DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 4 de novembro de 2025 Páx. 57158

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de outubro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á revisión de esbozo do monte veciñal en man común Páramo, Richouso, Fonte Ferrada e Folgueirón, no concello de Rubiá.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes dos MVMC Páramo, Richouso, Fonte Ferrada e Folgueirón, pertencente á CMVMC de Vilar de Silva, no concello de Rubiá, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. Con data do 5 de maio de 2025, a CMVMC de Vilar de Silva (Rubiá) presenta unha solicitude, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (Rexel 2025/1239181), de revisión de esbozo do monte veciñal da súa titularidade, Páramo, Richouso, Fonte Ferrada e Folgueirón.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 28 de maio de 2025 en relación coa citada solicitude. O perímetro obxecto de revisión inclúe exclusivamente as partes lindeiras con particulares, quedando sen revisar os tramos lindeiros cos monte veciñais.

Con respecto ao esbozo da clasificación, logo da súa revisión e adaptación á cartografía catastral, variou sensiblemente nas seguintes parcelas:

– A parcela denominada Fonte Ferrada:

• No norte creouse unha liña de descontinuidade formada por parcelas particulares permanecendo no mesmo couto redondo ao unirse polo camiño (polígono 28, parcela 9003) na zona noroeste.

• Na zona oeste queda unida polo camiño (polígono 28, parcela 9002) coa parcela Folgueirón.

• Polo leste conecta coa parcela Richouso no encoro de Penarubia.

– Parcela máis ao noroeste, non nomeada na clasificación, quedou cortada pola estrada N-120. Xorde unha parcela ao norte da antedita estrada e a parte que queda ao sur únese á parcela denominada Richouso.

Os montes da CMVMC Vilar de Silva estarían formados polas parcelas:

Páramo, situada na marxe esquerda do río Sil. Linda polo norte co MVMC Fraga e Covadelos dos veciños da parroquia de San Salvador de Covas e predios particulares, polo leste co municipio de Carucedo na provincia de León, polo sur e oeste co río Sil e predios particulares.

Richouso, Fonte Ferrada e Folgueirón, tratadas como un couto redondo porque se antes eran independentes entre si, logo desta revisión únense en estreitos puntos. Defínese a súa estrema:

• Polo norte, estrada N-120 e predios particulares.

• Polo leste, río Sil.

• Polo sur, os MMVVMC Fraga, Fernandón e Mourelo propiedade dos veciños da parroquia de San Estevo de Pardollán e do lugar de Sobredo, MVMC Escurido e Matacabrita dos veciños de Quereño e Vilar de Xeos e o MVMC Peña Escrita da parroquia da Nosa Sra. da Asunción de Cascallá.

• Polo oeste, MVMC Serra da Enciña da parroquia de San Miguel de Biobra e predios particulares.

Parcela situada máis ao noroeste, linda polo sur coa N-120 e polo resto dos ventos con predios particulares.

Parcela situada ao leste da citada anteriormente e separada do río Sil por predios particulares, linda polo norte co MVMC Fraga e Covadelos dos veciños da parroquia de San Salvador de Covas e o resto dos ventos con predios particulares.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Páramo, Richouso, Fonte Ferrada e Folgueirón.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 28 de maio de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 6 de outubro de 2025:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Páramo, Richouso, Fonte Ferrada e Folgueirón, pertencente á CMVMC de Vilar de Silva, no concello de Rubiá.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 20 de outubro de 2025

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

missing image file

ANEXO