as superficies espidas para evitar perdas de solo, usando as especies autóctonas do lugar e de acordo coas súas características edafolóxicas e climáticas.

Artigo 59. Protección do medio natural

Para os efectos de protexer a flora e a fauna silvestres, teranse en conta as medidas previstas na lexislación aplicable e, en especial, as establecidas nas seguintes disposicións:

a) Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

a) Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, modificada pola Lei 7/2018, do 20 de xullo.

b) Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro (Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas).

c) Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas, modificado polo Decreto 167/2011, do 4 de agosto, polo que se modifica e actualiza o devandito catálogo.

No tratamento das zonas verdes e espazos libres, conservarase, sempre que sexa posible, a maior parte das masas arbóreas de interese existente.

Antes do inicio dos traballos, levarase a cabo unha prospección minuciosa para constatar a presenza ou a ausencia de especies do Catálogo galego de especies ameazadas (RD 88/2007) comunicándoo en caso de detección ao Servizo de Patrimonio Natural da Coruña, xunto coas medidas que se propoñan. No caso de detectar a presenza das devanditas especies, garantirase a súa conservación e cumpriranse os deberes establecidos respecto diso no artigo 95 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

As novas plantacións realizaranse con especies herbáceas, arbóreas e arbustivas propias da rexión bioxeográfica e procedentes de ecotipos locais co fin de garantir a súa viabilidade e reducir posteriores labores de mantemento.

As sementes empregadas deberán ser verificadas para garantir que non se introducen sementes foráneas e invasoras e que non se incorporan elementos que poidan afectar tanto a flora como a fauna da contorna.

A poda da vexetación non poderá realizarse na primavera, ao ser o período reprodutor das especies e afectar a nidificación das especies silvestres.

Este punto complétase cos dous seguintes relativos á protección da Euphorbia uliginosa e as especies invasores que, pola súa relevancia, se presentan en artigos específicos.

Artigo 60. Plan de manexo para a restauración da Euphorbia uliginosa

Para levar a cabo a restauración ambiental do hábitat de Euphorbia uliginosa presente no ámbito do parque, en particular, no sector A, é importante levar a cabo medidas de manexo da vexetación que promovan a conservación e o desenvolvemento desta especie. Estas medidas de manexo da vexetación poden contribuír á restauración ambiental do hábitat e promover a conservación da especie e o seu hábitat natural:

• Vixilancia e avaliación: con carácter previo ou simultáneo coa redacción do proxecto de urbanización (ou proxecto de desenvolvemento e urbanización), realizarase un estudo detallado do hábitat existente e establecerase un programa de vixilancia a longo prazo para avaliar o éxito das accións de restauración.

• Control de especies invasoras e podas de control: identificaranse e controlaranse as especies vexetais invasoras ou locais que compiten coa E. uliginosa por recursos como a luz solar, a auga e os nutrientes. O proxecto de urbanización recollerá os labores de erradicación destas especies para permitir o crecemento e desenvolvemento da E. uliginosa, así como podas controladas da vexetación que poida producir alteracións biolóxicas no hábitat.

• Restrición do acceso: o proxecto de urbanización recollerá as medidas necesarias (entre as cales se propoñen cercas e sinalización adecuada) para limitar o acceso de persoas e animais ao hábitat de E. uliginosa e evitar así a degradación do solo e a perturbación directa das plantas. Isto pode lograrse mediante a instalación dun cercado de madeira.

• Restauración hidrolóxica: se o hábitat sufriu alteracións no seu réxime hidrolóxico, o proxecto de urbanización incorporará medidas para restaurar as condicións naturais. Isto pode implicar a construción de estruturas para reter a auga, a creación de canles ou a restauración de humidais próximos para asegurar unha subministración adecuada de auga á E. uliginosa.

• Reforestación e plantación: se o hábitat foi degradado ou sufriu perda significativa de vexetación, no proxecto de urbanización considerarase a reforestación e a plantación de exemplares de E. uliginosa, mediante a utilización de sementes ou plantas de orixe local para conservar a diversidade xenética da especie.

• Protección do solo: o proxecto de urbanización incorporará medidas para evitar a erosión do solo, como a sementeira de especies vexetais adecuadas que axuden a reter o solo e reducir a escorrega. A cobertura vexetal contribuirá á conservación da humidade e á protección das raíces da E. uliginosa.

• Educación e divulgación: ademais alá das anteriores medidas de intervención directa no hábitat, proponse a realización de actividades de educación ambiental dirixidas á comunidade local, promovendo a importancia de conservar e restaurar o hábitat da E. uliginosa.

Artigo 61. Medidas preventivas para evitar a propagación de especies exóticas invasoras

Durante as fases de obras de movemento de terras é especialmente importante tomar medidas preventivas para evitar a propagación de especies exóticas invasoras.

É fundamental contar coa participación e a colaboración de profesionais da conservación da biodiversidade e seguir as regulacións e normativas locais relacionadas coa xestión de especies invasoras.

Estas medidas preventivas axudarán a minimizar o risco de propagación de especies exóticas invasoras durante as fases de obras de movemento de terras. As medidas recomendadas que se van considerar son:

• Inspección previa ao comezo das obras: antes de comezar calquera traballo de movemento de terras, realizar unha inspección exhaustiva da área para identificar a presenza de especies exóticas invasoras. Se se detectan, establecer as medidas de control e eliminación previa ás obras.

• Limpeza e descontaminación de maquinaria e equipos: asegurarse de que todas as máquinas e os equipos utilizados nas obras estean limpos e libres de sementes, fragmentos vexetais ou solo contaminado. Limpar adecuadamente os vehículos, as ferramentas e calquera outro equipo que poida transportar material biolóxico.

• Control da vexetación existente: se hai vexetación na área das obras, realizar unha eliminación controlada antes de comezar o movemento de terras. Isto axudará a evitar a dispersión de sementes ou fragmentos vexetais que poidan conter especies exóticas invasoras.

• Restrición do acceso e do fluxo de materiais: limitar o acceso de vehículos e persoas a áreas sensibles, especialmente aquelas con vexetación nativa vulnerable. Establecer barreiras físicas ou sinalización para evitar a entrada de vehículos non autorizados e a dispersión de sementes ou esporas a través do tráfico de persoas.

• Implementación de protocolos de bioseguridade: establecer protocolos de bioseguridade para o persoal de obra, incluíndo medidas para evitar a dispersión de especies exóticas invasoras. Isto pode incluír o uso de calzado e roupa adecuada, a limpeza regular de equipamentos e a capacitación do persoal sobre a importancia de previr a propagación de especies invasoras.

• Control e xestión adecuada dos residuos: asegurar que os residuos xerados durante as obras, como entullos, terra ou material vexetal, sexan manexados de maneira adecuada e non se dispersen en áreas sensibles. Establecer protocolos de xestión de residuos que inclúan a separación e a disposición apropiada dos materiais contaminados.

• Restauración e rehabilitación posterior ás obras: unha vez finalizadas as obras de movemento de terras, realizar accións de restauración e rehabilitación da área afectada. Isto pode incluír a revexetación con especies nativas e o seguimento posterior para detectar a presenza de especies exóticas invasoras e tomar medidas de control, se é necesario.

Artigo 62. Paisaxe

Inclúese, formando parte do PEOSE, un estudo da paisaxe.

As condicións naturais do medio físico, e en especial, as masas arborizadas e cursos de auga existentes nas inmediacións do ámbito, integraranse no tratamento das zonas verdes e espazos libres, coa finalidade de garantir un bo nivel ambiental e paisaxístico.

Ademais do anterior:

a) Someteranse os noiros e os desmontes a un adecuado tratamento paisaxístico para garantir a súa conservación e mantemento.

b) Realizarase a elección do mobiliario urbano tendo sempre en conta a súa integración na paisaxe.

c) Nas faixas perimetrais de ambos os sectores, plantaranse especies arbóreas para mitigar o impacto visual e a visibilidade do parque desde a contorna. Empregaranse especies arbóreas e arbustivas autóctonas de diferente porte, evitando as plantacións lineais e distribuíndo aquelas especies de maior porte naquelas zonas que teñan un maior impacto visual, co fin de mitigar a súa visibilidade.

d) Complementando o anterior, utilizaranse pantallas vexetais para ocultar ou fragmentar elementos impactantes ou de gran tamaño co fin de reducir a súa visibilidade, así como para a ocultación de zonas de provisión ou depósito permanente de materiais que poidan producir un impacto visual na contorna.

e) Salvo que por exixencias da actividade se requiran opacos, os peches das parcelas serán abertos, mediante redes metálicas ou reixas, e poderá integrarse vexetación no seu deseño (ver condicións dos peches no artigo 50).

f) Empregaranse barreiras vexetais mediante a plantación de especies arbóreas e arbustivas autóctonas de diferente porte, evitándose as plantacións lineais e distribuíndo aquelas especies de maior porte naquelas zonas que teñan un maior impacto visual, co fin de mitigar a súa visibilidade.

Outras medidas incorporadas na presente normativa para a preservación da paisaxe (materiais de edificación e urbanización, volumetría das edificacións, iluminación pública...) son abordadas noutros artigos destas ordenanzas.

Artigo 63. Patrimonio cultural

Inclúese como documento número 5 do PEOSE un catálogo dos elementos do patrimonio cultural atopados no ámbito de actuación. En concreto, detectouse un muíño tradicional na localización amosada en planos e no indicado catálogo.

Consonte os puntos 39.1 e 45.1 da LPCG, as obras sobre o muíño tradicional e as que tiveran lugar no seu ámbito de protección terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural (Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades), coas excepcións que establece a LPCG.

Entre elas, os traballos de roza na contorno do muíño tradicional, na zona de posible localización da súa canle, así como no contorno da localización que para o Cruceiro de Vilar do Carballo, Oza recolle a ficha do PSOAEG e os arquivos da DXPC (non así o catálogo do PXOM nin o PBA), terán que ser acompañadas por labores de control arqueolóxico que deberán ser recollidos no documento no que se definan os ditos traballos. Sinálase que nin a canle primixenia do muíño nin o devandito cruceiro foron atopados na inspección levada a cabo con motivo da redacción deste PEOSE nin na prospección arqueolóxica levada a cabo no ano 2006, ben que o dito traballo de campo foi dificultado por mor da profusa vexetación e non se descarta a aparición, sobre todo, da canle ou outros elementos vencellados ao muíño.

Caso de se detectar algún destes dous elementos durante o desenvolvemento destes traballos (ou calquera outro non citado), será comunicado á DXPC para o establecemento das medidas de protección oportunas.

En todo caso, na contorno de protección do muíño (e de calquera outro elemento do patrimonio cultural que puidese ser identificado) serán de aplicación os criterios de intervención recollidos no artigo 46 da LPCG.

Artigo 64. Normas particulares

As normas particulares que regulan as determinacións de eficacia diferida e non estruturantes recollidas no artigo 34 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, serán establecidas polos proxectos de desenvolvemento e urbanización.

As normas particulares establecidas polos proxectos de desenvolvemento e urbanización serán inscritas no Rexistro de Ordenación do Territorio e Plan urbanístico de Galicia e obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, para a súa eficacia e efectos conforme o artigo 60 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.