Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a continuación se describe:
– Peticionario: Ovapiscis, S.A.
– Domicilio social: A Torre, Saldanxe, polígono 3, parcela 137, Riande, 27246 A Pastoriza, Lugo.
– Denominación: instalación de extensión. Liña de alta tensión subterránea e centro de seccionamento na Pastoriza
– Situación: concello da Pastoriza.
– Características técnicas principais:
• Liña soterrada de alta tensión a 20 kV Bretoña, con orixe nun PAS instalado no apoio proxectado (expediente 229-2024-AT), entra e sae no CS proxectado e remata noutro PAS situado nel, cunha lonxitude de 248 metros en condutor HEPRZ1-150 mm.
• Centro de seccionamento en edificio prefabricado tipo PFU-5, no cal se instalan dúas celas de liña, unha de interruptor automático e unha de servizos auxiliares.
– Finalidade da instalación: ampliación de instalacións.
– Orzamento: 45.228,20 €.
– Documentación que se xunta:
• Separata para o Concello da Pastoriza.
• Separata para Begasa.
• Separata para a Deputación Provincial de Lugo.
• Separata para a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Este departamento territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, supeditada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dous anos, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) nº 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) núm. 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada, ante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 3 de novembro de 2025
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
