DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 20 de novembro de 2025 Páx. 60078

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2025, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de outubro de 2025, polo que se aproba, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, o proxecto industrial estratéxico dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., que se implantará no concello de Dumbría (A Coruña).

Ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, publícase como anexo a esta resolución o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de outubro de 2025, polo que se aproba o proxecto industrial estratéxico dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal, promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., que se implantará no concello de Dumbría (A Coruña).

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2025

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de outubro de 2025, polo que se aproba, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, o proxecto industrial estratéxico dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., que se implantará no concello de Dumbría (A Coruña)

Feitos:

1. Mediante o Acordo do 9.12.2024, o proxecto dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal declarouse polo Consello da Xunta de Galicia como proxecto industrial estratéxico (PIE). A dita declaración ten os efectos establecidos no artigo 79.4 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

2. De conformidade co artigo 80.1 do citado Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, logo da declaración do proxecto industrial estratéxico, con data do 17.12.2024 desde a Subdirección Xeral de Proxectos da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético requiríuselle ao promotor a presentación de toda a documentación exixida pola normativa aplicable, en virtude das exixencias legais derivadas da instalación e das infraestruturas proxectadas e, en particular, para efectos do previsto no artigo 27 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Con data do 21.2.2025 recíbese do promotor a documentación completa e, de acordo co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, o 18.3.2025, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, envía un requirimento de emenda da documentación recibida. O 19.3.2025 recíbese a resposta do promotor.

3. Con data do 26.3.2025 foi solicitado á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade informe previo á tramitación ambiental do proxecto. Con data do 11.4.2025 recíbese a contestación en que sinalan que o proxecto:

– Non está sometido a avaliación de impacto ambiental.

– Con respecto ao encadre do proxecto no ámbito do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, non formulan obxeccións á cualificación da modificación prevista na autorización ambiental integrada, da cal actualmente é titular a empresa, sexa considerada como non substancial.

Polo tanto foi tramitada a dita modificación non substancial da autorización ambiental integrada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

4. A Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria somete a información pública o proxecto dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal que se implantará no concello de Dumbría (A Coruña), mediante o anuncio que foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 29.4.2025.

Con data do 2.5.2025, o promotor presenta un escrito ante a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, en que expón que na documentación que foi sometida a información pública figura certa información incluída por erro, polo que presentan de novo, corrixida, a documentación que debe someterse a información pública.

Con base no anterior, o 5.5.2025 (DOG núm. 84) publícase un novo anuncio polo que se somete a información pública o proxecto dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., que se implantará no concello de Dumbría (A Coruña), declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de decembro de 2024, que deixa sen efecto o anuncio publicado o 29.4.2025.

O citado anuncio e a documentación técnica antes sinalada estiveron dispoñibles no Portal de transparencia da Consellería de Economía e Industria e no Concello de Dumbría para a súa consulta pública polo tempo legalmente establecido. Non se presentaron alegacións durante o trámite de información pública.

5. De acordo co artigo 80.4, simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano responsable da tramitación efectuará a petición de todos os informes ás administracións e órganos sectoriais afectados, tanto os exixidos pola normativa reguladora da autorización sectorial como os exixidos para os efectos da tramitación ambiental.

Con data do 6.5.2025 foi solicitado informe ao Concello de Dumbría. O Concello emite informe con data do 12.5.2025.

Os organismos consultados foron os seguintes:

1. Augas de Galicia:

1.1. Solicitude de informes a través da SXT de Medio Ambiente o 6.5.2025 e o 6.6.2025.

1.2. Informe de Augas de Galicia do 23.5.2025 e do 7.7.2025.

2. Dirección Xeral de Patrimonio Natural:

2.1. Solicitude de informe a través da SXT de Medio Ambiente o 6.6.2025.

2.2. Informe remitido o 7.7.2025.

3. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural:

3.1. Solicitude de informe o 6.5.2025.

3.2. Informe remitido o 4.6.2025.

4. Deputación Provincial da Coruña:

4.1. Solicitude de informe o 6.5.2025.

4.2. Informe remitido o 28.5.2025

5. Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas:

5.1. Solicitude de informe o 6.5.2024.

5.2. Informe remitido o 5.6.2025.

6. O 3.7.2025, a empresa promotora presenta ante a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético un escrito dirixido á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en que se relacionan unha serie de modificacións realizadas no proxecto, das cales se lles dá traslado á consellería competente para os efectos de que se valore se os cambios operados terían incidencia na tramitación ambiental do proxecto. O 4.7.2025 recíbese a contestación da Subdirección Xeral de Avaliación ambiental que indica que os cambios operados non teñen incidencia na tramitación ambiental.

Con data do 7.7.2025 remítense ao promotor os informes recibidos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Augas de Galicia. O 18.7.2025, Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U. presenta a resposta aos ditos informes sectoriais.

7. Con data do 8.7.2025, o promotor presenta un escrito ante a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, en que xustifica que os axustes proxectados nalgunha das naves se relacionan co obxectivo de garantir a compatibilidade das instalacións cos requirimentos técnicos dos equipos de secado e optimizar a eficiencia operativa da planta; así como nas rasantes inicialmente propostas para adaptarse á topografía natural do terreo.

Examinada a documentación presentada e comprobada a entidade dos cambios realizados, mediante o Anuncio do 9 de xullo de 2025, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, sométese de novo a información pública o proxecto dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., que se implantará no concello de Dumbría, declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de decembro de 2024 (DOG núm. 133, do 14.7.2025).

O citado anuncio e a documentación técnica estiveron dispoñibles no Portal de transparencia da Consellería de Economía e Industria e no Concello de Dumbría para a súa consulta pública polo tempo legalmente establecido.

Certificados de información pública:

– Subdirección Xeral de Proxectos da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético: 15.9.2025.

– Concello de Dumbría: 28.8.2025.

Non se presentaron alegacións durante o trámite de información pública.

8. De acordo co artigo 80.4, simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano responsable da tramitación realizará novamente a petición de todos os informes ás administracións e órganos sectoriais afectados, tanto os exixidos pola normativa reguladora da autorización sectorial como os exixidos para os efectos da tramitación ambiental, para os efectos de que coa nova documentación presentada se ratificasen no informe anterior ou emitisen novo informe.

Os organismos consultados foron os seguintes:

1. Augas de Galicia:

1.1. Solicitude de informes a través da SXT de Medio Ambiente o 14.7.2025.

1.2. Informes remitidos o 8.9.2025 e o 19.9.2025.

2. Dirección Xeral de Patrimonio Natural:

2.1. Solicitude de informe a través da SXT de Medio Ambiente o 14.7.2025.

2.2. Informes remitidos o 4.8.2025 e o 10.9.2025.

3. Concello de Dumbría:

3.1. Solicitude de informe o 14.7.2025.

3.2. Informe remitido o 28.8.2025.

4. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural:

4.1. Solicitude de informe o 14.7.2025.

4.2. Resolución remitida o 21.7.2025.

5. Deputación Provincial da Coruña:

5.1. Solicitude de informe o 14.7.2025.

5.2. Informe remitido o 18.8.2025.

6. Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas:

6.1. Solicitude de informe o 14.7.2025.

6.2. Informe remitido o 5.8.2025.

7. Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural:

7.1. Solicitude de informe o 15.7.2025.

7.2. Informe remitido o 4.8.2025.

Todos os informes recibidos na Secretaria Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético foron remitidos ao promotor.

Para continuar co procedemento de aprobación do proxecto previsto no artigo 80 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, o 22.9.2025, o promotor achegou a documentación definitiva para a dita aprobación.

9. O 30.9.2025 remitiuse a solicitude de informe á Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de acordo co previsto no artigo 80.5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial. Achéganse xunto coa solicitude a documentación do expediente e o informe de tramitación do 30.9.2025.

10. O 6.10.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade dita resolución pola que se modifica a autorización ambiental integrada núm. 2006/0267_NAA/IPPC_060 de Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U. (Xeal).

