A disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regula que o persoal laboral fixo das administracións públicas incluídas no ámbito da súa aplicación que, no momento da entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, estea a realizar funcións ou desempeñe postos de traballo de persoal funcionario, ou pase a realizar as devanditas funcións ou a desempeñar os devanditos postos en virtude de probas de selección ou promoción interna convocadas antes da data sinalada, poderá seguir a realizalas ou desempeñalas.
Así mesmo, esta disposición, no seu punto segundo, recolle que o Consello da Xunta de Galicia establecerá, a través das relacións de postos de traballo (RPT), a valoración, clasificación e determinación dos postos de traballo afectados por esta norma, na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.
Para dar cumprimento ao establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e na disposición transitoria segunda do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, esta Administración incorporou as prazas obxecto de funcionarización no Decreto 79/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 102, do 30 de maio de 2022).
O Decreto 165/2019, do 26 de decembro, establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.
En desenvolvemento deste procedemento, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal elaborou a presente modificación da relación de postos de traballo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, determinando previamente aqueles postos de persoal laboral da Xunta de Galicia afectados polo proceso de funcionarización.
Esta modificación de postos de traballo debe estar aprobada con anterioridade á toma de posesión do persoal que adquira a condición de funcionario de carreira, xa que serán estes postos de traballo os que figuren na orde da Consellería de Facenda e Administración Pública pola que se regule o procedemento para o nomeamento como persoal funcionario de carreira do persoal laboral fixo de determinadas categorías profesionais que superou os procesos de funcionarización, convocado pola Resolución do 15 de decembro de 2023 (DOG núm. 243, do 26 de decembro), modificada pola Resolución do 17 de febreiro de 2025 (DOG núm. 38, do 25 de febreiro), pola que se convocou o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial, subgrupo C2, por parte do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes aos grupos IV e V do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico.
Nesta orde de nomeamento tívose en conta a Orde do 23 de decembro de 2024 (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro de 2025), que recolle que o persoal das categorías IV-4 e III-99 que dispoña da titulación necesaria para o acceso á escala de auxiliares de clínica poderá optar pola súa funcionarización na escala de auxiliares de clínica ou na escala auxiliar de coidadores do subgrupo C2.
Cómpre sinalar que nesta relación de postos de traballo, ademais de incluír aqueles postos do persoal laboral fixo que superou os procesos de funcionarización correspondentes, figuran tamén outros postos de persoal laboral tamén obxecto de funcionarización, e indicar que:
– Os postos de traballo do persoal laboral fixo que non superou o proceso manteñen a ocupación como persoal laboral fixo.
– O persoal laboral temporal e indefinido non fixo continuará desempeñando as súas funcións nos postos que viña ocupando, nas mesmas condicións e situación, ata que se leve a cabo a funcionarización dos postos, así como o establecido na disposición transitoria primeira bis da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, logo do remate dos procesos de funcionarización correspondentes. O persoal laboral fixo en readscrición provisional continuará desempeñando o mesmo posto e co mesmo carácter.
Para a determinación dos postos que son susceptibles de seren clasificados como de persoal funcionario tívose en conta o artigo 6 do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, que establece o seguinte:
«Clasificaranse como de persoal funcionario os postos de traballo definidos actualmente nas respectivas RPT como de adscrición de persoal laboral dalgunha das categorías recollidas no anexo desta norma.
A clasificación como de persoal funcionario realizarase no corpo, escala ou especialidade previsto como equivalente no mencionado anexo».
Tivéronse en conta tamén para esta determinación as condicións, retribucións e os complementos salariais que figuraban na correspondente relación de postos de traballo, que retribuían as especiais dificultades materiais e técnicas que exixe o desempeño do posto de traballo.
A toma de posesión como persoal funcionario de carreira, que implicará o cambio do seu vínculo xurídico coa Administración, figura prevista para o 1 de decembro de 2025 e, por iso, co fin de que se cumpran os trámites oportunos en canto á expedición das dilixencias de cesamento correspondentes, esta relación de postos de traballo entrará en vigor o 27 de novembro de 2025.
Por estaren pendentes de actualización informática as táboas correspondentes, o importe dos complementos específicos non inclúe o incremento retributivo publicado o 2 de xullo de 2025 pola Orde PJC/681/2025, do 1 de xullo, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros, do 1 de xullo de 2025, polo que se aproba o incremento do 0,5 por cento das retribucións do persoal ao servizo do sector público previsto no artigo 6.2 do Real decreto lei 4/2024, do 26 de xuño, polo que se prorrogan determinadas medidas para afrontar as consecuencias económicas e sociais derivadas dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo e se adoptan medidas urxentes en materia fiscal, enerxética e social.
En consecuencia, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación da Comunidade Autónoma e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 24 de novembro de 2025, adoptou o seguinte
ACORDO:
Primeiro. Aprobar a modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia e clasificación no corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar de coidadores de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2).
Segundo. Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para os efectos da entrada en vigor o día seguinte ao da súa publicación.
Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 24 de novembro de 2025, relativo á aprobación da modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia e clasificación no corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar de coidadores de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2), coa finalidade de cumprir o dito acordo, de conformidade coa Orde da Consellería de Facenda, do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020: DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
