Mediante a Orde do 19 de febreiro de 2025 (DOG núm. 41, do 28 de febreiro) establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN223A).
O parágrafo segundo do artigo 1.3 das bases reguladoras establece que, en concreto, se considerarán subvencionables as actuacións previstas nos artigos 4, 5 e 6 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas nos seguintes períodos subvencionables:
Concellos:
Anualidade de 2025: desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 14 de novembro de 2025.
Anualidade de 2026: desde o 15 de novembro de 2025 ata o 15 de setembro de 2026.
Pola súa banda, o artigo 22.1 dispón que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 8 da convocatoria, da documentación xustificativa da realización do investimento obxecto de subvención, segundo o modelo do anexo V, sendo a data límite de xustificación:
– Concellos:
Ata o 14 de novembro de 2025 para a contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2025.
Ata o 15 de setembro de 2026 para a contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2026.
Vénse manifestando por parte dos concellos, de maneira xeneralizada, a imposibilidade de dar cumprimento aos prazos referidos á hora de executar os seus proxectos subvencionados debido á propia natureza deles, ao tratarse de obras, as cales requiren dun procedemento (incluída a publicación, preparación e resolución das licitacións e a propia realización dos traballos) que, en moitas ocasións e por circunstancias alleas ao control das entidades locais, se dilata no tempo facendo neste caso moi dificultoso poder dar cumprimento ao obxecto da subvención dentro dos prazos fixados nas bases reguladoras.
Co obxectivo de dar cumprimento á finalidade da subvención, isto é, adecuar os mercados municipais ás necesidades tanto dos/das comerciantes como das persoas consumidoras, desde o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e rexenerar a contorna urbana das vilas e cidades, e atendendo ás circunstancias referidas anteriormente alleas ao actuar das entidades beneficiarias, considérase que concorren causas xustificadas polo ben da consecución do interese público para proceder a unha ampliación dos prazos previstos na convocatoria.
Por todo o exposto e en vista de que non existe prohibición expresa nas bases reguladoras da subvención, que non están vencidos os prazos que se pretenden ampliar, que non se aprecian prexuízos a dereitos de terceiros e as circunstancias concorrentes así o aconsellan, procede modificar os artigos 1.3 e 22.1 das bases reguladoras para ampliar o prazo de xustificación e realización de actuacións ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das entidades locais beneficiarias.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación do artigo 1.3 das bases reguladoras da Orde do 19 de febreiro de 2025, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN223A)
O segundo parágrafo do artigo 1.3 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:
«En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas nos artigos 4, 5 e 6 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas nos seguintes períodos subvencionables:
Concellos:
Anualidade de 2025: desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 5 de decembro de 2025.
Anualidade de 2026: desde o 6 de decembro de 2025 ata o 13 de novembro de 2026».
Artigo 2. Modificación do artigo 22.1 das bases reguladoras da Orde do 19 de febreiro de 2025, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN223A)
O artigo 22.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:
«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 8 da convocatoria, da documentación xustificativa da realización do investimento obxecto de subvención, segundo o modelo do anexo V, sendo a data límite de xustificación:
– Concellos:
Ata o 5 de decembro de 2025 para a contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2025.
Ata o 13 de novembro de 2026 para a contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2026».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
