En cumprimento do disposto no artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e nas demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada co proxecto que se detalla a seguir.
1. Antecedentes.
1. O 16.12.2024 o proxecto dun novo terminal de almacenamento de betume no porto de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) foi declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.
2. O 13.8.2025 o promotor presentou a documentación exixida de acordo co artigo 80.3 desta norma. Así mesmo, o 16.10.2025 presentoulle a documentación definitiva á Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, que continuou coa tramitación do expediente e someteu a información pública, durante o prazo de trinta (30) días hábiles, o proxecto industrial estratéxico (PIE) denominado Novo terminal de almacenamento de betume no porto de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).
2. Datos do proxecto.
– Solicitante/promotor: Betunes Gallegos, S.L.U.
– NIF: B56539521.
– Domicilio social: rúa Polígono Lacorzanilla, 008, 9LZ2, Berantevilla (Álava).
– Denominación do proxecto: Novo terminal de almacenamento de betume.
– Concello afectado pola industria: Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).
– Situación da industria: parcelas número 04-036 e número 04-088 do porto de Vilagarcía de Arousa.
– Actividade: 5210: depósito e almacenamento. 2059. Fabricación doutros produtos químicos n.c.n.p.
– Categoría principal da actividade: incluída no anexo II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, onde se detallan os proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental simplificado. Así, no punto 6C figuran as «Instalacións industriais de almacenamento de produtos petrolíferos, petroquímicos e químicos».
– Descrición do proxecto: o proxecto consiste na construción dun novo terminal de almacenamento de betume no porto de Vilagarcía de Arousa, utilizando dous espazos portuarios cunha superficie para ocupar de 6.782,1 m² con capacidade para 43.000 m³. Ademais, resérvase unha superficie soterrada de solo portuario (aproximadamente uns 732,76 m²) para o trazado das tubaxes de betume entre o peirao de Comboa e as dúas zonas de almacenamento.
– Investimento: 21.610.700 euros.
– Principais instalacións da planta:
Para levar a cabo este proxecto utilizaranse dous espazos portuarios para a almacenaxe e distribución de betume (zona 1 e zona 2, tamén chamadas site 1 e site 2), que se atopan a unha distancia de 100 metros entre elas, coas seguintes características xenéricas:
• Na zona 1 (site 1) proponse o desmantelamento das instalacións e construcións existentes sobre a parcela e a nova construción dunha planta de almacenamento de betume, cunha capacidade nominal de almacenaxe de 33.000 m³ e unha capacidade útil de 31.000 m³.
• Na zona 2 (site 2) proponse a reutilización dunha planta de almacenamento de betume existente, coa execución de obras de mantemento e conservación para unha capacidade nominal de almacenaxe de 6.720 m³ e unha capacidade útil de 6.000 m³.
Ademais destas zonas, realizaranse trazados de canalizacións de condución de betume e instalacións complementarias desas instalacións.
O novo terminal de almacenamento de betume estrutúrase nas seguintes unidades ou áreas principais:
Zona 1:
– Prevese a execución de 3 novos tanques de almacenamento T-101 (9.352 m³), T-102 (4.539 m³) e T-103 (19.085 m³). Con iso a capacidade útil de almacenamento da instalación proxectada será de 31.000 m³ de betume.
– Todas as cantidades importadas/exportadas desde o terminal mediranse a través de pontes de peso e tamén se verificarán a través do Sistema de medición automática de tanques (ATG). Os datos do medidor automático de tanques e as pontes de peso estarán dispoñibles para ser recompilados nun Sistema de xestión de terminais global.
– A actividade prevista do terminal considerando a distribución é de 12.500-20.000 t de volume total de carga mensual, o que significa unha cantidade total de 150.000-250.000 t de rendemento anual; está previsto o funcionamento da instalación ao redor de 300 días ao ano (de luns a venres), aínda que puntualmente se poida acometer algunha carga/descarga na fin de semana.
– A temperatura de proxecto considerada é un 30 % superior á temperatura de operación da liña ou equipo que almacena o produto. Neste caso considérase unha temperatura de operación de 160 ºC, polo que a temperatura de deseño do proxecto é de 220 °C. Con estas condicións poderíanse almacenar diferentes clases de betume «comercial» como a 40/50, 60/70 e 80/100.
– Considérase unha presión de operación de 9 bar e unha presión de deseño de 11 bar para os equipos, mentres que para as conducións se considerará unha presión de operación de 12 bar e unha presión de deseño de 16 bar.
– Para o correcto funcionamento das instalacións é necesaria a construción dos seguintes edificios/estruturas:
• Edificio principal, constituído por oficinas, servizos e caseta de control (superficie construída: 77,4 m²).
• Edificio de caldeiras (superficie construída: 178,88 m²).
• Edificio da sala de bombas de proceso (superficie construída: 15,6 m²).
• Edificio da sala de bombas PCI e aire comprimido (superficie construída: 23,25 m²).
Zona 2:
– Entrada de betume: o betume chega ao terminal en buques, estes atracan no peirao e son conectados a unha rede de tubaxes, que levan o betume ata os seus tanques de almacenamento.
– Tanques de almacenamento de betume: a instalación conta con cinco tanques atmosféricos para o almacenamento de betume (TK-201, TK-202, TK-203, TK-204 e TK-205). As súas capacidades de almacenamento son as seguintes:
• Dous tanques de almacenamento de 10 m de diámetro e 7,5 m de altura (uns 660 m³ de capacidade nominal/589 m³ de capacidade útil).
• Dous tanques de almacenamento con 10 m de diámetro e 12 m de altura (aproximadamente 950 m³ de capacidade nominal/848 m³ de capacidade útil).
• Un tanque de almacenamento con 15 m de diámetro e 20 m de altura (aproximadamente 3.500 m³ de capacidade nominal/3.125 m³ de capacidade útil).
