O Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais para o desenvolvemento dun complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral, equivalente ao sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para o persoal funcionario, contou co voto a favor das organizacións sindicais CC.OO. e UGT, cristalizando na Orde do 22 de novembro de 2022 pola que se publica o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para o establecemento do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral da Xunta de Galicia.
O acordo permitiu convocar os graos I e II do complemento de desempeño nos anos 2022 e 2024. Tamén prevía a implantación do grao III para aquel persoal que contase cunha antigüidade de dezasete anos e establecía os seus efectos económicos a partir do 1 de xaneiro de 2025.
Por tanto, negóciase este acordo para unha nova convocatoria de acceso aos graos I, II e III deste sistema, cumprindo así o disposto no acordo antedito.
Este acordo contou co voto a favor das organizacións sindicais CC.OO. e UGT na Comisión Superior de Persoal do 28 de novembro de 2025 e asinárono as partes.
Por proposta desta consellería, este acordo foi expresa e formalmente aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 1 de decembro de 2025, polo que procede, neste momento, a súa publicación.
De conformidade co que antecede,
DISPOÑO:
Artigo único
Publícase, para xeral coñecemento e efectividade, o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I, II e III do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral da Xunta de Galicia, asinado polas partes, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día 1 de decembro de 2025 negociado na Mesa Xeral de Empregados Públicos e aprobado na Comisión Superior de Persoal da Xunta de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
ANEXO
Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I, II e III do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral
Este acordo ten por finalidade a convocatoria de carácter extraordinario dos graos I, II e III do complemento de desempeño do posto de traballo para persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción daquelas persoas que obtiveron o recoñecemento dun grao na convocatoria anterior.
Trátase de que o persoal da Xunta de Galicia que ten maior antigüidade nesta administración poida acceder anticipadamente ao terceiro grao da carreira profesional, sen ter que agardar os tempos estipulados en cada grao antes de avanzar ao seguinte como sería o caso de implantar o sistema ordinario. Así, nesta convocatoria dáselle acceso a aquel persoal con máis de dezasete anos de servizo para que poida acceder por primeira vez ao grao III.
Tamén se lle dá acceso ao grao I ao persoal con máis de 5 anos de servizo, xa sexa de novo ingreso ou porque non cumpría os requisitos das convocatorias anteriores, posibilitando que nesta convocatoria lle conten os cursos realizados nos últimos anos.
Igualmente, ábrese o acceso ao grao II a aquel persoal con máis de once anos de servizo que, polo mesmo motivo comentado anteriormente, ou por non ter realizado a correspondente solicitude por diversas causas, non tivo oportunidade de acadar o grao II na anterior convocatoria.
Este acordo divídese en catro seccións, consta de 19 artigos, seis cláusulas adicionais e unha disposición derradeira.
A sección primeira, baixo a rúbrica «Disposicións xerais», consta de dez artigos e regula o obxecto, o ámbito subxectivo, o cambio de grupo ou vínculo, así como a forma de acreditación dos requisitos exixidos e o procedemento.
As seccións segunda, terceira e cuarta regulan, respectivamente, os criterios de acceso aos graos I, II e III.
Por todo iso, en virtude do disposto no artigo 38 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e do disposto no artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, as partes
ACORDAN:
Sección 1ª. Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Este acordo ten por obxecto regular o procedemento para o acceso ao réxime extraordinario dos graos I, II e III do sistema transitorio do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral, sempre que non obtivese o recoñecemento dalgún grao na convocatoria anterior publicada mediante a Orde do 29 de decembro de 2023 (DOG núm. 5, do 8 de xaneiro de 2024).
Este complemento de carácter fixo será adicional aos conceptos retributivos actualmente existentes na estrutura salarial do persoal laboral.
Artigo 2. Ámbito subxectivo
1. O sistema transitorio de complemento de desempeño do posto do persoal laboral será de aplicación:
a) A todo o persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que se atope en servizo activo ou en calquera outra situación que supoña reserva de praza ou dun posto de traballo concreto.
b) Ao persoal laboral doutras administracións públicas que, mediante os sistemas de concurso, permuta, transferencia desde outra Administración pública, libre designación ou adscrición temporal, preste servizos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro.
2. O persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que cumpre os requisitos para a súa funcionarización de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda da Lei 2/2015, do 29 de abril, e do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, ou da disposición adicional décimo sétima da dita lei, deberá asinar o compromiso de participar e superar o proceso de funcionarización que se convoque.
3. O persoal laboral fixo procedente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar integrado como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia ao abeiro do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, deberá asinar o compromiso de participar e superar o proceso de funcionarización que se convoque.
Artigo 3. Exclusións
Queda excluído do acceso a este réxime extraordinario:
1. O persoal laboral que desempeñe as súas funcións nos entes instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e que, ademais, non se trate de persoal integrado como persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, de conformidade co procedemento establecido no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.
2. Persoal que xa tivese recoñecido algún grao de complemento de desempeño na convocatoria publicada mediante a Orde do 29 de decembro de 2023 (DOG núm. 5, do 8 de xaneiro de 2024).
3. Calquera outro persoal laboral que non se atope dentro do ámbito de xestión da consellería competente en materia de emprego público.
Artigo 4. Progresión de graos
O grao extraordinario adquírese no grupo de pertenza ou nomeamento en que se atope prestando servizos en 31 de decembro de 2024. A progresión nos distintos graos para cada grupo será consecutiva e irreversible.
Artigo 5. Cambio de grupo ou subgrupo ou vínculo
1. O persoal laboral que acceda a outro grupo ou subgrupo e teña recoñecido un grao de complemento de desempeño deberá reiniciar o complemento no novo grupo ou subgrupo.
Este cambio non afectará o grao xa recoñecido. Polo tanto, continuará percibindo o complemento de desempeño no grupo ou subgrupo de orixe, ao cal se lle irán sumando as novas retribucións ata o límite de catro graos. Cando o persoal laboral teña recoñecido máis de catro graos percibirá o complemento de desempeño correspondente aos catro graos de maior contía.
Porén, daráselle por recoñecido o grao inicial. No caso da promoción interna vertical o tempo prestado no anterior grupo ou subgrupo computarase como prestado no novo grupo ou subgrupo.
2. Aplicarase idéntico criterio no caso do persoal funcionario que acceda a grupos e categorías de persoal laboral.
3. O desempeño de funcións de superior categoría en ningún caso consolidará as cantidades nin o grao superior do complemento de desempeño.
Artigo 6. Homologación de graos recoñecidos noutras administracións públicas
1. O persoal laboral procedente doutra Administración pública que pase a desempeñar postos nesta administración poderá homologar os graos de complemento de desempeño recoñecidos noutras administracións públicas, sempre que se teña subscrito un convenio de conferencia sectorial ou outros instrumentos de colaboración coa Administración de orixe.
2. A solicitude de homologación deberá ir dirixida á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e deberá achegar a documentación que se considere oportuna.
Artigo 7. Efectos económicos
En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento adicional ao complemento de destino correspondente ao grao I, ao grao II ou ao grao III recoñecido producirase de maneira progresiva en 3 anualidades, con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución que se indica a seguir:
– En 2025, o 35 %.
– En 2026, o 70 %.
– En 2027, o 100 %.
O persoal laboral que se atope de permiso por parto, paternidade ou adopción e acollemento ou en incapacidade temporal poderá solicitar o recoñecemento igualmente, pero os efectos económicos produciranse a partir da finalización do permiso ou incapacidade.
Nestes supostos do parágrafo anterior tamén poderá solicitarse o recoñecemento do grao I, do grao II ou do grao III, segundo lle corresponda, durante o mes seguinte á finalización do permiso ou da incapacidade.
No caso de cesamento do persoal laboral temporal ou de xubilación de calquera empregado público durante o ano 2025, os efectos económicos da solicitude serán desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o momento do cesamento ou xubilación.
Artigo 8. Procedemento
Os empregados públicos poderán acceder ao formulario de solicitude a través do portal web da función pública desde a sección <Funcionarización e carreira profesional>
https://www.xunta.gal/funcion-publica/carreira-profesional ou no enderezo http://fides.xunta.gal
• Se accede desde dentro da rede corporativa terá habilitado o acceso mediante usuario e clave ou certificado dixital.
