Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O Concello de Ribadumia e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio de colaboración para a execución do proxecto denominado Urbanización da rúa Condesa e áreas de estacionamento Barrantes-Ribadumia. Conforme a cláusula 5), o convenio ten o carácter de solicitude de inicio do procedemento de transferencia ao Concello dos seguintes treitos:
– Treito inicial de 305 m de lonxitude da EP-9506 Barrantes-Vilariño, desde o p.q. 0+115 ao p.q. 0+420.
– Treito final de 317 m de lonxitude da EP-9505, ramal A Igrexa, Barrantes, desde o p.q. 0+562 ata o p.q. 0+879.
– Treito antigo de 358 m de lonxitude da EP-9305 Coirón-Ribadumia-Leiro, situado na marxe esquerda do p.q. 9+100.
O treito antigo da estrada EP-9305, o treito final da estrada EP-9505 e o treito inicial da EP-9506 cumpren co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de novembro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Ribadumia dos seguintes treitos da rede de estradas da Deputación Provincial de Pontevedra:
|
Denominación |
P.Q.i |
P.Q.f |
Marxe |
Lonx. (m) |
|
Treito antigo da estrada EP-9305 Coirón-Ribadumia-Leiro |
9+100 |
Esquerda |
358 |
|
|
Treito final da estrada EP-9505, ramal A Igrexa, Barrantes |
0+562 |
0+879 |
317 |
|
|
Treito inicial da estrada EP-9506 Barrantes-Vilariño |
0+115 |
0+420 |
305 |
Artigo 2
De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.
A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.
Artigo 3
Correspóndenlle ao Concello de Ribadumia, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, once de novembro de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
