DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 30 de outubro de 2025 Páx. 56356

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 24 de outubro de 2025 pola que se modifica a Orde do 27 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR486D).

missing image file

Mediante a Orde do 27 de xaneiro de 2025 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR486D) (DOG núm. 30, do 13 de febreiro), que se tramitou como expediente anticipado de gasto.

No artigo 18 da devandita orde fíxase o 31 de outubro de 2025 como data límite para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa. No caso de acollerse ao réxime de pagamento anticipado da primeira anualidade, o prazo de execución finaliza o 31 de decembro e o de presentación da documentación xustificativa, o 31 de xaneiro de 2026.

A brevidade do intervalo temporal entre a notificación da resolución de concesión e o vencemento dos devanditos prazos, a obriga das entidades beneficiarias de atender os requirimentos derivados do financiamento con fondos europeos na tramitación e execución dos proxectos, o necesario cumprimento dos trámites e prazos determinados pola normativa de contratación do sector público á que deben someterse os concellos beneficiarios e a posibilidade de dispoñer dun prazo mínimo para a execución do proceso construtivo son circunstancias que, conxuntamente consideradas, determinan a decisión de ampliar os prazos inicialmente fixados nas bases reguladoras.

Asemade, valoráronse as consecuencias sobre a xestión dos fondos que financian esta convocatoria, en especial, considerouse que, de manterse a regulación actual, se produciría un importante número de renuncias ás subvencións ou execucións deficientes dos proxectos subvencionados, o que suporía, en definitiva, unha clara ineficiencia na aplicación dos recursos públicos.

Todo iso aconsella compoñer unha proposta realista acorde co principio de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos que, de acordo co artigo 5.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, debe rexer tamén a tramitación das subvencións; e en consonancia coa necesaria contribución aos obxectivos de fomentar a eficiencia enerxética e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro que a mellora da eficiencia enerxética nos edificios e infraestruturas públicas subvencionados permitirá acadar.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Con base en todo o anterior, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, co disposto na Orde do 27 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR486D), e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 18.1 da Orde do 27 de xaneiro de 2025, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas, aprobar as facturas e certificacións de obra e proceder ao seu pagamento ata o 31 de decembro de 2025, na primeira anualidade. Para a presentación da documentación xustificativa terán de prazo ata o 31 de xaneiro de 2026.

Na segunda anualidade, o prazo de execución e xustificación finalizará o 31 de outubro de 2026».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes