Mediante a Orde do 27 de decembro de 2024, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 11, do 27 de xaneiro de 2025) establecéronse as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva dos programas de axuda ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realizou a súa convocatoria para o exercicio 2025 (códigos de procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR353D e TR341R) .
Respecto do Programa IV. Bono Remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios (TR353D), o artigo 54 da referida orde establece que o prazo para xustificar a axuda por parte das persoas beneficiarias remudistas será de dous (2) meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución de concesión e, como data límite, o 30 de outubro de 2025.
Tendo en conta o complexo proceso de avaliación das solicitudes recibidas, co fin de permitir acceder á axuda a todas as persoas/entidades que cumpren cos requisitos da norma, e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o prazo establecido no artigo 54 das bases reguladoras para ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada e tendo en conta todo o exposto,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación do prazo de xustificación do artigo 54 da Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axuda as persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria para o exercicio 2025 (códigos de procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR353D e TR341R)
Amplíase a data límite para xustificar a axuda por parte das persoas beneficiarias remudistas prevista no artigo 54 da Orde do 27 de decembro, que será a que se sinale na resolución de concesión e, como máximo, o 30 de novembro de 2025.
Artigo 2. Prazo de solicitudes
Esta modificación non afecta os prazos establecidos para a presentación de solicitudes na Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axuda ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria para o exercicio 2025 (códigos de procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR353D e TR341R).
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2025
José Vázquez González
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
