Expediente: IN407A 2024/188-1.
Promotora: Distribuidora Eléctrica Niebla, S.L.
Denominación da instalación: Adecuación LMTS mercado Espiñaredo, adecuación 223/2008, renovación de infraestruturas para o aumento de calidade de subministración e diminución de perdas eléctricas.
Concellos: As Pontes de García Rodríguez, As Somozas e San Sadurniño.
Feitos:
1. O día 5 de xuño de 2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica. O obxecto do proxecto é a adecuación das liñas de media tensión do mercado de Espiñaredo mediante a renovación de infraestrutura eléctrica para aumento de calidade de subministración e diminución de perdas eléctricas, por medio do aumento de sección de condutores, forrado de tramos e cambio puntual de apoios e crucetas para a mellora da calidade da subministración, así como a elevación de tensión de explotación de 6 a 20 kV co cal se consigue un aumento da capacidade desta, así como unha redución das perdas.
Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, e que abrangue os seguintes documentos:
• Proxecto de execución nomeado: Adecuación LMTS mercado Espiñaredo, adecuación 223/2008, renovación de infraestructuras para o aumento de calidade de subministración e diminución de perdas eléctricas, asinado con data do 28 de outubro de 2022 por Ramón Gómez Morandeira, enxeñeiro industrial, co número de colexiado 1.304 e co número de visado 20223306 do 2 de novembro de 2022.
• Anexo I, asinado con data do 7 de novembro de 2024 por Ramón Gómez Morandeira, enxeñeiro industrial, co número de colexiado 1.304 e co número de visado 20243388 do 7 de novembro de 2024.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Distribuidora Eléctrica Niebla, S.L., presentou autorizacións dos seguintes organismos e declara que achega as resolucións de autorización correspondentes ao proxecto: Augas de Galicia, Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña, Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)-Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Coruña e a Deputación Provincial da Coruña.
Así mesmo sinalar que de acordo co artigo 120 p.2 do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, as autorizacións ás cales se refire o presente título serán outorgadas, sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e en especial as relativas á ordenación do territorio e o ambiente.
4. Con data do 21 de novembro de 2024 emitiuse un informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente atópanse nos concellos das Pontes de García Rodríguez, As Somozas e San Sadurniño, e as súas características técnicas son as seguintes:
– O obxecto do proxecto é a adecuación das liñas de media tensión do mercado de Espiñaredo mediante a renovación de infraestrutura eléctrica para aumento de calidade de subministración e diminución de perdas eléctricas, por medio da suba puntual de sección de condutores de LA-30 a LA-56, forrado puntual de cables tramos e cambio puntual de apoios e crucetas para a mellora da calidade da subministración, así como a elevación de tensión de explotación de 6 a 20 kV para executar por fases.
– Estas actuacións realizaranse de xeito gradual divididas por períodos, para adecualas á capacidade investidora da empresa. A transición de fases de elevación de tensión realizarase mediante a instalación de módulos provisionais elevadores de tensión 6-20 kV.
A descrición técnica das actuacións por ano investidor é a seguinte:
Actuacións ano 2024:
Actuacións de renovación de infraestrutura eléctrica mediante aumento de sección de condutores de LA-30 a LA-56, forrado de cables tramos e cambio de apoios e crucetas, así como elevación da tensión de funcionamento da rede media tensión desde 6 kV ata 20 kV da troncal Mundín, da derivación Loureiros e da derivación Coucixoso a partir do punto de entroncamento das dúas primeiras liñas. As actuacións previstas son as seguintes:
– Troncal Mundín: 9 apoios proxectados e 2.286,38 m de novo condutor LA-56.
– Derivación Loureiros: 7 apoios proxectados e 1.693,33 m de novo condutor LA-56.
– Derivación Coucixoso: 14,93 m de novo condutor LA-56.
Actuacións ano 2025:
Actuacións de renovación de infraestrutura eléctrica mediante aumento de sección de condutores de LA-30 a LA-56, forrado de cables tramos e cambio de apoios e crucetas, así como elevación da tensión de funcionamento da rede media tensión desde 6 kV ata 20 kV da troncal Mundín, da derivación Igrexa e da derivación Lameira a partir da orixe da troncal Mundín. As actuacións previstas son as seguintes:
– Troncal Mundín: 11 apoios proxectados e 1.690,87 m de novo condutor LA-56.
– Derivación Igrexa: actuacións tramitadas no expediente IN407A 2023/585-1.
– Derivación Lameira: 3 apoios proxectados e 570,52 m de novo condutor LA-56.
Actuacións ano 2026:
Actuacións de renovación de infraestrutura eléctrica mediante aumento de sección de condutores de LA-30 a LA-56, forrado de cables tramos e cambio de apoios e crucetas, así como elevación da tensión de funcionamento da rede media tensión desde 6 kV ata 20 kV da troncal Seara, da derivación Igrexafeita, da derivación Amido e da derivación Leiriña a partir do apoio 4NI-0130. As actuacións previstas son as seguintes:
– Troncal Seara: 15 apoios proxectados e 2.444,90 m de novo condutor LA-56.
– Derivación Amido: 4 apoios proxectados e 569,23 m de novo condutor LA-56.
– Derivación Igrexafeita: 1 apoio proxectado e 95,70 m de novo condutor LA-56.
– Derivación Leiriña: 3,39 m de novo condutor LA-56.
Actuacións ano 2027:
Actuacións de renovación de infraestrutura eléctrica mediante aumento de sección de condutores de LA-30 a LA-56, forrado de cables tramos e cambio de apoios e crucetas, así como elevación da tensión de funcionamento da rede media tensión desde 6 kV ata 20 kV da troncal Seara e da derivación Couce a partir do punto de entroncamento coa derivación Penadeiriz. As actuacións previstas son as seguintes:
– Troncal Seara: 13 apoios proxectados e 837,99 m de novo condutor LA-56.
– Derivación Couce: 73,00 m de novo condutor LA-56.
Actuacións ano 2028:
Actuacións de renovación de infraestrutura eléctrica mediante aumento de sección de condutores de LA-30 a LA-56, forrado de cables tramos e cambio de apoios e crucetas da troncal Seara, derivación Alto do Pío, derivación A Campa, derivación Alto do Pío e liña xeotecnia, así como elevación da tensión de funcionamento da rede media tensión desde 6 kV ata 20 kV desde o punto fronteira mediante actuacións no distribuidor augas arriba.
As actuacións previstas son as que a seguir se relacionan:
– Troncal Seara: 4 apoios proxectados e 103 m de novo condutor LA-56.
– Derivación Alto do Pío: 1 apoio proxectado.
– Derivación A Campa: 3 apoios proxectados.
– Derivación Miguelares: 2 apoios proxectados e 308,16 m de novo condutor LA-56.
Cuarto. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase segundo o cronograma indicado na consideración legal e técnica terceira e, en todo caso, no prazo de cinco anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. A posta en funcionamento da instalación autorizada realizarase mediante autorizacións parciais coincidentes cos períodos do cronograma indicado, para o que deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á persoa interesada, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 25 de novembro de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
