O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forman parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.
O Concello de Oia, mediante Acordo do Pleno do 30 de xaneiro de 2025, manifestou a súa conformidade ao cambio de titularidade proposto pola Axencia Galega de Infraestruturas dos seguintes treitos antigos da PO-552 (Vigo (avenida do Alcalde Portanet)-Tui (N-551):
• Treito antigo que conecta coa PO-552 na súa marxe esquerda, á altura dos pp.qq. 22+530 e 22+710.
• Treito antigo que conecta coa PO-552 na súa marxe dereita, á altura dos pp.qq 27+700 e 28+440.
• Treito antigo que conecta coa PO-552 na súa marxe esquerda, á altura dos pp.qq. 34+110 e 34+230.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1, os cales consisten en treitos antigos que non son soporte da mobilidade interurbana, servindo fundamentalmente aos predios lindeiros e cunha funcionalidade estritamente local e, polo tanto, carentes de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de outubro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Oia duns treitos antigos da estrada PO-552, xunto co seu dominio público viario:
|
Nº |
Denominación treito |
Inicio treito |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29) |
Final treito |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29) |
Lonx. (m) |
|
1 |
Treito antigo da PO-552 |
22+530 ME PO-552 |
X = 508.678 Y = 4.661.009 |
22+710 ME PO-552 |
X = 508.769 Y = 4.660.866 |
220 |
|
2 |
Treito antigo da PO-552 |
27+700 MD PO-552 |
X = 509.196 Y = 4.656.141 |
28+440 MD PO-552 |
X = 509.533 Y = 4.655.508 |
848 |
|
3 |
Treito antigo da PO-552 |
34+110 ME PO-552 |
X = 510.511 Y = 4.650.170 |
34+230 ME PO-552 |
X = 510.506 Y = 4.650.052 |
136 |
Artigo 2
De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega
Artigo 3
Correspóndenlle ao Concello de Oia, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