• Se accede desde fóra da rede corporativa poderá acceder con Chave365 ou certificado dixital.
Pode consultar a listaxe de certificados admitidos na propia páxina de entrada no sistema.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Na páxina web de función pública, https://www.xunta.gal/funcion-publica/carreira-profesional, haberá á disposición dos/das empregados/as públicos/as documentación de axuda con instrucións sobre o acceso e o proceso de solicitude de carreira administrativa e complemento de desempeño.
A solicitude conterá os datos precargados coa información obtida das aplicacións corporativas da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal. A solicitude tramitarase integramente desde o sistema Fides e deberá ser asinada e presentada electronicamente.
Só se admitirá unha solicitude por persoa participante, polo tanto, non se pode solicitar máis dun grao.
Se alguén presenta máis dunha solicitude co mesmo nome darase como válida a primeira presentada.
En ningún caso, ningunha persoa poderá ter recoñecidos máis de tres graos de complemento de desempeño.
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e estará aberto ata o 30 de decembro de 2025, agás o previsto no artigo 7.
Artigo 9. Valoración dos criterios
Segundo os datos que consten no rexistro central de persoal, o sistema avaliará os criterios que consten no expediente e, se se cumpre algún dos requisitos exixidos na convocatoria, estimarase a súa solicitude.
No caso de que non cumpra os requisitos, a persoa será posteriormente requirida para que no prazo de 10 días hábiles acredite o cumprimento dalgún dos criterios.
Artigo 10. Resolución
1. O prazo máximo para a resolución das solicitudes será de 6 meses contados desde a presentación da solicitude. De non ditarse resolución no dito prazo, a solicitude entenderase desestimada.
2. As resolucións estimatorias de recoñecemento de grao terán efectos desde o 1 de xaneiro de 2025.
3. As resolucións estimatorias ou desestimatorias do recoñecemento extraordinario do grao de complemento de desempeño serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, de xeito que queda garantida a protección dos datos persoais das persoas interesadas ou ben notificadas individualmente cando a aplicación informática o permita.
4. Contra a resolución estimatoria ou desestimatoria do recoñecemento extraordinario do grao do complemento de desempeño, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data de notificación da correspondente resolución, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpoñer demanda ante a xurisdición social no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto no artigo 69 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.
Sección 2ª. Acceso ao grao I
Artigo 11. Requisitos específicos para o acceso ao grao I
1. Para acceder ao grao I, o persoal laboral debe cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter a condición de persoal laboral nesta administración en 31 de decembro de 2024 e cunha antigüidade, en calquera Administración, de polo menos cinco anos en 31 de decembro de 2024.
b) No caso do persoal laboral fixo das epígrafes 2 e 3 do artigo 2, asinar o compromiso de participar e superar o proceso de funcionarización ou da modalidade específica de promoción do persoal laboral que se convoque.
c) Cumprir un dos criterios de avaliación establecidos no artigo 13 en 31 de decembro de 2024.
2. O grao extraordinario adquírese no grupo ou subgrupo en que se estea en activo en 31 de decembro de 2024.
Artigo 12. Cómputo da antigüidade
Será computable toda a antigüidade noutras administracións públicas, servizos como estatutario do persoal do Servizo Galego de Saúde, servizos como persoal funcionario na Administración de xustiza, universidades, concellos e entes instrumentais do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.
Son computables os servizos prestados como persoal docente ou investigador, sempre que se presten como persoal funcionario ou laboral incluído no ámbito de aplicación deste acordo.
Artigo 13. Criterios de avaliación do grao I
Establécense os seguintes criterios de avaliación, dos cales soamente será necesario acreditar un para este recoñecemento:
a) Formación:
– Recibida: valoraranse os cursos de formación convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp); a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS); o Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); as escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas, e os cursos dos acordos de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos ou organizados polas organizacións sindicais sempre que estean homologados pola EGAP, ACIS, Fegas ou Agasp; cursos impartidos polo Inem; cursos dunha consellería da Xunta de Galicia; cursos impartidos en entes instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado ou por universidades ou entes locais (concellos, deputacións provinciais, cabidos).
A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 40 horas.
Para estes efectos, tamén serán considerados os cursos de lingua galega (iniciación, perfeccionamento, medio ou superior de linguaxe administrativa galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística, sempre que sexan dun nivel superior ao requirido para o desempeño do posto de traballo no correspondente corpo, escala ou categoría profesional. Para estes efectos, os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha consellería da Xunta de Galicia.
Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.
– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartisen os cursos anteditos: 10 horas.
b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, especialista universitario.
c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública.
d) Dous anos de funcións de dirección, subdirección ou xefatura de servizo ou xefatura de sección ou postos de nivel equivalente.
Para o persoal laboral funcionarizado que tras a funcionarización, pasa a ocupar o mesmo posto pero con nivel, enténdese que a ocupación dese posto con nivel é anterior á conversión do posto de laboral en funcionario, polo que o nivel lle computaría desde que desempeña ese posto como laboral ou funcionario e sempre que se trate do mesmo posto. Dado que existen postos de xefatura de sección de nivel 22, considérase que cumpren con este criterio aquelas persoas empregadas públicas que desempeñen postos de nivel 22 ou superior durante os anos requiridos.
e) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.
f) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos.
g) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as convocado pola Axencia Galega de Innovación.
Sección 3ª. Acceso ao grao II
Artigo 14. Requisitos específicos do grao II
1. Para acceder ao grao II o persoal laboral debe cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter a condición de persoal laboral nesta administración a día 31 de decembro de 2024 e cunha antigüidade, en calquera Administración, de polo menos once anos en 31 de decembro de 2024.
b) Ter recoñecido o grao I no correspondente grupo en que solicita o grao II en 31 de decembro de 2023.
c) No caso do persoal laboral fixo das epígrafes 2 e 3 do artigo 2, asinar o compromiso de participar e superar o proceso de funcionarización ou da modalidade específica de promoción do persoal laboral que se convoque.
d) Cumprir algún dos criterios de avaliación establecidos no artigo 16 en 31 de decembro de 2024.
2. O grao extraordinario adquírese no grupo en que se estea ocupando un posto de traballo en 31 de decembro de 2024.
Artigo 15. Cómputo da antigüidade
Será computable toda a antigüidade noutras administracións públicas, servizos como estatutario do persoal do Servizo Galego de Saúde, servizos como persoal funcionario na Administración de xustiza, universidades, concellos e entes instrumentais do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.
Son computables os servizos prestados como persoal docente ou investigador, sempre que se presten como persoal funcionario ou laboral incluído no ámbito de aplicación deste acordo.
Artigo 16. Criterios de avaliación do grao II
Establécense os seguintes criterios de avaliación, dos cales soamente será necesario acreditar un para este recoñecemento:
a) Formación:
– Recibida: valoraranse os cursos de formación convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp); a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS); o Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); as escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas, e os cursos dos acordos de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos ou organizados polas organizacións sindicais sempre que estean homologados pola EGAP, ACIS, Fegas ou Agasp; cursos impartidos polo Inem; cursos dunha consellería da Xunta de Galicia; cursos impartidos en entes instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado ou por universidades ou entes locais (concellos, deputacións provinciais, cabidos).
A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 80 horas.
Para estes efectos, tamén serán considerados os cursos de lingua galega (iniciación, perfeccionamento, medio ou superior de linguaxe administrativa galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística, sempre que sexan dun nivel superior ao requirido para o desempeño do posto de traballo no correspondente corpo, escala ou categoría profesional. Para estes efectos, os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha consellería da Xunta de Galicia.
Se o curso de galego non figura con horas (por ser só unha certificación de nivel), computarase como 75 horas de formación.
Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.
– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartisen os cursos anteditos: 20 horas.
b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, especialista universitario.
