DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 5 de novembro de 2025 Páx. 57206

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 29 de outubro de 2025 pola que se publica o incremento da dotación orzamentaria da Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI434A).

No Diario Oficial de Galicia número 12, do 20 de xaneiro de 2025, publicouse a Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI434A).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, e convocar as ditas axudas para o ano 2025.

A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e/ou de explotación para os casos das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, e máis tentar axudalas a romper coa situación de violencia, dominación e/ou explotación, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo e/ou están a ser explotadas.

No artigo 3 da dita orde establécese que para a concesión destas axudas se destinarán 5.399.994,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180), de acordo coa seguinte distribución:

– Ano 2025: 2.425.000,00 euros.

– Ano 2026: 2.974.994,00 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das persoas beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración da súa dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas.

Por outra banda, o artigo 7.un.h) da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, dispón que con independencia dos supostos previstos no punto 1 do artigo 64 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán excepcionalmente a condición de ampliables os créditos incluídos na aplicación 08.06.313D.480.0, destinados a pagar axudas directas a mulleres vítimas de violencia de xénero, e os incluídos na aplicación 08.06.313D.480.1, destinados a pagar as indemnizacións previstas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Na data actual, dado o volume de solicitudes recibidas e pendentes de recibir para a concesión da axuda establecida no artigo 39 da dita Lei 11/2007, do 27 de xullo, e que se prevé que non poidan ser atendidas co crédito inicialmente asignado, tendo en conta as necesidades das posibles beneficiarias, considérase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada para o exercicio 2025 na cantidade de cento trinta e tres mil novecentos corenta e oito euros, con cargo a aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.0, a través do suposto previsto na letra b) do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, así como o previsto no artigo 3.2 da Orde do 3 de xaneiro de 2025.

A ampliación de crédito publicaraa o órgano concedente nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Consonte o exposto, e no uso das facultades que me foron concedidas ao abeiro do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento de crédito

1. Ampliar a dotación orzamentaria para o exercicio 2025 prevista no artigo 3 da Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI434A).

2. O incremento da dotación da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, é de 133.948,00 euros para o exercicio 2025, con cargo á aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.0, código de proxecto 2014 00180.

3. Esta ampliación non afecta o prazo establecido na Orde do 3 de xaneiro de 2025 para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade