DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 26 de novembro de 2025 Páx. 60959

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2025 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 2025 polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia e clasificación no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia do Consello Económico e Social de Galicia.

A disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regula que o persoal laboral fixo das administracións públicas incluídas no ámbito da súa aplicación que, no momento da entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, estea a realizar funcións ou desempeñe postos de traballo de persoal funcionario, ou pase a realizar as devanditas funcións ou a desempeñar os devanditos postos en virtude de probas de selección ou promoción interna convocadas antes da data sinalada, poderá seguir a realizalas ou desempeñalas.

Así mesmo, esta disposición, no seu punto segundo, recolle que o Consello da Xunta de Galicia establecerá, a través das relacións de postos de traballo (RPT), a valoración, clasificación e determinación dos postos de traballo afectados por esta norma, na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

Para dar cumprimento ao establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e na disposición transitoria segunda do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, esta Administración incorporou as prazas obxecto de funcionarización no Decreto  217/2022, do 22 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 (DOG núm. 245, do 27 de decembro).

O Decreto 165/2019, do 26 de decembro, establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

En desenvolvemento deste procedemento, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal elaborou a presente modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia determinando previamente aqueles postos de persoal laboral da Xunta de Galicia afectados polo proceso de funcionarización.

Esta modificación de postos de traballo debe estar aprobada con anterioridade á toma de posesión do persoal que adquira a condición de funcionario de carreira, xa que serán estes postos de traballo os que figuren na orde da Consellería de Facenda e Administración Pública pola que se regule o procedemento para o nomeamento como persoal funcionario de carreira do persoal laboral fixo de determinadas categorías profesionais que superou os procesos de funcionarización, convocado pola Resolución do 15 de decembro de 2023 pola que se convocou o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo superior da Administración xeral e do corpo facultativo superior de administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes ao grupo I do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico (DOG núm. 243, do 26 de decembro).

Para a determinación dos postos que son susceptibles de seren clasificados como de persoal funcionario tívose en conta o artigo 6 do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, que establece o seguinte:

«Clasificaranse como de persoal funcionario os postos de traballo definidos actualmente nas respectivas RPT como de adscrición de persoal laboral dalgunha das categorías recollidas no anexo desta norma.

A clasificación como de persoal funcionario realizarase no corpo, na escala ou especialidade prevista como equivalente no mencionado anexo».

Tivéronse en conta tamén para esta determinación as condicións, retribucións e os complementos salariais que figuraban na correspondente relación de postos de traballo, que retribuían as especiais dificultades materiais e técnicas que exixe o desempeño do posto de traballo.

A toma de posesión como persoal funcionario de carreira, que implicará o cambio do seu vínculo xurídico coa Administración, figura prevista para o 1 de decembro de 2025 e, por iso, co fin de que se cumpran os trámites oportunos en canto á expedición das dilixencias de cesamento correspondentes, esta relación de postos de traballo entrará en vigor o 27 de novembro de 2025.

Por estar pendente dunha actualización informática, nas táboas correspondentes, o importe dos complementos específicos non inclúe o incremento retributivo publicado o 2 de xullo de 2025 pola Orde PJC/681/2025, do 1 de xullo, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros do 1 de xullo de 2025 polo que se aproba o incremento do 0,5 por cento das retribucións do persoal ao servizo do sector público previsto no artigo 6.2 do Real decreto lei 4/2024, do 26 de xuño, polo que se prorrogan determinadas medidas para afrontar as consecuencias económicas e sociais derivadas dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo, e adóptanse medidas urxentes en materia fiscal, enerxética e social.

En consecuencia, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación da Comunidade Autónoma e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 17 de novembro de 2025, adoptou o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Aprobar a modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia e a clasificación no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1).

Segundo. Aprobar a modificación da relación de postos de traballo do Consello Económico e Social de Galicia nos termos que se sinalan no anexo a este acordo, como consecuencia das súas necesidades funcionais e organizativas.

Terceiro. Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para os efectos da entrada en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 17 de novembro de 2025, relativo á aprobación da modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia e clasificación no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia do Consello Económico e Social de Galicia coa finalidade de cumprir o dito acordo, de conformidade coa Orde da Consellería de Facenda do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO

Clasificación de postos de traballo derivada da funcionarizacion de postos
de persoal laboral da Xunta de Galicia no corpo superior da Administración
xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1)

A disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece, en concordancia co contido na disposición transitoria segunda do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, a posibilidade de proceder á funcionarización do persoal laboral fixo nos corpos e nas escalas de persoal funcionario da Comunidade Autónoma de Galicia. Ao dito persoal garántenselle as retribucións brutas que estaba a percibir como laboral fixo, se estas son superiores ás que lle correspondan como funcionario.

En desenvolvemento do anterior publicouse o Decreto 165/2019, do 26 de decembro, que establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia. Referente ás cuestións retributivas establece, no seu artigo 9, que o persoal laboral fixo que supere o proceso de funcionarización, a partir da toma de posesión como funcionario de carreira, pasará a devindicar todas as súas retribucións conforme o sistema, os conceptos e as contías establecidos con carácter xeral para o persoal funcionario de carreira da Comunidade Autónoma. Garantiránselles as retribucións brutas anuais fixas na súa contía e periódicas na súa devindicación que estaba a percibir como laboral fixo, se estas fosen superiores ás que lle correspondan como persoal funcionario de carreira.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal elaborou unha modificación da relación de postos de traballo co obxecto de adaptar os postos, definidos actualmente como de adscrición de persoal laboral, á condición de persoal funcionario dentro dalgunha das categorías recollidas no anexo do Decreto 165/2019.

Ao abeiro deste proceso de funcionarización, mediante a Resolución do 15 de decembro de 2023 convocouse o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo superior da Administración xeral e do corpo facultativo superior de administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes ao grupo I do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico (DOG núm. 243, do 26 de decembro). Os postos correspondentes a esta categoría funcionarizada son os que figuran na relación de postos de traballo a que fai referencia o parágrafo anterior.

Trátase dunha modificación derivada dun proceso de funcionarización no cal, por primeira vez, se establece unha clasificación de postos de traballo no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1); recollido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Para a determinación desta clasificación non se levou a cabo unha nova valoración e/ou valoración complementaria dos postos de traballo, xa que esta valoración xa se efectuou no momento da creación de cada posto nas correspondentes relacións de postos de traballo, senón que se tiveron en conta as retribucións e os complementos salariais que figuraban nas correspondentes relacións de postos de traballo, que retribuían as especiais dificultades materiais e técnicas que exixe o desempeño do posto de traballo.

Por conseguinte, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación da Comunidade Autónoma de Galicia e na Comisión de Persoal, establécese a seguinte clasificación de postos de traballo no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1).

Primeiro. Clasificación dos postos de traballo de persoal laboral en postos de persoal funcionario do subgrupo A1 da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia; cos seguintes niveis:

Posto laboral

Subgrupo

Denominación do posto

Complemento de destino

Centro de destino

Gabinete técnico

A1

Xefatura de sección

25

Secretaría Xeral

Segundo. Constituirase unha comisión de seguimento presidida pola directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e constituída por un membro vogal de cada organización sindical asinante e iguais membros por parte da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal que, ademais do establecido no punto anterior, será a encargada da vixilancia, interpretación e seguimento do establecido nesta clasificación.

Esta comisión será consultada sobre os complementos de funcionarización que se establezan aos laborais fixos con posto nesta RPT que se funcionaricen con posterioridade á súa entrada en vigor.

missing image file