DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 3 de novembro de 2025 Páx. 56876

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2025 pola que se convocan cursos sobre formación en desfibrilación semiautomática externa (DESA) para persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Pola Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establecen a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2025 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, anúnciase a convocatoria dos cursos sobre formación en desfibrilación semiautomática externa (DESA) para persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao segundo semestre do ano 2025, cuxas bases e características se especifican no anexo desta resolución.

A Estrada, 28 de outubro de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Actividades formativas

As actividades formativas serán as que se especifican no anexo II desta resolución, no cal se indican tamén, de ser o caso, o número de edicións por curso, lugar de realización, número de horas lectivas, número de prazas, datas de realización e horarios dos distintos cursos.

De ser o caso, as persoas seleccionadas nas diferentes actividades formativas serán notificadas por correo electrónico de calquera outra información necesaria.

Segunda. Obxectivos e contido das actividades formativas

Obxectivos: adquirir a formación necesaria para a utilización e o manexo dos desfibriladores externos, co fin de conseguir:

1. Aumentar as taxas de supervivencia nos pacientes con morte súbita, conseguindo un acceso precoz a un sistema de emerxencias médicas.

2. Acurtar os tempos para realizar reanimación cardiopulmonar e a desfibrilación precoz.

Contido: no curso trataranse os seguintes temas:

• Introdución.

• RCP básica. Recordo.

• Coñecemento teórico do DESA.

• Recollida de datos (Utstein). Mantemento do aparello.

• Exercicios prácticos:

– RCP básica.

– Práctica DESA.

– RCP + DESA (megacode).

Terceira. Destinatarios/as

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) dos concellos de Galicia.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais:

a) Ter superado o curso básico de protección civil.

b) Ser maior de idade.

c) Estar como voluntario/a activo/a na correspondente AVPC.

A agrupación/asociación de voluntarios de protección civil a que pertenza o/a solicitante deberá estar inscrita regulamentariamente no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados/as por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

Quinta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37, 886 20 61 38 e 886 20 61 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Se o número de solicitudes para participar nun curso non supera o 50 % por riba das prazas convocadas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Sexta. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición será ata o 14 de novembro de 2025 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Sétima. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se relacionan e na orde indicada, sen prexuízo de que algúns cursos requiran criterios específicos, os cales se indicarán na ficha de cada acción formativa concreta publicada na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

1º. De acordo co artigo 155 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas en que as mulleres estean infrarrepresentadas, organizados ou financiados pola Administración xeral ou unha entidade do sector público autonómico de Galicia, reservarase un 50 por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. As mulleres só accederán a esta quenda reservada unha vez cubertas todas as prazas da quenda non reservada.

2º. Reservarase un 40 por cento das prazas para as persoas con residencia no concello onde se realice o curso.

3º. Teñen preferencia as persoas con residencia na provincia onde se realice o curso.

4º. Teñen preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

5º. Teñen preferencia as solicitudes por orde de presentación.

Cando no proceso de selección non se completen as reservas establecidas nos puntos 1º e 2º, as ditas reservas, de existir suficiente número de solicitantes, completaranse co resto de solicitudes.

Unicamente serán seleccionadas aquelas persoas que non realizasen o curso solicitado nos últimos dous anos.

Oitava. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O alumnado seleccionado será informado da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, e cunha antelación mínima de tres días hábiles ao do inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante. De non comunicar a renuncia, a persoa seleccionada será penalizada coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de (6) meses. No suposto de reincidencia en máis dun curso, o prazo será de doce (12) meses.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Novena. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo primeira. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula, no seu artigo 16, as faltas de asistencia nos cursos:

1. A realización das actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria; a súa non realización deberá xustificarse debidamente e penalizaranse disciplinariamente en caso contrario.

2. A asistencia á formación, tanto na parte teórica como na parte práctica, é obrigatoria para o alumnado durante toda a carga horaria, o cal non se poderá ausentar se non é por unha causa de forza maior e xustificada documentalmente.

3. As faltas de asistencia por unha causa de forza maior non poderán superar en ningún caso o 10 % das horas presenciais e/ou telepresenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa da Agasp, nun prazo máximo de quince (15) días contados a partir do día do remate desta actividade. As persoas que incumpran o dito anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

4. O alumnado que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % do curso, será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

Décimo segunda. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Para superar o curso de desfibrilación externa semiautomática (DESA), os/as alumnos/as deberán obter na proba final un mínimo do 75 % da puntuación máxima, dita proba final constará de 25 preguntas.

Décimo terceira. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar, sen necesidade de nova publicación, o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as datas e o lugar da súa realización, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia; especificamente, poderase suprimir o curso cando o alumnado admitido antes da data do seu inicio non supere o 50 % das prazas convocadas.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución, sen necesidade de nova publicación, para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

ANEXO II

Cursos sobre formación en desfibrilación semiautomática externa (DESA) para persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia

Denominación do curso

Modalidade

Provincia

Lugar

Horas lectivas

Prazas

Datas

Desfibrilación externa semiautomática

Presencial

A Coruña

A Coruña

5

24

13 de decembro

Desfibrilación externa semiautomática

Presencial

Lugo

Triacastela

5

24

23 de novembro

Desfibrilación externa semiautomática

Presencial

Lugo

Chantada

5

24

29 de novembro

Desfibrilación externa semiautomática

Presencial

Ourense

Ourense

5

24

13 de decembro