11. O 14.10.2025, o promotor presenta documentación complementaria que é remitida na mesma data xunto coa resolución indicada no apartado 9 á Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo

12. O 21.10.2025, a secretaria xeral da Xunta Consultiva Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, co visto e prace da súa vicepresidenta, asina o certificado en que se conclúe: «Visto o expediente e a proposta da Dirección Xeral de Urbanismo respecto das cuestións de índole urbanística, ao abeiro do sinalado no Decreto 36/2022, do 10 de marzo, procédese á votación, e co voto favorable dos membros neste momento presentes, o Pleno acorda, por unanimidade, emitir informe favorable sobre o proxecto industrial estratéxico para planta de conversión de madeira en carbón vexetal, coas condicións sinaladas no informe da Dirección Xeral de Urbanismo do 15.10.2025».

Descrición do proxecto:

O proxecto propón a mellora ambiental e de eficiencia da planta de Dumbría coa execución dunha planta de fabricación de carbón vexetal, que substitúa 15.000 t/ano de carbón mineral (hulla) consumido na actualidade. A planta terá unha capacidade de produción anual de entre 11.000 e 14.000 t/ano a partir do consumo de aproximadamente 70.000 toneladas de madeira, que serán fornecidas por provedores locais, maioritariamente en forma de puntal ou ben en forma de tacos de madeira xa picados.

Para reducir o tamaño da madeira recibida ao tamaño exixido para a fabricación de carbón vexetal, dispoñerase dunha planta de picado.

A madeira verde recibida deberá someterse a un proceso de secado para reducir a humidade ata os valores requiridos para a fabricación de carbón vexetal nos fornos. Con obxecto de reducir os tempos de secado e garantir os niveis de humidade da madeira, prevese construír catro secadoiros estáticos, que funcionarán mediante un sistema de quecemento con serpentíns de auga a 100 ºC.

A auga quente empregada nos secadoiros producirase ou ben mediante o aproveitamento térmico do residuo da biomasa que non sexa válida para a produción de carbón ou ben mediante o aproveitamento da enerxía residual contida nos fumes de escape dos fornos de carbonización.

Unha vez a madeira alcance os valores de humidade requiridos, esta será introducida nos fornos para a produción de carbón. A planta contará cun total de 14 fornos, cada un cunha produción nominal de 1.000 toneladas anuais.

Tras o proceso de carbonización, o carbón vexetal debe ser arrefriado antes de ser enviado aos silos existentes de materias primas, onde se incorporará ao proceso de fabricación de ferroaliaxes. Así mesmo, a planta contará tamén cun almacén de madeira seca, o cal permitirá laminar a produción e ter certa autonomía en caso de fallos de subministración ou avaría.

Datos xerais:

Actividade principal

Fabricación de carbón vexetal

Horario de funcionamento

8.760

Réxime de funcionamento

365 días/ano

Horas de produción/día

24

Data prevista de posta en marcha

2026

Localización xeográfica:

As instalacións proxectadas construiranse nos terreos sen edificar que Xeal ten dentro da súa planta de ferroaliaxes.

Situación da industria: estrada de Muros, s/n, lugar de Hospital, 15151 Dumbría (A Coruña).

O orzamento total do proxecto ascende a 22.872.183,60 €.

Consideracións legais e técnicas:

1. Réxime xurídico aplicable.

O réxime xurídico aplicable ao suposto de referencia vén constituído polo capítulo III do título III do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro (DOG núm. 128, do 9 de xullo), e publicado no Boletín Oficial del Estado na súa versión consolidada.

O procedemento de aprobación dos proxectos estratéxicos está regulado no artigo 80 da dita norma, en que se establece:

«1. Logo da declaración polo Consello da Xunta do proxecto industrial estratéxico, a consellaría competente por razón da materia requirirá á empresa interesada a presentación de toda a documentación exixida pola normativa aplicable, en virtude das exixencias legais derivadas da instalación e das infraestruturas proxectadas, e, en particular, para os efectos do previsto no artigo 27 da Lei 9/2021, do 8 de xaneiro:

a) No caso de existiren modificacións sobre o proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial tido en conta para a declaración, presentarase o proxecto que as inclúa. Estas modificacións non serán substanciais, no sentido de que non poderán afectar as razóns que determinaron a súa declaración como proxecto industrial estratéxico.

b) A documentación que acredite o cumprimento dos requisitos establecidos na normativa reguladora dos actos de control integrados no procedemento, se é o caso.

c) A memoria descritiva detallada das características técnicas das infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto do proxecto.

d) As medidas necesarias e suficientes para garantir a adecuada conexión do ámbito cos sistemas xerais exteriores existentes e, de ser o caso, a ampliación ou o reforzo dos devanditos sistemas, que resolvan os enlaces coas estradas ou vías actuais e coas redes de servizos de abastecemento de auga e saneamento, subministración de enerxía eléctrica, telecomunicacións, gas e outros.

e) De resultar preciso, o documento ambiental necesario para a avaliación ambiental do proxecto, segundo o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma básica estatal que a substitúa.

f) A relación detallada dos bens e dereitos afectados, describíndoos na forma que determina o artigo 17 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, no caso de se solicitar a declaración de utilidade pública ou interese social, en concreto, da instalación.

3. O órgano responsable da tramitación, recibida a documentación completa exixida no punto 2, someterá a información pública polo prazo de trinta días hábiles o proxecto de execución e, asemade, o estudo de impacto ambiental no caso de avaliación ambiental ordinaria, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e, de ser o caso, no Portal de transparencia e Goberno aberto.

No caso de se solicitar a declaración de utilidade pública ou interese social, realizarase de forma simultánea o trámite de información pública mediante a publicación nun dos xornais de maior circulación de cada unha das provincias afectadas.

4. Simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano responsable da tramitación efectuará a petición de todos os informes ás administracións e aos órganos sectoriais afectados, tanto os exixidos pola normativa reguladora da autorización sectorial como os exixidos para os efectos da tramitación ambiental.

En particular, no caso de que sexa preceptivo, de acordo co establecido na normativa de prevención e control integrados da contaminación, o informe urbanístico do concello ou concellos afectados, este informe terá en conta a declaración de prevalencia sobre o planeamento urbanístico vixente establecida na letra c) do artigo 79.4.

Nomeadamente, cando o proxecto afecte terreos que, de conformidade coa lexislación urbanística, deban ser clasificados como solo rústico de especial protección, exixirase o informe favorable do organismo que teña a competencia sectorial por razón do valor obxecto de protección.

5. A persoa titular da consellaría competente por razón da materia, logo do informe da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, elevará o expediente ao Consello da Xunta, que decidirá se procede a aprobación do proxecto industrial estratéxico».

2. Motivación da proposta presentada.

Consta neste expediente toda a documentación exixida polo artigo 80.1 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, remitida pola entidade promotora Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., para a aprobación dun proxecto industrial estratéxico.

Segundo o informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade relativo á tramitación ambiental, o proxecto non está sometido a avaliación de impacto ambiental. Con respecto ao encadre do proxecto no ámbito do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade dita resolución pola que se modifica a autorización ambiental integrada núm. 2006/0267_NAA/IPPC_060 de Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U. (Xeal), nos seguintes termos:

1. Modificar a epígrafe «2. Descrición dos procesos e instalacións» da autorización ambiental integrada núm. 2006/2067_NAA/IPPC_060, para engadir o punto «2.4. Planta de carbón vexetal».

2. Modificar a epígrafe «2. Descrición dos procesos e instalacións» da autorización ambiental integrada núm. 2006/2067_NAA/IPPC_060, para engadir o punto «2.4. Planta de carbón vexetal».

3. Modificar a epígrafe «3 Emisións á atmosfera» da autorización ambiental integrada núm. 2006/0267_NAA/IPPC_060.

4. Modificar a epígrafe «8. Solos e augas subterráneas» da autorización ambiental integrada núm. 2006/2067_NAA/IPPC_060 , para engadir o punto «8.3. Informe base».

5. Establecer a obriga de que, no prazo dun mes desde que se notifique a resolución, o titular actualice o contido do informe de situación (IS) do solo considerando a totalidade da instalación e os seus procesos asociados coa modificación proposta.

A promotora deberá dar cumprimento a todas os condicionantes establecidos na AAI, así como en todos os informes e resolucións emitidas durante a tramitación do proxecto, en particular:

Informe da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas do 5.6.2025 ratificado o 6.8.2025:

– Deberase cumprir co disposto para este tipo de instalacións no Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, e especialmente ter en conta, o indicado no caso das instalacións para a subministración eléctrica: «A instalación dun novo transformador (CT) e a súa conexión coa rede eléctrica de MT quedaría suxeita ao réxime de autorización administrativa previa, previsto no artigo 53 da Lei 24/2013, só no caso de que vaia ser cedida para formar parte da rede de distribución de enerxía eléctrica, conforme o disposto no artigo 20 do Regulamento aprobado polo Real decreto 337/2014.

Se non vai ser cedida, quedaría suxeita ao réxime de comunicación ou inscrición rexistral con carácter previo á súa posta en funcionamento, segundo o procedemento previsto na ITC-RAT 22 do dito regulamento. A comunicación ou inscrición rexistral realizarase ante o Departamento Territorial da Coruña desta consellería».

– O Departamento Territorial da Coruña sinala que a promotora deberá asumir o custo no caso de ser necesario algún recuamento respecto ás instalacións de transporte de enerxía eléctrica (titularidade de REE) próximas á nova planta proxectada.

Resolución sobre unha intervención no Camiño de Santiago da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 18.7.2025:

– As obras que se vaian realizar que comporten consigo remocións de terras no subsolo teranse que realizar baixo control arqueolóxico, presencial, continuo e a pé de obra. Esta actividade enténdese, segundo o artigo 95 da LPCG, como a supervisión por parte de persoal técnico competente (arqueólogas/os) dun proceso de obras que afectan un espazo de interese arqueolóxico, para establecer as medidas oportunas que permitan a conservación e/ou a documentación, se é o caso, das evidencias ou elementos de interese arqueolóxico que aparezan no transcurso daquelas. Requiren a autorización da DXPC, segundo establece o artigo 96 da Lei e mais o Decreto 199/1997 polo que se regula a actividade arqueolóxica en Galicia.

– De apareceren restos arqueolóxicos no transcurso destas obras, comunicarase decontado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que indicará as medidas oportunas.

– Co obxecto de amortecer o impacto das obras sobre o Camiño de Santiago, reforzarase e aumentarase a pantalla vexetal existente con árbores frondosas autóctonas.

Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural do 4.8.2025:

– A translocación prevista dos exemplares de Dryopteris guanchica e dos anfibios que se encontren na zona das actuacións, á nova charca prevista, deberá cumprir coas condicións impostas nas correspondentes autorizacións administrativas que se deberá obter con base no Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

– Xestionaranse todos os residuos que se xeren en función da súa natureza e de conformidade coa lexislación vixente.

– Calquera tipo de restauración vexetal ou axardinamento que se realice deberá levarse a cabo con especies autóctonas e presentes no contorno, garantindo a integración coa paisaxe e cos valores naturais do lugar. En ningún caso se utilizarán especies exóticas invasoras.

– Deberase levar un adecuado seguimento ambiental coa finalidade de evitar calquera tipo de repercusión sobre o medio natural.

– Se durante a execución e a explotación do proxecto se detecta ou demostra calquera afección significativa sobre os valores naturais da zona, tomaranse inmediatamente as medidas adecuadas para paliar a dita afección e o Servizo de Patrimonio Natural da Coruña será o que decida sobre a conveniencia da solución que se adopte, así como as actuacións precisas ou as medidas compensatorias adecuadas para corrixir os efectos producidos.