Se o antedito punto xa determinou o acceso ao grao anterior, serán necesarias a maiores 40 horas de formación recibida.
c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública. No caso de que o grao I se adquirise con base neste criterio, os traballos científicos ou de investigación deberán ser distintos a aqueles determinantes do grao I ou, alternativamente, contar a maiores con 40 horas de formación recibida.
d) Catro anos de funcións de dirección, subdirección ou xefatura de servizo ou xefatura de sección ou postos de nivel equivalente ou ben dous anos e 40 horas de formación recibida.
Para o persoal laboral funcionarizado que, tras a funcionarización, pasa a ocupar o mesmo posto pero con nivel, enténdese que a ocupación dese posto con nivel é anterior á conversión do posto de laboral en funcionario, polo que o nivel lle computaría desde que desempeña ese posto como laboral ou funcionario e sempre que se trate do mesmo posto. Dado que existen postos de xefatura de sección de nivel 22, considérase que cumpren con este criterio aquelas persoas empregadas públicas que desempeñen postos de nivel 22 ou superior durante os anos requiridos.
e) Catro anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.
Alternativamente, dous anos nalgunha das situacións anteriores e 40 horas de formación recibida.
f) Nomeamento e participación na totalidade de dous procesos como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos.
Alternativamente, participación nun proceso e 40 horas de formación recibida.
g) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as convocado pola Axencia Galega de Innovación. No caso de que o grao I se adquirise con base neste criterio, non poderá determinar a concesión doutro grao.
Sección 4ª. Acceso ao grao III
Artigo 17. Requisitos específicos do grao III
1. Para acceder ao grao III o persoal laboral debe cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter a condición de persoal laboral nesta administración o día 31 de decembro de 2024 e cunha antigüidade, en calquera Administración, de polo menos dezasete anos 31 de decembro de 2024.
b) Ter recoñecido o grao II no correspondente grupo en que solicita o grao III en 31 de decembro de 2023.
c) No caso do persoal laboral fixo das epígrafes 2 e 3 do artigo 2, asinar o compromiso de participar e superar o proceso de funcionarización ou da modalidade específica de promoción do persoal laboral que se convoque.
d) Cumprir algún dos criterios de avaliación establecidos no artigo 19 en 31 de decembro de 2024.
2. O grao extraordinario adquírese no grupo en que se estea ocupando un posto de traballo en 31 de decembro de 2024.
Artigo 18. Cómputo da antigüidade
Será computable toda a antigüidade noutras administracións públicas, servizos como estatutario do persoal do Servizo Galego de Saúde, servizos como persoal funcionario na Administración de xustiza, universidades, concellos e entes instrumentais do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.
Son computables os servizos prestados como persoal docente ou investigador, sempre que se presten como persoal funcionario ou laboral incluído no ámbito de aplicación deste acordo.
Artigo 19. Criterios de avaliación do grao III
Establécense os seguintes criterios de avaliación, dos cales soamente será necesario acreditar un para este recoñecemento:
a) Formación:
– Recibida: valoraranse os cursos de formación convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp); a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS); o Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); as escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas, e os cursos dos acordos de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos ou organizados polas organizacións sindicais sempre que estean homologados pola EGAP, ACIS, Fegas ou Agasp; cursos impartidos polo Inem; cursos dunha consellería da Xunta de Galicia; cursos impartidos en entes instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado ou por universidades ou entes locais (concellos, deputacións provinciais, cabidos).
A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 120 horas.
Para estes efectos, tamén serán considerados os cursos de lingua galega (iniciación, perfeccionamento, medio ou superior de linguaxe administrativa galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística, sempre que sexan dun nivel superior ao requirido para o desempeño do posto de traballo no correspondente corpo, escala ou categoría profesional. Para estes efectos, os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha consellería da Xunta de Galicia.
Se o curso de galego non figura con horas (por ser só unha certificación de nivel), computarase como 75 horas de formación.
Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.
– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartisen os cursos anteditos: 30 horas.
b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, especialista universitario.
Se o antedito punto xa determinou o acceso ao grao anterior, serán necesarias a maiores 80 horas de formación recibida.
c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública. No caso de que algún grao se adquirise con base neste criterio, os traballos científicos ou de investigación deberán ser distintos a aqueles determinantes para concesión daquel ou, alternativamente, contar a maiores con 80 horas de formación recibida.
d) Seis anos de funcións de dirección, subdirección ou xefatura de servizo ou xefatura de sección ou postos de nivel equivalente.
