DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 30 de outubro de 2025 Páx. 56359

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se acorda a incorporación de MoBT como medio substitutivo e complementario dos pagamentos da tarifa +65.

A Orde do 13 de decembro de 2023, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, regula a tarifa específica +65 no transporte interurbano da competencia da Xunta de Galicia. A dita tarifa, e a regulación da propia orde, foron obxecto de ampliación en canto ao prazo da súa aplicación. Sen prexuízo de ulteriores novas ampliacións do dito prazo, a Resolución da Dirección Xeral de Mobilidade do 19 de novembro de 2024 (DOG do 2 de decembro) estableceu a súa aplicación ata o 31 de decembro de 2025.

No marco dos proxectos de evolución tecnolóxica que a Xunta de Galicia está a levar a cabo en materia de mobilidade, estase a desenvolver a Plataforma galega de mobilidade 4.0, denominada MoBT, baseada nun sistema ABT (Account Based Ticketing, ou Ticketing baseado na conta). Coa nova plataforma ofrécenselles aos/ás usuarios/as novos métodos de pagamento alternativos ao pagamento en efectivo e melloras con respecto á actual tarxeta TMG. Con MoBT, as persoas usuarias poderán pagar os seus desprazamentos co móbil mediante un código QR, cunha tarxeta bancaria ou coa nova tarxeta MoBT, de ser o caso.

As persoas usuarias de MoBT disporán dunha conta na nube cun moedeiro virtual asociado. Deste xeito, ás persoas usuarias de máis de 65 anos, rexistrándose en MoBT e acreditando a súa idade, asignaráselles o perfil de desconto +65. As persoas usuarias MoBT co perfil de desconto +65 poderán facer uso do número máximo mensual de viaxes de balde (60 actualmente), sen que se desconte saldo do seu moedeiro, validando calquera do medios de pagamento habilitados en MoBT nas máquinas canceladoras situadas nos diferentes modos de transporte.

A diferenza, por tanto, do sistema xeral de utilización da TMG, este novo sistema non require nin dun adianto económico por parte das persoas usuarias nin, por tanto, de operacións posteriores de reintegro.

Xa que logo, accedendo as persoas usuarias aos medios de transporte con este novo medio de pagamento, sen custo económico ningún a través da tarifa +65, o importe da minoración do 100 % no importe das tarifas que, noutro caso, a Administración reintegraría ás persoas usuarias será aboado á correspondente prestameira do dito servizo.

Para tal fin, a Orde do 13 de decembro de 2023, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que regula a tarifa específica +65 no transporte interurbano da competencia da Xunta de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira. Innovación tecnolóxica, que «Mediante resolución da dirección xeral competente en materia de transportes, poderá acordarse a habilitación doutros medios tecnolóxicos equivalentes que complementen ou, incluso, substitúan a tarxeta TMG como medio tecnolóxico habilitado para a aplicación da tarifa +65; neste caso, a disposición pola que se acorde a habilitación deses outros modos incorporará as condicións de acceso e utilización que lles resulten de aplicación.

Igualmente, a dita dirección xeral poderá acordar canles adicionais ou que substitúan as previstas nesta orde para a distribución e xestións relacionadas coa Tarxeta +65, ou medios tecnolóxicos que a complementen ou substitúan, se é o caso; e, igualmente, poderá establecer requisitos adicionais de aplicación da tarifa +65, incluída a identificación da persoa titular dela ante persoal da Administración ou de entidades colaboradoras desta, ou a aceptación por esta de requisitos adicionais que se establezan para a súa utilización».

A aplicación de pagamentos da tarifa +65 a través de MoBT constitúe unha canle substitutoria na operativa dos pagamentos da dita tarifa +65, que complementará a súa xestión mediante a tarxeta TMG.

A incorporación da tarifa +65 en MoBT non supón incremento de custo da actuación, ao tratarse da mera substitución do instrumento empregado para a xestión da tarifa gratuíta +65.

Polo exposto, cumpridos os trámites administrativos oportunos,

RESOLVO:

Primeiro. Establecer o sistema de pagamento a través da plataforma MoBT como sistema substitutorio e complementario dos pagamentos da tarifa +65 mediante a tarxeta TMG, aplicación á cal resultarán de aplicación as condicións de uso que se indican no anexo desta resolución.

As referencias que nesta resolución se efectúan ás concesións de servizos públicos de transporte e ás concesionarias dos ditos servizos enténdense efectuadas, igualmente, aos servizos de transporte integrados na tarifa +65 e ás empresas prestameiras deles, como os servizos de transporte marítimo regular da ría de Vigo e os ferroviarios da ATM de Ferrol.

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade

ANEXO

No caso de viaxes aboadas con cargo á plataforma MoBT, a persoa usuaria non efectuará aboamento ningún e, por tanto, non procederá o reintegro de cantidade ningunha á dita persoa usuaria. Por contra, o importe correspondente ás cancelacións efectuadas coa plataforma MoBT será compensado pola Administración á concesionaria como prezo da viaxe, nos termos previstos nos pregos de condicións correspondentes e con cargo á tarifa +65.

A implantación de MoBT será progresiva nas diferentes concesións de transporte en que resulta de aplicación a tarifa +65, atendendo á análise dos resultados que se xeren do dito proceso de implantación. Desta expansión e das condicións de uso de MoBT, sen prexuízo da información que se facilite por outras canles de comunicación, as persoas usuarias serán informadas na web: https://mobt.gal