Informe da Deputación da Coruña do 18.8.2025:

– En canto aos accesos ás estradas provinciais, en caso de modificación de uso do acceso, deberase cumprir a Orde do 23 de maio de 2019 pola que se regulan os accesos nas estradas de Galicia e nas súas vías de servizo. Non existirá inconveniente en que os accesos existentes sexan mellorados en canto a visibilidade e posibilidades de xiro, debendo, na medida do posible, cumprir cos condicionantes indicados na citada orde.

– En relación co aprovisionamento da madeira ou os depósitos provisionais ou permanentes de materiais ou maquinaria, non ocuparán zona de dominio público da estrada provincial nin a súa zona de servidume.

– Por último, no caso de que os movementos de terra próximos ás estradas provoquen situacións de inestabilidade, será precisa a construción de elementos de contención.

– Previamente á execución das obras, deberá obterse a autorización prevista na Lei e Regulamento de estradas de Galicia.

De conformidade co disposto no informe da Dirección Xeral de Urbanismo do 15.10.2025, o promotor deberá cumprir a obriga de actualizar o contido do informe de situación do solo (IS) considerando a totalidade da instalación e os seus procesos asociados coa modificación proposta, tal e como se indica na resolución do 6.10.2025 pola que se modifica a AAI número 2006/0267_NAA/IPPC_060.

Así mesmo de acordo co compromiso adquirido polo promotor deberá achegar a escritura pública de agrupación de parcelas.

Consta neste expediente informe favorable da Subdirección Xeral de Proxectos en que se indica que se cumpriu co procedemento legalmente establecido nos números 1 ao 4 do artigo 80 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

Consta neste expediente certificado do acordo adoptado polo Pleno da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 21.10.2025, en que se acordou emitir informe favorable sobre o proxecto industrial estratéxico para planta de conversión de madeira en carbón vexetal, de acordo co previsto no artigo 80.5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.

Á vista do anterior, conclúese que a tramitación do expediente como proxecto industrial estratéxico realizouse conforme o establecido nos artigos 78, 79 e 80 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

De acordo con todo o sinalado anteriormente, proponse a adopción do seguinte Acordo por parte do Consello da Xunta de Galicia:

1. Aprobar, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, o proxecto industrial estratéxico dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal, en Dumbría (A Coruña), promovida por Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U.

2. A aprobación do proxecto industrial estratéxico terá os efectos regulados no artigo 81.2 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, de conformidade co previsto no número 5 do artigo 78.bis, desa mesma norma.

De conformidade co previsto nos artigos 79.4.c) e 81.2 do texto refundido, as determinacións contidas nos proxectos industriais estratéxicos terán forza vinculante para as administracións públicas e os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. Así mesmo, de conformidade co previsto no artigo 79.4.d), os proxectos declarados estratéxicos non están suxeitos aos títulos habilitantes urbanísticos de competencia municipal.

Esta aprobación axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. De acordo co establecido no artigo 88 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, unha vez aprobado o proxecto industrial estratéxico, e ata a súa posta en marcha, a persoa promotora do proxecto deberá remitir con carácter semestral á consellaría competente en materia de industria un informe do estado do proxecto, no cal deberá indicar o estado de execución das obras ou actuacións necesarias para a dita posta en marcha, así como a previsión da súa finalización. Este informe deberá ser remitido igualmente, de forma extraordinaria, para o caso de que durante as actuacións xurdiren incidencias salientables que fagan variar de modo significativo a data prevista das obras e actuacións e, polo tanto, a de inicio da actividade industrial obxecto do proxecto industrial estratéxico.

2. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na AAI, así como en todos os informes e resolucións emitidos durante a tramitación do proxecto.

3. O prazo de execución será o indicado no proxecto aprobado, e comezará a contar desde o momento en que se dispoñan de todos os permisos necesarios para iniciar a execución.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

5. De acordo co establecido no artigo 87 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, unha vez aprobado o proxecto industrial estratéxico polo Consello da Xunta, a persoa titular da consellería competente en materia de industria dará traslado do seu contido ao concello afectado, para o exercicio das competencias que procedan.

6. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación deste acordo, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2025. Nicolás Vázquez Iglesias, secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.