Para o persoal laboral funcionarizado que, tras a funcionarización, pasa a ocupar o mesmo posto pero con nivel enténdese que a ocupación dese posto con nivel é anterior á conversión do posto de laboral en funcionario, polo que o nivel lle computaría desde que desempeña ese posto como laboral ou funcionario e sempre que se trate do mesmo posto. Dado que existen postos de xefatura de sección de nivel 22, considérase que cumpren con este criterio aquelas persoas empregadas públicas que desempeñen postos de nivel 22 ou superior durante os anos requiridos.
Alternativamente, dous anos nas anteditas funcións, e 80 horas de formación recibida ou ben catro anos de funcións e 40 horas de formación.
e) Seis anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.
Alternativamente, dous anos nalgunha das situacións, anteriores e 80 horas de formación recibida ou ben catro anos e 40 horas.
f) Nomeamento e participación na totalidade dos tres procesos como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos.
Alternativamente, participación nun proceso e 80 horas de formación recibida ou ben dous procesos e 40 horas de formación.
g) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as convocado pola Axencia Galega de Innovación. No caso de que algún grao se adquirise con base neste criterio, non poderá determinar a concesión doutro grao.
Cláusula adicional primeira. Recoñecemento de solicitudes do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
En relación co persoal incluído na epígrafe terceira do artigo segundo, as súas solicitudes serán tramitadas e resoltas pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
Corresponde ao órgano competente en materia de persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar o recoñecemento e pagamento das solicitudes presentadas polo persoal da entidade non incluído na dita epígrafe.
Cláusula adicional segunda. Persoal laboral propio da Axencia Galega de Innovación
O persoal laboral propio da Axencia Galega de Innovación que, ao abeiro do Acordo do 31 de outubro de 2023 asinado por Gain, a Consellería de Facenda e Administración Pública e as organizacións sindicais CSIF, CC.OO. e UGT para a integración do persoal da Axencia Galega de Innovación nas estruturas da Administración da Xunta de Galicia, teña recoñecido o grao I da carreira profesional, que asine o compromiso de funcionarización e que deberá cumprir os requisitos exixidos no artigo 15, poderá solicitar o grao II.
O recoñecemento do grao II será realizado pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e o seu pagamento corresponderá ao centro directivo onde presten os seus servizos.
Cláusula adicional terceira. Empregados públicos con discapacidade intelectual
Para os empregados públicos que acrediten discapacidade intelectual, os criterios de avaliación exixidos para cada grao veranse reducidos nun 50 %, de xeito que, por exemplo, se se exixen 40 horas para o grao I, requiriranse 20.
Cláusula adicional cuarta. Recoñecemento de grao mediante sentenza xudicial
Aquelas persoas que obteñan un grao de complemento de desempeño por sentenza xudicial disporán dun mes desde a firmeza da sentenza para solicitar o recoñecemento do grao correspondente seguinte conforme esta convocatoria, sempre que cumpran o resto de requisitos exixidos. O prazo iniciará desde a notificación do decreto de declaración da firmeza da sentenza.
Neste suposto deberá presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia unha solicitude mediante o modelo PR004A (Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado) dirixida á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, alegando o que considere necesario e xuntando a sentenza e a firmeza desta.
En ningún caso, ningunha persoa poderá ter recoñecidos máis de tres graos de complemento de desempeño.
Cláusula adicional quinta. Comisión de seguimento
Constitúese unha comisión de seguimento coas funcións de vixilancia, interpretación e control deste acordo, que estará composta por un membro de cada unha das organizacións sindicais asinantes ou adheridas a este, e un número igual de persoas por parte da Administración. Presidirá a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal ou persoa en que esta delegue e será secretario/a un/unha funcionario/a público/a con rango de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo, que actuará con voz pero sen voto. Ás ditas reunións poderá asistir o persoal que, se é o caso, determine cada unha das partes integrantes, con voz pero sen voto.
Cláusula adicional sexta. Disposición en materia de protección de datos
Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas; esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.
Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.
Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas poderán ser publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
ANEXO I
Procedemento de acreditación de méritos
|
Criterio |
Forma de acreditación |
|
a) Formación |
Recibida: acreditarase mediante copia auténtica do certificado de asistencia ao curso, no cal deberá constar o organismo ou entidade que o convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou horas asignados. Poderase requirir á persoa solicitante a achega do programa formativo. Serán válidos, ademais, aqueles diplomas asinados dixitalmente por certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable. Noutro suposto, deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa coas datas de realización, o contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados. Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos, nin as materias que sexan parte dunha titulación de formación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso. Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares. |
|
Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante, na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas. Soamente se valorará formación impartida a persoal empregado público. Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito. |
|
|
b) Formación universitaria de posgrao |
Acreditarase mediante copia auténtica do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia do mérito invocado pola persoa solicitante. No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que a persoa solicitante realizou todos os cursos de doutoramento. No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase, xunto coa copia auténtica do título, unha tradución xuramentada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo Ministerio de Educación español. |
|
c) Publicacións de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública |
Acreditarase mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivamento de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberá constar o nome da revista, o título do traballo, o seu autor e a data de publicación. Libros/capítulos de libro editados en papel: deberá achegarse copia auténtica das follas en que conste o título do libro, o título do capítulo, o autor, editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, lugar e ano de publicación e índice da obra. Ademais, deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación está avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio. Libros editados en formato electrónico: acreditarase mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial ou organismo público con competencias de xestión e arquivamento de publicacións, na cal se fará constar a autoría do capítulo e demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio. Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito. |
|
d) Funcións de dirección, subdirección ou xefatura de servizo ou xefatura de sección ou postos de nivel equivalente |
Acreditarase mediante certificación dos servizos prestados, en que conste a data de inicio e de fin da prestación dos servizos e as funcións realizadas. Dado que existen postos de xefatura de sección de nivel 22, considérase que cumpren con este criterio aquelas persoas empregadas públicas que desempeñen postos de nivel 22 ou superior durante os catro anos requiridos. |
|
e) Situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou outra situación en que, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo |
Excedencia por coidado de familiares: acreditarase mediante certificación en que conste a data de inicio e data final desta situación. Resto de casos: acreditarase mediante certificación expedida polo órgano, organismo u organización en que conste o período de duración e as funcións desenvolvidas. |
|
f) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos |
Acreditarase mediante certificación expedida polo órgano convocante do correspondente proceso de selección ou provisión. |
|
g) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores convocado pola Axencia Galega de Innovación |
Acreditarase mediante certificación expedida pola Axencia Galega de Innovación. |
ANEXO II
Categorías profesionais non susceptibles de funcionarizar
|
Grupo |
Categoría |
Denominación |
|
Grupo I |
I-07 |
Titulado/a superior dentista |
|
I-15 |
Titulado/a superior rehabilitador/a. Médico/a rehabilitador/a |
|
|
I-26 |
Titulado/superior neurólogo/a |
|
|
I-32 |
Técnico/a superior en centros de arte |
|
|
I-36 |
Profesor/a de música |
|
|
I-39 |
Licenciado/a en Ciencias do Mar |
|
|
Grupo II |
II-03 |
Estimulador/a. Psicomotricista |
|
II-04 |
Mestre/a instrutor/a. Instrutor/a. Mestre/a taller da C. de Educación. Monitor/a de actividades docentes. Monitor/a (titulado/a medio/a) |
|
|
II-05 |
Profesor/a. Profesor/a titular. Profesor/a EXB. Mestre/a. Profesor/a de educación física. Profesor/a de matemáticas |
|
|
II-09 |
Axudante/a de desenvolvemento rural |
|
|
II-15 |
Asesor/a de prensa |
|
|
II-16 |
Capelán |
|
|
II-22 |
Monitor de capacitación agraria |
|
|
II-25 |
Divulgador/a |
|
|
II-30 |
Técnico/a en animación sociocultural |
|
|
II-33 |
Profesor/a de danza clásica |
|
|
II-33bis |
Fotógrafo/a artístico/a |
|
|
II-35 |
Pianista |
|
|
II-38 |
Perito/a xudicial diplomado/a |
|
|
II-42 |
Xestor/a de documentación |
|
|
Grupo III |
III-03 |
Controlador/a pecuario/a. Axudante/a técnico/a pecuario/a |
|
III-09 |
Encargado/a de unidade |
|
|
III-12 |
Mestre/a de taller |
|
|
III-15 |
Experto/a en exposicións |
|
|
III-18 |
Marcador de metais preciosos |
|
|
III-20 |
Mestre/a industrial |
|
|
III-22 |
Encargado/a de sección de enerxía da Consellería de Industria |
|
|
III-24 |
Encargado/a de rede estatística |
|
|
III-25 |
Capataz coordinador/a de pesca |
|
|
III-27 |
Mestre/a sondista. |
|
|
III-28 |
Mecánico/a naval de 1ª |
|
|
III-34 |
Especialista de oficios (debuxante) |
|
|
III-36 |
Experto/a audiovisuais |
|
|
III-37 |
Técnico/a de son |
|
|
III-39 |
Rexedor/a de escena |
|
|
III-43 |
Encargado/a de estrutura escénica. Encargado/a de taller de escenografía. Técnico/a de máquinas Igaem |
|
|
III-45 |
Técnico/a de luces |
|
|
III-51 |
Perito/a xudicial. BVP |
|
|
III-52 |
Tradutor/a. Intérprete da Administración de xustiza |
|
|
III-53 |
Técnico/a en restauración cinematográfica |
|
|
III-54 |
Técnico/a especialista en radioloxía |
|
|
III-54 BIS |
Hixienista dental |
|
|
III-55 |
Patrón de embarcación |
|
|
III-66 |
Axudante/a de taller |
|
|
III-71 |
Oficial 1ª xardineiro |
|
|
III-74 |
Oficial de primeira albanel |
|
|
III-76 |
Oficial primeira electricista |
|
|
III-84 |
Oficial/a de primeira calefactor/a |
|
|
III-88 |
Capataz explotacións marisqueiras |
|
|
III-92 |
Capataz forestal |
|
|
III-93 |
Técnico/a auxiliar en electrónica de comunicacións |
|
|
III-94 |
Técnico/a en imaxe e son |
|
|
III-95 |
Práctico/a de topografía |
|
|
III-97 |
Auxiliar de son |
|
|
III-98 |
Auxiliar de luces |
|
|
III-101 |
Proxeccionista |
|
|
III-102 |
Encadernador/a |
|
|
III-103 |
Entrevistador/enquisador |
|
|
III-104 |
Intérprete de linguaxe de signos |
|
|
III-105 |
Mestre/a en música tradicional |
|
|
Grupo IV |
IV-02 |
Auxiliar mecánico/a. Oficial 2ª mecánico/a. Mecánico/a reparación de obras |
|
IV-07 |
Garda xuramentado/a fluvial. Garda explotación |
|
|
IV-08 |
Oficial/a 2ª topógrafo. Axudante/a topografía |
|
|
IV-13 |
Auxiliar especialista en farmacia |
|
|
IV-21 |
Oficial/a 2ª carpinteiro/a, auxiliar carpintaría |
|
|
IV-23 |
Mestre/a gaiteiro |
|
|
IV-24 |
Xastre/a |
|
|
IV-25 |
Cargador/a tremoeiro |
|
|
IV-29 |
Mariñeiro/a |
|
|
IV-31 |
Legoeiro/a |
|
|
IV-34 |
Axudante/a restauración produción cinematográfica |
|
|
IV-37 |
Oficial 2ª mecánico de defensa contra incendios forestais |
|
|
IV-39 |
Auxiliar de autopsia |
|
|
IV-41 |
Oficial/a de defensa contra incendios |
|
|
Grupo V |
V-05 |
Perruqueiro/a. Barbeiro/a |
|
V-10A |
Vixilante móbil de defensa contra incendios forestais |
|
|
V-10 D |
Socorrista |
