Expediente: IN407A 2025/049-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: Recuamento LMTA, CTI e RBT autovía AG-59 tramo: A Ramallosa-enlace AC-241.
Concello: Teo.
Feitos:
1. O día 21.3.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto da construción do novo tramo da AG-59 (A Ramallosa-enlace AC-241), proxéctase o recuamento de dous tramos aéreos da liña de distribución de media tensión PAD804 Pontevea-Cog. M. Cajaraville 4 (expediente 50.559), procedente da subestación Padrón, sitos nos lugares de Pite, Olveira, Vilar e Xermeade, concello de Teo, cambiando de localización o centro de transformación de intemperie denominado CT Olveira (15AH91, IN407A 2016/122-1) de 100 kVA de potencia, en que se substituirá a súa máquina, o desmantelamento dun interruptor telecontrolado existente e a instalación dun novo, a substitución de dous apoios existentes, a intercalación dun novo baixo o trazado existente da liña de distribución antedita, o desmantelamento de tres apoios existentes, a substitución do condutor dun tramo aéreo e o soterramento e reordenación da rede de baixa tensión da zona.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Recuamento LMTA, CTI e RBT autovía AG-59 tramo: A Ramallosa-enlace AC-241, asinado o día 6.3.2025 por Raúl Guillermo Naveira Dueñas, enxeñeiro técnico industrial, especialidade eléctrica, con número de colexiado 1.905 da Coruña.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Teo e AXI.
A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos polos ditos organismos no prazo outorgado para ese efecto.
4. O día 9.10.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións obxecto deste expediente están situadas nos lugares de Pite, Olveira, Vilar e Xermeade, concello de Teo, e as súas características técnicas son as seguintes:
– Desmantelamento do condutor tramo LMTA da LMT PAD804 Pontevea-Cog. M. Cajaraville 4 (expediente 50.559), procedente da subestación Padrón, a 20 kV condutor LA-30, coa orixe no apoio nº A84GH6B3//74-B5-CT que se vai desmantelar e remate no apoio nº A840QU36//74-B3 que se vai desmantelar. Desmantelamento do apoio nº A84F0A74//74-B4 intercalado e do seu interruptor telecontrolado (ITC, 15HDYD) instalado.
– Novo condutor tramo LMTA a 20 kV, de 153 m, condutor tipo LA-56 Al, coa orixe no apoio nº Pr. B4, tipo C-2000/14, e remate no apoio nº Pr. B3, tipo C-1000/14 frecuentado, no cal se instalará un novo ITC. Retensado do tramo adxacente resultante anterior.
– Novo apoio nº 74bis proxectado tipo C-1000/18 frecuentado, que se intercalará no trazado da LMT PAD804 existente, en tramo con condutor LA-110. Retensado dos vans adxacentes.
– Traslado do CTI Olveira (15AH91, IN407A 2016/122-1) instalado actualmente no apoio nº 74-B5-CT, no lugar de Olveira, con relación de transformación 20.000/400-230 V, substituíndo a súa máquina de 100 kVA e instalándoo no apoio Pr. B4 proxectado.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
a) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
b) A instalación executarase no prazo de dous anos, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
c) Para a posta en explotación da instalación autorizada deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
d) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia a persoa interesada, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que xulguen pertinente.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 13 de outubro de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