• Plataforma de carga: é unha estrutura que conta con bocas de carga, a través das cales se verte o betume almacenado aos camións cisterna para a súa distribución.
– Para o correcto funcionamento das instalacións, é necesaria a adaptación dos seguintes edificios/estruturas:
• Edificio de oficinas (superficie construída: 448,64 m²).
• Centro de transformación (superficie construída: 24,33 m²).
• Sala de máquinas 1 (superficie construída: 78,9 m²).
• Sala de máquinas 2 (superficie construída: 76,9 m²).
• Brazo de carga de camións e báscula (superficie construída: 100,3 m²).
O novo terminal conectarase co peirao de Comboa e coa zona 1. Actualmente, existe unha condución de betume que conecta o novo terminal cunha cámara de interconexión de tubaxes (tamén existente) e esta coa zona 2.
Esta condución será substituída por unha nova instalada na mesma localización mantendo a interconexión entre o peirao de barcos, a cámara de interconexión de tubaxes e o novo terminal. A cámara de válvulas deberá ser reacondicionada. Adicionalmente, deberase executar unha nova condución subterránea para conectar a cámara de interconexión de tubaxes coa zona 1, interconectando desta forma o novo terminal coa zona 1. Estas tubaxes utilizaranse para:
• Enchedura dos novos tanques de almacenamento desde os barcos.
• Enchedura de barcos desde o novo terminal por venda de produto.
• Enchedura da zona 1 desde o novo terminal por transferencia por venda de produto entre terminais.
A nova tubaxe que permite transferencia entre terminais e a venda de betume para ser transportado por barco estará formada por tubaxes con quecemento (tracing) de aceite térmico. Considérase a modo de predimensionamento unha gabia de 1,70 m de ancho por 1,50 m de profundidade que equiparía tubaxe DN 600 para o transporte do fluído.
O terminal tamén está equipado cun conxunto de instalacións adicionais para extinción de incendios, subministración de auga potable, aire comprimido, calefacción de tanques e tubaxes, etc.
A seguir detállanse os procesos auxiliares máis relevantes que se desenvolverán na planta e que darán soporte ao funcionamento do proceso produtivo:
a) Produto almacenado:
O produto almacenado vai ser betume ou asfalto, que polo seu punto de inflamación de 260 °C se considera como non clasificado, segundo a NFPA, como inflamable de acordo co Código de seguridade do betume. O punto de fusión é de arredor de 37,8 ºC, polo que en relación co código NFPA 30 (líquido combustible e inflamable) non se aplica.
b) Sistema de abastecemento eléctrico:
A subministración de electricidade será realizada desde a rede de subministración eléctrica da zona. Esta subministración realizarase desde a rede de media tensión (MT) en 20 kV. A acometida alimentará un centro de transformación (CT) cun transformador de 1.250 kVA, que transformará a subministración a baixa tensión (BT) cunha tensión de rede de 400/230 V. O transformador dará servizo a un cadro xeral de BT (CGBT) desde o que se alimentarán mediante un sistema radial simple as diferentes cargas.
c) Sistema de abastecemento de enerxía térmica:
Levarase a cabo mediante unha caldeira alimentada a gas natural de 3,4 MWt, e estímase un consumo de 2.000.000 m³ anuais.
d) Rede de abastecemento de auga:
Instalarase un sistema de subministración de auga potable para dar servizo aos aseos existentes tanto na zona 1 como na zona 2 e a sala de caldeira, entre outros. Estímase un consumo diario de 170 l/persoa e día, e tomarase a auga potable para uso humano da rede de auga potable do porto de Vilagarcía.
e) Rede de saneamento e pluviais:
Formúlase unha rede separativa para a recollida de augas residuais e augas pluviais. As augas residuais provenientes dos aseos conduciranse á rede sanitaria do porto. As augas pluviais conduciranse dentro das parcelas da zona 1 e zona 2 ata un separador de hidrocarburos. Unha vez separados os hidrocarburos das augas pluviais, estas conectaranse á rede de augas pluviais do porto.
f) Rede de aire comprimido:
Dotarase a planta cun sistema de aire comprimido formado por compresor de aire e rede de tubaxes para levar o aire comprimido aos puntos de consumo (instrumentos e válvulas pneumáticas en peiraos de carga, sala de caldeiras, cuartos de bombas e zona de almacenamento-tanques).
g) Gas natural:
A caldeira do sistema de quecemento de aceite térmico funciona con gas natural, que fornecerá a empresa de subministración de gas natural da zona. Instalarase unha estación de regulación e medida (ERM) de gas natural e desde esta estación dirixirase o gas ata o queimador da caldeira.
3. Obxecto da información pública.
Sométese a información pública o proxecto dun novo terminal de almacenamento de betume no porto de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), para os efectos das autorizacións administrativas que procedan co fin de aprobar o proxecto, en virtude do disposto no artigo 79.4 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.
4. Documentación que se expón.
– 01_Memoria.
– 02_Anexos:
• Anexo I_Proyecto terminal bitumen_PIE GUNVOR_Site 1.pdf
• Anexo II_Proyecto terminal bitumen_PIE GUNVOR_Site 2.pdf
• Anexo V_Estudio_tráfico.pdf
• Anexo VI_Analisis de Compatibilidad Estrategica.pdf
• Anexo VII_Justificacion disponibilidad suelo.pdf
– 03_Planos xerais:
O anterior faise público de conformidade co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial e demais normas anteriormente citadas, para coñecemento xeral, e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, de ser o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas dentro do prazo de trinta (30) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A dita documentación poderá consultarse no portal web da Consellería de Economía e Industria a través da seguinte ligazón:
https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/proxectos-industriais-estratexicos
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2025
Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético
