DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 24 de outubro de 2025 Páx. 55175

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 15 de outubro de 2025 pola que se establecen as instrucións para o desenvolvemento nos centros educativos dependentes desta consellería e nos centros privados sustentados con fondos públicos do programa de innovación educativa Polos creativos para o curso 2025/26 e seguintes.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, inclúe entre os seus fins o desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, a confianza nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor. Así, o sistema educativo ten como principio básico a preparación do alumnado para aprender por si mesmo a través dun currículo competencial sustentado nos preceptos da Recomendación do Consello do 22 de maio de 2018, relativa ás competencias clave para a aprendizaxe permanente. Desta recomendación deriva tamén o Plan de acción da UE en materia de educación dixital, orientado a favorecer unha transformación dixital e de calidade dos sistemas educativos.

No marco da sociedade da información, estas competencias integran capacidades como o pensamento computacional, o pensamento crítico, a resolución de problemas, a creatividade e o pensamento de deseño, entre outras. Para o seu axeitado desenvolvemento é necesario posicionarse nun marco de traballo colaborativo e integral mediante a aprendizaxe formal e non formal en todos os contextos.

A Estratexia de educación dixital 2030 en Galicia, cuxo eixe 2 está centrado no perfeccionamento de competencias e de capacidades dixitais para a transformación dixital serviu como marco para a Orde do 21 de abril de 2022, pola que se creou o programa de innovación educativa Polos creativos, co obxectivo final de desenvolver a competencia dixital da comunidade educativa (segundo determina o MCDD), o uso das tecnoloxías dixitais no proceso de ensino-aprendizaxe e a transformación dos centros en organizacións educativas dixitalmente competentes.

Logo da extensión do programa a todos os centros públicos dependentes da consellería competente en materia de educación, así como aos centros privados sostidos con fondos públicos que impartan as ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria mediante Orde do 6 de outubro de 2023 pola que se dá continuidade ao programa de innovación educativa Polos creativos e se establecen instrucións para o seu desenvolvemento nos centros educativos dependentes desta consellería e nos centros privados sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para os cursos 2023/24 e 2024/25 (DOG núm. 196, do 16 de outubro), a través da cal se estableceron os principios que rexen o programa de innovación educativa Polos creativos e se ditaron as instrucións para o seu funcionamento nos cursos mencionados, e coa finalidade de contribuír á súa consolidación, resulta preciso ditar instrucións para este curso e os seguintes, no marco establecido pola citada Estratexia de educación dixital 2030.

En consecuencia, e no uso das atribucións que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto ditar as instrucións para a consolidación e o desenvolvemento do Programa de innovación educativa Polos creativos nos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e nos centros privados sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia no marco da Estratexia de educación dixital 2030, que serán aplicables a partir deste curso 2025/26.

Artigo 2. Organización

Os Polos creativos desenvolveranse mediante a dotación dun equipamento especializado, cun deseño modular e innovador, e organizados didacticamente para o fomento da creatividade e da formación do alumnado nun contexto de aprendizaxe competencial. Están baseados no desenvolvemento do pensamento computacional e as súas competencias asociadas mediante a aprendizaxe activa e manipulativa, a aprendizaxe baseada no deseño, a solución de problemas e a aprendizaxe entre iguais.

Funcionarán como núcleos dinamizadores no marco da Estratexia educación dixital 2030, de maneira que poderán albergar actividades de tipo obradoiro tanto para o profesorado como para o alumnado e, de ser o caso, as familias, desde unha óptica de aprendizaxe conxunta e comunitaria. Así mesmo, poderán desenvolver proxectos mediante a experimentación, o prototipado e a construción. Tamén poden albergar prácticas de investigación e proxectos baseados na abordaxe de problemas reais que inclúan a innovación e fabricación a pequena escala.

Funcionarán como centro de actividades en que se traballe a intelixencia artificial e outras tecnoloxías intensivas, o procesamento audiovisual e artístico, a realidade virtual e a impresión 3D, as tecnoloxías de control computerizado e fabricación aditiva, a mecanización de diferentes materiais, electromecánica, robótica e microcontroladores, entre outras.

Serán, por tanto, espazos abertos ás comunidades locais para favorecer o desenvolvemento de competencias dixitais e científico-tecnolóxicas e artísticas do conxunto da cidadanía, polo que ofertarán actividades formativas para os diversos colectivos. En concreto, facilitará a solución conxunta de problemas coa participación de alumnado, profesorado e familias, e fomentará especialmente aquelas accións que impliquen a participación de nais e pais xunto cos seus fillos e fillas en actividades tanto de formación como de creación.

Os Polos creativos serán un elemento clave para a transformación dixital dos centros educativos en organizacións dixitalmente competentes nos procesos de ensino-aprendizaxe e, como tal, representarán unha das infraestruturas esenciais previstas no plan dixital do centro para acadar este obxectivo.

Cada centro educativo, dentro da súa autonomía, pode configurar as diferentes accións vinculadas ao Polo creativo, que, en todo caso, partirá dunha reflexión sobre o contexto, as fortalezas e as posibilidades de mellora do centro, sempre coa perspectiva de contribuír ao desenvolvemento comunitario. Para acadaren os seus obxectivos contarán co apoio e co asesoramento especializado da Rede de formación permanente do profesorado.

Artigo 3. Xestión dos Polos creativos

Os Polos creativos serán xestionados por un equipo dinamizador, que contará cunha persoa coordinadora, que desenvolverá a súa función en estreita colaboración co equipo directivo. Para cada curso escolar, a Dirección do centro establecerá a dedicación necesaria para a atención ao Polo creativo por parte da persoa coordinadora e do equipo de dinamización.

O centro promoverá, en todos os ámbitos e departamentos do centro, o uso destes recursos para desenvolver proxectos colaborativos e creativos.

Artigo 4. Destinatarios e dotación

Recibirán un Polo creativo todos os centros educativos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e os centros privados sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que non recibisen con anterioridade un Polo creativo e que impartan algunha das seguintes ensinanzas:

– Segundo ciclo de educación infantil.

– Educación primaria.

– Educación secundaria obrigatoria.

No caso dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de nova creación, estes contarán cun espazo específico, de acordo co plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e recibirán o material que lles corresponda, de acordo coa súa matrícula e oferta educativa, así como o mobiliario dotacional necesario.

No caso de centros privados sustentados con fondos públicos sometidos a novos concertos que afecten as etapas mencionadas neste punto, a dotación do Polo creativo actualizarase de acordo coas novas características do centro.

Os centros que recibiron un Polo creativo ao abeiro da Orde do 21 de abril de 2022, pola que se crea o programa de innovación educativa Polos creativos e se establece o procedemento para a participación dos centros docentes públicos dependentes desta consellería, consideraranse Polos creativos+ e estarán integrados, para todos os efectos, na Rede de Polos creativos.

Artigo 5. Polos creativos en centros pechados ou agrupados

A dotación de Polo creativo daqueles centros que resulten pechados quedará á disposición da consellería competente en materia de educación para a súa reutilización no sustentamento do programa.

A dotación dos Polos creativos de centros que resulten agrupados agruparase tamén integrando un único Polo creativo resultante.

Artigo 6. Formación e apoio para os Polos creativos

A Rede de formación permanente do profesorado contará con polos demostradores e con recursos de apoio e complementarios ao Polo creativo dos centros docentes, denominados kits de préstamo. De igual xeito, realizarán accións formativas específicas, así como de posta en valor do traballo dos Polos creativos e difusión de boas prácticas. De igual modo, poderá contar cunha rede de asesoría e apoio específica.

Cada centro público dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que conte cun Polo creativo contará cunha liña específica no seu plan de formación permanente do profesorado en centros (PFPP). As persoas coordinadoras poderán recibir formación específica.

Os centros privados sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia artellarán a súa formación en Polos creativos mediante grupos de traballo e seminarios, de acordo co previsto no Plan anual de formación do profesorado.

Artigo 7. Avaliación e certificación

Con data límite do 15 de xullo de cada ano, a Dirección do centro educativo, coa colaboración da persoa coordinadora, deberá cargar na aplicación https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos/ os datos do equipo dinamizador (nome, apelidos e DNI), identificando na listaxe a persoa coordinadora para os efectos da certificación prevista no punto oitavo. Así mesmo, de xeito opcional, poderá realizar as observacións e as propostas de mellora que considere oportunas, de ser o caso.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional certificará cada curso escolar, segundo a normativa vixente, como actividade de innovación educativa, o profesorado que forma parte do equipo de dinamización que acompañou a persoa coordinadora na posta en marcha do Polo creativo e o profesorado que coordinou actividades que se desenvolveron no Polo creativo, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado. No caso da persoa coordinadora do Polo creativo, a equivalencia será de 50 horas de formación do profesorado.

Artigo 8. Difusión e boas prácticas

Os centros colaborarán nas accións de difusión que se organicen. Os centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional cederán os dereitos de edición dos materiais educativos relacionados co desenvolvemento do programa no centro. Estes materiais difundiranse baixo a licenza Creative Commons, que sexa BY-NC-SA, combinando as propiedades «recoñecemento-non comercial-compartir igual».

Artigo 9. Inspección Educativa

Correspóndelle á Inspección Educativa supervisar o proceso de desenvolvemento do Polo creativo, así como propoñer medidas de mellora e realizar as actuacións que correspondan conforme o procedemento establecido.

Artigo 10. Instrucións particulares

Todas aquelas cuestións particulares necesarias para o desenvolvemento do programa poderán regularse nas instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria ditadas cada curso escolar.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa aplicable e as referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

As persoas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

No caso de existiren diferentes referencias normativas en materia de protección de datos persoais neste procedemento, prevalecerán, en todo caso, aquelas relativas ao Regulamento (UE) 2016/679, xeral de protección de datos, ou á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira única. Eficacia

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional