Expediente: IN407A 2025/066-4.
Promotora: Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Denominación: LMTS e oito centros de transformación para urbanización de vivendas no polígono 1 de San Paio de Navia fases A-B.
Concello: Vigo.
Feitos:
1. O 21 de marzo de 2025, o Instituto Galego da Vivenda e Solo solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS e oito centros de transformación para urbanización de vivendas no polígono 1 de San Paio de Navia fases A-B.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Luis A. Tizón Cabaleiro, colexiado 2449 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 1.175.979,53 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade atender a demanda de enerxía prevista no polígono 1 de San Paio de Navia da nova urbanización de vivendas, no concello de Vigo, mediante as seguintes actuacións:
• Instalación de oito centros de transformación subterráneos, telecontrolados, en edificios de formigón monobloque, con transformadores en baño de aceite de 250 e 400 kVA.
• Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 2.536 metros en dobre circuíto para dar continuidade á configuración en anel da rede de distribución e alimentar os centros de transformación proxectados.
As instalacións eléctricas proxectadas serán cedidas á empresa distribuidora da zona, neste caso, UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido.
3. O 18 de agosto de 2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS e oito centros de transformación para urbanización de vivendas no polígono 1 de San Paio de Navia fases A-B.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1-2OL, de 2.536 metros de lonxitude, coa orixe e final na LMTS BAL731, entre os centros de transformación 36S379 e 36SLT8, facendo entrada e saída nos oito centros de transformación proxectados.
• Oito centros de transformación subterráneos, con relación de transformación 15 kV/400 V, coas seguintes potencias: centro de transformación 1 (CT-1) de 250 kVA, centro de transformación 2 (CT-2) de 400 kVA, centro de transformación 3 (CT-3) de 250 kVA, centro de transformación 4 (CT-4) de 400 kVA, centro de transformación 5 (CT-5) de 400 kVA, centro de transformación 6 (CT-6) de 400 kVA, centro de transformación 7 (CT-7) de 400 kVA e centro de transformación 8 (CT-8) de 400 kVA.
A instalación está situada no polígono 1 do Plan parcial San Paio de Navia, fases A-B, no concello de Vigo (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e oito centros de transformación para urbanización de vivendas no polígono 1 de San Paio de Navia fases A-B, expediente IN407A 2025/066-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa distribuidora da zona será quen tramite a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado dirección final de obra subscrito por unha técnica ou un técnico facultativo competente en que conste que a instalación foi realizada de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica de aplicación á materia, segundo a Lei 9/2021, do 25 de febreiro. Este certificado debe cumprir co establecido na Resolución do 12 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se aproba o modelo oficial de certificado de instalación eléctrica en alta tensión, publicada no DOG do 24 de xuño, e na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios que se deben aplicar para exixir visado colexial en materias de industria e enerxía.
Contrato de cesión entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (promotora) e UFD Distribución Electricidad, S.A. (a entidade de transporte e distribución de enerxía eléctrica).
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 23 de outubro de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
