O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forman parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.
O 30 de xullo de 2025 a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Redondela asinaron un convenio de colaboración para a mellora da seguridade viaria e reordenación da PO-363 entre Redondela e a praia de Cesantes. Neste acordo, o Concello de Redondela asumiu o compromiso de aceptar o cambio de titularidade de todo o dominio público viario da PO-363, entre Redondela e a praia de Cesantes.
A estrada PO-363 ten unha lonxitude de 985 m, comeza no p.q. 0+000 e finaliza no p.q. 1+070. Está situada na súa totalidade no termo municipal de Redondela e discorre a través de solo clasificado como urbano, segundo o planeamento urbanístico vixente. Conecta o núcleo urbano de Redondela co núcleo urbano de San Pedro, na parroquia de Cesantes, e finaliza no porto e praia de Cesantes. Presenta un carácter local e urbano e constitúe o acceso ao porto de titularidade autonómica de Cesantes desde o núcleo de Redondela, pero sen funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de outubro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Redondela da estrada PO-363 na súa totalidade, xunto co seu dominio público viario:
|
Estrada |
Denominación |
PQi |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29) |
PQf |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29) |
Lonx. (m) |
|
PO-363 |
Redondela-Praia de Cesantes |
0+000 |
X= 532.145 Y= 4.681.696 |
1+070 (inicio zona servizo portuaria) |
X= 531.668 Y= 4.682.491 |
985 |
Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da LEG, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, suprimindo a estrada PO-363 do Catálogo que actualmente aparece recollida cos seguintes datos:
|
Clave |
Denominación |
Treito |
PQi |
PQf |
Lonxitude treito (km) |
Lonxitude total (km) |
Categoría funcional |
Clase de estrada |
Provincia |
|
PO-363 |
Redondela-Praia de Cesantes |
Redondela- Praia de Cesantes |
0+000 |
1+130 |
1,13 |
1,13 |
Local |
Estrada convencional |
Pontevedra |
O documento do Catálogo e as súas modificacións poden consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega
Artigo 2
En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da LEG, o Concello de Redondela deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.
Artigo 3
De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega
Artigo 4
Correspóndenlle ao Concello de Redondela, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
