No DOG núm. 156, do 18 de agosto de 2025, publicouse a Orde do 6 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases e se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación en empresa establecida para as ensinanzas incluídas no sistema educativo de formación profesional (código de procedemento ED202A).
O artigo 7 da mencionada orde, de conformidade co estipulado no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles.
O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Considerando o importe total das axudas solicitadas no primeiro prazo e constatando que a dotación orzamentaria inicialmente prevista resulta insuficiente para atendelas adecuadamente, considérase necesario ampliar a dotación orzamentaria. Esta ampliación non só permitirá dar unha resposta adecuada ás solicitudes xa presentadas, senón que tamén servirá para anticipar posibles tensións orzamentarias derivadas do segundo prazo, garantindo unha atención equitativa e eficaz a todas as solicitudes recibidas.
De acordo co exposto, co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único. Incremento de financiamento
1. Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 6 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases e convócanse axudas económicas para o alumnado que realiza formación en empresa establecida para as ensinanzas incluídas no sistema educativo de formación profesional (código de procedemento ED202A).
O importe do devandito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 07.04.422M.480.0, é de 50.000,00 euros.
Unha vez efectuada esta ampliación da dotación orzamentaria, o crédito resultante destinado ao financiamento destas axudas ascende a 1.125.510,00 euros.
2. A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
