DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Martes, 28 de outubro de 2025 Páx. 56038

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, e a compatibilidade cun dereito mineiro da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a obras de regulamentación na LMT BRT803, no concello de Malpica de Bergantiños (A Coruña), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2024/105-1).

Feitos:

1. O 25.3.2024 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD ou promotora) presentou, ante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, departamento territorial), a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a obras de regulamentación na LMT BRT803, no termo municipal de Malpica de Bergantiños (A Coruña), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2024/105-1.

Esta solicitude acompañouse, ou completouse posteriormente, coa seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado Regulamentación LMT BRT803-apoios 9T650FF3//91 a 9T3B7QU5//93LAT (Malpica de Bergantiños), asinado o 21.8.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Rubén Maceiras Sánchez (colexiado nº 3.191 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña –Coeticor–); e en que figura un orzamento total 10.460,64 euros.

• Declaración responsable asinada o 9.8.2023 polo técnico proxectista, en cumprimento do exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 19 do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior.

• Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas: Concello de Malpica de Bergantiños, Augas de Galicia, Sección de Minas do departamento territorial, Deputación Provincial da Coruña e Telefónica de España, S.A.

• Relación de bens e dereitos afectados (RBDA) e declaración de non ter acadado acordos cos propietarios afectados.

Segundo consta no proxecto de execución, as instalacións obxecto del atópanse no lugar de Buño, no concello de Malpica de Bergantiños (A Coruña), e as súas características son as seguintes:

• Substitución do condutor en tramo LMTA a 20 kV, de 83 m, condutor tipo LA-110 Al, coa orixe no apoio nº 9T4PTJ7B//92 existente que se vai substituír da LMT BRT803 (IN407A 2016/2253-1), procedente da subestación Bértoa, e remate no apoio nº 9T3B7QU5//93LAT existente que se vai substituír.

• Substitución dos apoios nº 9T650FF3//91 por tipo C-1000/12, nº 9T4PTJ7B//92 por tipo C-1000/14 e nº 9T3B7QU5//93LAT por tipo C-1000/12.

• Retensado dos vans adxacentes ao tramo que se substitúe.

2. O 30.7.2024, o departamento territorial adoptou o acordo de someter a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica.

Este acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (22.8.2024), no Boletín Oficial da provincia da Coruña (5.8.2024) e no xornal La Voz de Galicia (3.9.2024) e, así mesmo, estivo exposto no portal de transparencia da Consellería de Economía e Industria e no taboleiro de anuncios do Concello de Malpica de Bergantiños.

Durante o período de información pública non se presentaron escritos de alegacións.

3. O 31.7.2024, o departamento territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución, para os efectos de obter os seus informes ao respecto, ás seguintes entidades afectadas pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica: Concello de Malpica de Bergantiños, Augas de Galicia, Sección de Minas do departamento territorial, Deputación Provincial da Coruña e Telefónica de España, S.A. A este respecto:

• O Concello de Malpica de Bergantiños e Augas de Galicia non contestaron, polo que, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• A Deputación Provincial da Coruña e Telefónica de España, S.A. emitiron informes cos seus condicionados, dos cales se deu traslado á promotora, quen presentou a súa conformidade.

• A Sección de Minas do departamento territorial emitiu informe, do cal se deu traslado á promotora, quen presentou a súa conformidade. Neste informe conclúese que a actuación prevista consiste nunha modificación de apoios dunha liña eléctrica existente que discorre polo seguinte dereito mineiro (concesión de explotación de recursos da sección C):

Dereito

Nome

Titular

Estado

AC/C/06400

Barreiros II

Cerámicas El Progreso, S.A.

Vixente

4. O 27.3.2025, os servizos técnicos do departamento territorial emitiron informe técnico favorable para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións electromecánicas e eléctricas proxectadas.

5. O 28.3.2025, o departamento territorial requiriulle á promotora unha separata técnica para Cerámicas El Progreso, S.A., como titular do dereito mineiro afectado pola instalación eléctrica proxectada, para os efectos de realizar o trámite de compatibilidade de utilidades públicas. A promotora contestou o 22.5.2025 e achegou a separata requirida e a RBDA corrixida que inclúe o titular do dereito mineiro afectado.

6. O trámite de audiencia a Cerámicas El Progreso, S.A. realizouse o 10.6.2025, sen recibirse resposta. Unha vez rematado este trámite, a Sección de Minas do departamento territorial emitiu informe con data do 5.9.2025, no cal se conclúe que non se advirten impedimentos para a execución do referido proxecto.

7. O 15.9.2025, o departamento territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado del á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, incorporando ao expediente un resumo da tramitación.

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto, cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, de conformidade co disposto no artigo 11.3 da Orde do 4 de novembro de 2024 sobre delegacións de competencias en diversos órganos da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 217, do 11 de novembro), no artigo 16 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de minería de Galicia, e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febrero), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

3. En canto á avaliación de impacto ambiental dos proxectos, no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínense os proxectos que terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental, ordinaria ou simplificada (en relación cos seus anexos I, II e III). A este respecto, no proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, na epígrafe 10 da súa memoria recóllese que, de acordo co alcance do proxecto, se considera que non constitúe unha construción nova dunha liña eléctrica, senón unha reforma dunha instalación existente, polo tanto non entraría en ningún dos anexos I e II do Real decreto 445/2023 (última modificación dos anexos I, II e III), polo que non require avaliación ambiental.

4. Informe emitido o 27.3.2025 polos servizos técnicos do departamento territorial do que se destaca o seguinte: «(...) Desde o punto de vista técnico non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción, e declaración de utilidade pública en concreto das instalacións electromecánicas e eléctricas proxectadas. (...)».

5. Informe emitido o 5.9.205 pola Sección de Minas do departamento territorial, do que se destaca o seguinte:

«(...) 4. Consultados os datos que constan no Rexistro Mineiro de Galicia e no Catastro Mineiro de Galicia obsérvase que a zona afectada polo proxecto se atopa dentro dos límites da concesión de explotación de recursos da sección C Barreiros II núm. 6400: (...).

Non obstante, dado que a liña se atopa en servizo e que os labores previstos se restrinxen ao indicado na ilustración 1, considero que o proxecto presentado é compatible coa existencia do dereito mineiro Barreiros II núm. 6400.

Informe.

Unha vez consultados os datos existentes no Rexistro Mineiro de Galicia e no Catastro Mineiro de Galicia, infórmase que á vista do considerado non se advirten impedimentos para a execución do proxecto Regulamentación LMT BRT803-apoios 9T650FF3//91 a 9T3B7QU5//93 (Malpica de Bergantiños) no emprazamento sinalado.

(...)».

De conformidade con todo o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a obras de regulamentación na LMT BRT803, no termo municipal de Malpica de Bergantiños (A Coruña), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado Regulamentación LMT BRT803-apoios 9T650FF3//91 a 9T3B7QU5//93LAT (Malpica de Bergantiños).

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, implicando a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

4. Declarar a compatibilidade da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica co dereito mineiro correspondente á concesión de explotación de recursos da sección C), denominado Barreiro II, co nº 06400 e pertencente a Cerámicas El Progreso, S.A.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Regulamentación LMT BRT803-apoios 9T650FF3//91 a 9T3B7QU5//93LAT (Malpica de Bergantiños), asinado o 21.8.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Rubén Maceiras Sánchez (colexiado nº 3.191 do Coeticor); e en que figura un orzamento total 10.460,64 euros.

2. A promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución ou da data de ocupación dos terreos. Unha vez construídas estas instalacións, a promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Esta resolución adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

9. Como anexo a esta resolución recóllese a RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2025

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados (RBDA) pola infraestrutura
de distribución de enerxía eléctrica correspondente a obras de regulamentación na LMT BRT803, no termo municipal de Malpica de Bergantiños (A Coruña),
e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

Predio proxecto

Persoa propietaria/titular

Referencia catastral

Lugar

Cultivo

Afección de solo
en pleno dominio

Apoio nº

Superficie (m2)

1

Descoñecido/a

15044A007012670000EU

Balsa

Rústico

91

2,0

Cerámicas El Progreso, S.A.

2

María Carmen Sánchez Calvo

7719916NH1971N0001HW

Buño

Rústico

92

2,0

Cerámicas El Progreso, S.A.

3

Descoñecido/a

7719911NH1971N0001JW

Buño

Rústico

93

2,0

Cerámicas El Progreso, S.A.