DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 26 de novembro de 2025 Páx. 60957

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia, para o ano 2026.

A Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, do 18 de decembro de 2019 (DOG núm. 248, do 31 de decembro), regulou a tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia.

En aplicación desta orde, na actualidade ofrécese a todas as persoas con idade comprendida entre os 4 e os 21 anos, a posibilidade de realizar ata 60 viaxes mensuais en servizos públicos de transporte de competencia da Xunta de Galicia, sen que lles supoña custo económico.

Dada a aceptación e as vantaxes que para a mocidade representa esta tarifa Xente Nova, considerouse conveniente o seu mantemento máis alá da data inicialmente establecida, polo que se ampliou o seu prazo de vixencia nos exercicios posteriores, sendo a última destas ampliacións a que realizou a Resolución do 21 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia, para o ano 2025 (DOG núm. 232, do 2 de decembro).

Ao longo deste último ano, a tarifa Xente Nova facilitou que a mocidade accedese dun xeito incremental ao sistema de transporte público, cumprindo claramente a finalidade da dita tarifa de facilitar que a franxa máis nova de idade xere e manteña un costume na utilización dos medios públicos colectivos de transporte.

Consonte o anterior, e tendo en conta a evolución altamente positiva na utilización da tarifa Xente Nova, considérase procedente a prórroga do prazo da súa vixencia para o vindeiro ano 2026.

De acordo co que establecea Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, esta resolución tramítase como expediente anticipado de gasto, polo que o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

De conformidade co exposto, considérase conveniente realizar unha nova ampliación da tarifa Xente Nova para o ano 2026, polo que, cumpridos os trámites administrativos e contables oportunos,

RESOLVO:

Ampliar o prazo de vixencia da tarifa Xente Nova desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2026.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade