Feitos:
1. O 8.9.2025 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD ou promotora) presentou, ante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, departamento territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á instalación de dúas novas posicións de liña 20 kV na subestación Palmeira 66/20 kV, no termo municipal de Ribeira (A Coruña), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2025/167-1.
Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación técnica:
• Proxecto de execución denominado Subestación Palmeira 66/20 kV-ampliación 2 posicións liña MT-pos. 820 e pos. 821, asinado o 29.8.2025 polo enxeñeiro técnico industrial David Rabuñal Martínez (colexiado nº 3.481 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industrias da Coruña –Coeticor–) e visado por este colexio con data do 29.8.2025 e nº 2550/25-CO; e en que figura un orzamento de 306.999,48 euros.
• Declaración responsable exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, asinada polo técnico proxectista e incluída no anexo II do proxecto de execución.
• Escrito de UFD, asinado o 4.9.2025, en que fai constar o seguinte: «[...] non procede remitir a declaración responsable á cal fai referencia o artigo 46.e) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia para as instalacións eléctricas incluídas neste proxecto, ao non afectarse a novos bens e dereitos de propiedade particular. En canto á documentación precisa en función das afeccións sectoriais, e dado que no proxecto non se prevén afeccións a bens e dereitos a cargo das distintas administracións, organismos, empresas de servizo público ou de interese xeral, non se presentan separatas ao efecto».
Segundo consta no proxecto de execución, na subestación Palmeira 66/20 kV proxéctase a ampliación de dúas novas posicións de liña no parque blindado de 20 kV (pos. 820 e pos. 821), coa montaxe de dúas novas celas blindadas iguais ás existentes, tipo NxPlus, de dobre barra e illadas en gas SF6, que se colocan a continuación das existentes en interior de edificio existente no recinto da subestación.
2. O 9.10.2025, o departamento territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deulle traslado del á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou un resumo da tramitación e o informe favorable sobre o proxecto de execución (emitido o 8.10.2025 polos servicios técnicos do departamento territorial).
Consideracións legais e técnicas:
1. Con base nos antecedentes mencionados, considérase que, no marco das autorizacións administrativas previa e de construción da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, seguíronse os trámites do procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
2. Respecto da tramitación do referido expediente, cómpre salientar que está exenta do trámite de información pública, de conformidade coa excepción recollida no artigo 50.b) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, para as solicitudes de autorización administrativa de modificacións de instalacións de distribución de calquera tensión, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria.
3. En canto á avaliación de impacto ambiental dos proxectos, no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínense os proxectos que terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental, ordinaria ou simplificada. A este respecto, no proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, na epígrafe 1.18.1 da súa memoria recóllese que, segundo a lexislación vixente de avaliación ambiental, incluída a última modificación dos anexos I, II e III do Real decreto 445/2023, o presente proxecto non se atopa sometido a ningún trámite de avaliación de impacto ambiental.
4. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia de 75 MVA (3 transformadores 66/20 kV de 25 MVA), de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b.2º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellería da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, de 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
De acordo con todo o anterior,
RESOLVO:
1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á instalación de dúas novas posicións de liña de 20 15 kV na subestación Palmeira 66/20 kV, no termo municipal de Ribeira (A Coruña), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado Subestación Palmeira 66/20 kV-ampliación 2 posicións liña MT-pos. 820 e pos. 821.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Subestación Palmeira 66/20 kV-ampliación 2 posicións liña MT-pos. 820 e pos. 821, asinado o 29.8.2025 polo enxeñeiro técnico industrial David Rabuñal Martínez (colexiado nº 3.481 do Coeticor) e visado por este colexio con data do 29.8.2025 e nº 2550/25-CO; e en que figura un orzamento de 306.999,48 euros.
2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.
3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, quen deberá estendela logo das comprobacións técnicas que considere oportunas.
5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
6. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
7. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2025
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
