DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 5 de novembro de 2025 Páx. 57203

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 4 de novembro de 2025 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos durante a folga convocada para o día 6 de novembro de 2025 no ámbito dos centros educativos de educación especial de titularidade privada.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O artigo 3 do dito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para aseguraren o mantemento de tales servizos, e o persoal preciso para prestalos.

A organización sindical CIG-Ensino comunicou a convocatoria de folga na totalidade dos centros do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia incluídos nos ámbitos funcionais do XIII Convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3, do XVI Convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, e do V Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores. Na dita comunicación indícase que a folga terá lugar o día 6 de novembro de 2025 en xornada completa.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican nesta orde.

O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto a esta actividade docente, se realizan outras funcións como son a vixilancia e o coidado das persoas usuarias que acoden aos centros docentes, que inclúen alumnado menor de idade e persoas con discapacidade. Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores; dun xeito máis específico, a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa (DOG do 15 de xullo), dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e a seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente privado, e o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible desta Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos, establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros da persoa titular da dirección ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que a substitúa, xa que tales membros están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade ou respecto de calquera outra cuestión que poida afectar o conxunto dos bens que integran un centro docente. A presenza dun subalterno ou subalterna deriva das funcións que a este tipo de persoal compete respecto do coidado e da vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro como para evitar a saída dos menores de idades cando non corresponda.

Dentro do deber de outorgar protección básica ao menor de idade debemos incluír a súa alimentación, así, cando un centro docente asume o servizo de cociña ou comedor, non pode desatendelo. O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, que, como se dixo, non pode ser paralizado, inclúe a actividade básica de coidar a integridade física, a hixiene e a saúde daqueles que por ter diminuídas as súas capacidades necesitan unha constante vixilancia e atención (artigo 49 da Constitución). O alumnado dos centros de educación especial teñen unhas necesidades relativas á súa atención aínda máis reforzadas, polo que debe haber unha presenza mínima de persoal sanitario, persoal coidador, de limpeza e de comedores ou cociña.

De acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, e oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

Terán a consideración de servizos mínimos para os centros docentes afectados pola folga convocada para o 6 de novembro de 2025:

– A dirección ou membro do equipo de dirección e un subalterno ou subalterna en cada centro escolar. En todo caso, quedará garantida a apertura e o peche de todos os centros.

– O 20 % do persoal de comedores, dos ATS, do persoal de limpeza, dos coidadores e do persoal médico.

Artigo 2

A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no artigo anterior será feita pola dirección do centro respectivo, e procederase á súa publicación no taboleiro de anuncios dos centros afectados.

Artigo 3

O incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 4

O disposto nesta orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal na dita situación.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2025

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional