O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no caso de folga no ámbito da comunidade autónoma (Diario Oficial de Galicia número 116, do 20 de xuño).
O artigo 3 deste decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para que fixen o persoal preciso para a súa prestación, unha vez oído o Comité de Folga.
A organización sindical CIG-Ensino comunicou a convocatoria de folga na totalidade dos centros do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia incluídos nos ámbitos funcionais do XIII Convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3, do XVI Convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a personas con discapacidade e do V Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores. Na dita comunicación indícase que a folga terá lugar o día 6 de novembro de 2025 en xornada completa.
Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.
O exercicio do dereito de folga supera o plano das relacións entre empresa e traballadores/as para ingresar no campo do público cando a empregadora resulta ser a propia Administración pública ou se afectan os servizos esenciais respecto dos cales esta cumpre unha función de garantía. Neste sentido, a atención educativa e asistencial dos nenos e nenas de 0-3 anos ten este carácter esencial para a comunidade. O mesmo carácter esencial ten a atención ás persoas con discapacidade e a reforma e protección xuvenil.
O seguimento desta folga sen a determinación anticipada dunha prestación mínima podería xerar un prexuízo tanto para os nenos e nenas usuarios como para as súas familias e para o persoal do centro que non a secunde.
O servizo da escola infantil é esencial para que moitas familias poidan conciliar a súa vida persoal e laboral sen ter que deixar os seus fillos e fillas a cargo da rede familiar ou social de apoio que, na meirande parte das ocasións, está constituída por persoas maiores de especial vulnerabilidade.
Ademais do anterior, e non menos importante, está o papel que a escola infantil desempeña máis aló da perspectiva dun servizo de conciliación, e que en realidade é a esencia, a finalidade e o obxectivo desta etapa educativa: o coidado, a educación e o correcto desenvolvemento de nenos e nenas nesta etapa fundamental. Unha das principais razóns de ser da «escola infantil» é dar acubillo, apoio e amparo principalmente a eses nenos e nenas e a aqueles outros con necesidades de atención específica (NEAE), que precisan dunha estimulación temperá en colaboración cos equipos de atención temperá das consellerías de Sanidade e Política Social e Igualdade.
Abundan os documentos e estudos en que se fai referencia á etapa da educación infantil como decisiva na formación de adultos máis competentes de modo xeral (UNESCO, UNICEF, OMS, ONU, ECDC, Asociación Española de Pediatría, Save the Children e diversas ONG). Todos eles coinciden en que, ademais do impacto emocional e social, os centros educativos posibilitan a oferta doutros recursos que permiten cubrir necesidades de alimentación e apoio social, especialmente importantes nun momento de crise socioeconómica e de aumento de situacións de estrés no fogar (aumento de desemprego, problemas económicos, violencia intrafamiliar, etc.).
Por outra banda, resulta esencial garantir a efectividade do dereito á igualdade de oportunidades e de trato, así como o exercicio real e efectivo de dereitos por parte das persoas con discapacidade en igualdade de condicións respecto do resto da cidadanía, e erradicar calquera tipo de discriminación.
No tocante á prestación de servizos nos centros de reforma xuvenil e protección de menores, o seu carácter esencial deriva da necesidade de salvagardar o interese superior do menor.
En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
A convocatoria de folga na totalidade dos centros do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia incluídos nos ámbitos funcionais do XIII Convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3, do XVI Convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade e do V Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.
Artigo 2. Designación dos efectivos
A determinación do persoal necesario con base no establecido no anexo corresponderalle á dirección da entidade titular do servizo e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.
A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola dirección respectiva e notificada aos profesionais designados.
Artigo 3. Salvagarda dos dereitos
O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.
Disposición derradeira única. Efectos da orde
Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
ANEXO
Para a xornada de folga a que fai referencia esta orde, terán a consideración de servizos mínimos a xornada completa os que se relacionan a seguir:
1. Centros de asistencia e educación infantil:
Dúas persoas traballadoras de persoal de atención directa aos nenos e nenas que garantan a apertura e peche dos centros ao longo da xornada. Nas escolas de dúas ou máis unidades abertas haberá, ademais, unha persoa de atención directa por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento.
2. Centros e servizos de atención ás persoas con discapacidade:
2.1. Os servizos mínimos designaranse coa mesma intensidade con que os servizos esenciais se ven atendidos nun domingo ou nun día festivo, e para o caso de que se trate de centros que permanezan absolutamente pechados tales días, atenderase ás quendas establecidas para os sábados.
2.2. No caso dos servizos de atención diúrna ocupacional e atención diúrna terapéutica en que unicamente teñen actividade de luns a venres, terán que ter as seguintes ratios de persoal de atención directa:
Nos servizos de atención diúrna ocupacional, unha ratio de persoal de atención directa de 0,10 e de 0,14 no servizo de atención diúrna ocupacional con outras discapacidades concorrentes.
Polo que respecta ao servizo de atención diúrna terapéutica, a ratio de persoal de atención directa é de 0,14 nas áreas de discapacidade intelectual e dano cerebral adquirido, e de 0,20 nas áreas de discapacidade física, parálise cerebral e trastorno do espectro autista.
Nos servizos de supervisión e apoios puntuais en equipos especiais, é necesario garantir unha persoa coidadora por quenda.
Os centros que teñan servizo propio de comedor, deberán ter o persoal mínimo para garantir o servizo de comida.
2.3. Nos servizos de transporte de uso para a atención de usuarios de centros de atención a persoas con discapacidade, manteranse como esenciais os servizos de entrada aos centros desde as 8.00 horas ata as 10.30 horas e os de saída, desde as 14.00 horas ata as 15.30 horas, nos servizos de media estancia, e desde as 16.30 horas ata as 20.00 horas no servizos de estancia completa.
2.4. Centro de Atención a Personas con Discapacidade de Ourense:
– 1 médico/a en quenda continuada das 9.00 ás 17.00 horas.
– 1 traballador/a social en quenda continuada das 9.00 ás 17.00 horas.
– 1 psicólogo/a en quenda continuada das 9.00 ás 17.00 horas.
– 1 logopeda en quenda continuada das 9.00 ás 17.00 horas.
– 1 terapeuta ocupacional en quenda continuada das 9.00 ás 17.00 horas.
– 1 educador/a en quenda continuada das 12.00 ás 18.00 horas.
– 1 monitor/a en quenda continuada das 9.00 ás 17.00 horas.
– 1 técnico de mantemento en quenda de mañá.
– 6 coidadores/as en quenda de mañá.
– 6 coidadores/as en quenda de tarde.
– 2 coidadores/as en quenda de noite.
2.5. Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Souto de Leixa:
– 5 coidadores/as en quenda de mañá
– 5 coidadores/as en quenda de tarde.
– 4 coidadores/as en quenda de noite.
– 1 oficial/a de primeira de cociña en quenda de mañá.
– 1 axudante/a de cociña en quenda de tarde.
– 1 limpiador/a en quenda de mañá.
– 1 limpiador/a en quenda de tarde.
– 1 ordenanza en quenda de mañá.
– 1 ordenanza en quenda de tarde.
– 2 monitores/as de tempo libre.
– 1 ATS/DUE en quenda de mañá.
– 1 ATS/DUE en quenda de tarde.
3. Centros de reforma xuvenil e protección de menores: os servizos mínimos fixados serán o mínimo establecido para estes centros no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.
