O exercicio da folga por parte das persoas traballadoras para a lexítima defensa dos seus intereses é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución no seu artigo 28.2. O seu respecto e protección resulta esencial para o correcto funcionamento dun estado democrático, en que se deben garantir todos os mecanismos de expresión da soberanía popular. Non obstante o anterior, o exercicio dese dereito debe cohonestarse co respecto ao resto dos dereitos constitucionalmente establecidos e coa garantía de acceso da comunidade aos servizos considerados esenciais.
No sector do transporte, os servizos que se prestan teñen un carácter esencial para a cidadanía en canto que supoñen unha ferramenta básica para o exercicio doutros dereitos como son os de libre circulación dentro do territorio nacional (artigo 19 da Constitución), á educación (artigo 27) e ao traballo (artigo 35). Desta maneira, a garantía dunha mínima mobilidade da cidadanía durante as xornadas de folga convértese nunha demanda do interese xeral que debe ser atendida pola Administración no ámbito das competencias que ten atribuídas.
O 24 de novembro de 2025, os sindicatos Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisiones Obreras (CCOO) e Unión General de Trabajadoras y Trabajadores (UGT) comunicaron a convocatoria dunha folga no sector do transporte de viaxeiros en autobús por estrada na provincia da Coruña os días 5, 12, 15 e 19 de decembro de 2025. A folga afectará todos os centros de traballo e os traballadores e traballadoras aos cales lles sexa de aplicación o convenio colectivo de transporte de viaxeiros en autobús por estrada da provincia da Coruña e á empresa Maitours.
A indicada convocatoria afecta os servizos de transporte regular de uso xeral de viaxeiros por estrada prestados no marco dos contratos de concesión de servizos públicos que teñan a súa orixe, destino ou parada intermedia na provincia da Coruña, resultando de aplicación a aquelas persoas traballadoras adscritas a un centro de traballo na dita provincia.
No marco das competencias atribuídas á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no sector do transporte, os servizos afectados por esta folga son:
A) Servizos públicos de transporte regular de uso xeral: está afectada pola folga os servizos que teñan a súa orixe, destino ou parada intermedia na provincia da Coruña.
Dentro da regulación dos servizos mínimos do servizo público de transporte regular de uso xeral de viaxeiros/as por estrada diferéncianse, por unha banda, os servizos correspondentes ás expedicións integradas, nos cales existe unha reserva de praza a favor de escolares en aplicación da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, e en que se establecen como servizos mínimos as expedicións cunha lonxitude superior a catro quilómetros.
Por outra banda, respecto do resto de expedicións non integradas, diferénciase as de lonxitude inferior a vinte e cinco quilómetros, nas cales, nas franxas horarias da primeira e última hora do día, das 6.00 ás 9.00 horas e das 18.00 ás 21.00 horas, se establecen como servizos mínimos o cincuenta por cento das expedicións existentes, e nas expedicións non integradas de lonxitude superior a vinte e cinco quilómetros, con orixe ou destino nalgunha das sete cidades, nas cales se mantén unha expedición de ida e outra de volta nos servizos con saída anterior ás 14.00 horas e posterior ás 18.00 horas.
B) Servizos de transporte público regular de uso especial-escolares: o campo destes servizos resulta especialmente sensible, tanto por ser o transporte un mecanismo auxiliar para o exercicio dun dereito fundamental como é o da educación, como polas especiais exixencias que implica a protección aos menores.
Do mesmo xeito, a dispersión poboacional en Galicia determina que, diariamente, se teña que realizar unha significativa cantidade de desprazamentos para os cales non existe alternativa real de mobilidade, polo que o mantemento dos servizos de transporte público resulta fundamental.
Coa finalidade de ponderar a garantía do dereito esencial á folga das persoas traballadoras, xunto coa garantía do igualmente elemental dereito de acceso ao sistema educativo, deberán manterse como esenciais os servizos de entrada aos centros desde as 7.30 ata as 10.30 horas, e os de saída desde as 13.30 ata as 19.00 horas, nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio cuxa lonxitude total sexa superior a 4 quilómetros.
C) Servizos regulares de uso especial para transporte de traballadores: co fin de garantir a chegada e a saída aos postos de traballo naqueles servizos de carácter interurbano en que a ausencia dunha previsión mínima crebaría toda posibilidade de acceso ao traballo, propóñense como mínimos todos os servizos nas expedicións anteriores ás 9.00 horas e posteriores ás 18.00 horas.
Convocado o Comité de Folga ao mantemento dunha xuntanza para analizar a proposta de servizos mínimos, celebrouse esta o día 1 de decembro de 2025 coa participación de representantes da Administración e das entidades sindicais convocantes, sen que se acadase a conformidade do Comité de Folga coa proposta de servizos mínimos presentada.
As circunstancias apuntadas, a garantía de dereitos vinculados coa mobilidade, co traballo e a propia liberdade de circulación, son as que levan a establecer os servizos mínimos concretados na presente orde, dirixidos a garantir a mínima prestación de servizos que posibilite o exercicio daqueles outros dereitos esenciais, compatibilizando así o contido esencial de todos os dereitos en conflito.
E en virtude das facultades que me confire o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, por proposta da Dirección Xeral de Mobilidade e oído o Comité de Folga designado polas organizacións sindicais convocantes,
DISPOÑO:
Artigo único. Servizos mínimos
Durante a folga sectorial convocada para os días 5, 12, 15 e 19 de decembro de 2025 polas organización sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisiones Obreras (CCOO) e Unión General de Trabajadoras y Trabajadores (UGT) no sector do transporte de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña, terán a consideración de servizos mínimos, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, os seguintes:
1. Servizos públicos de transporte regular de uso xeral: os servizos mínimos con orixe, destino ou parada intermedia na provincia da Coruña poderán consultarse na páxina web da Xunta de Galicia https://www.bus.gal/gl/descargas/servizos_minimos
2. Servizos de transporte público regular de uso especial-escolares: os servizos de entrada aos centros da provincia da Coruña desde as 7.30 ata ás 10.30 horas, e os de saída desde as 13.30 ata ás 19.00 horas, nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio cuxa lonxitude total sexa superior a 4 quilómetros.
3. Servizos regulares de uso especial para o transporte de traballadores: todos os servizos nas expedicións anteriores ás 9.00 horas e posteriores ás 18.00 horas.
As empresas de transporte darán a máxima difusión dos servizos concretos que resulten afectados ás persoas usuarias a través daqueles medios que permitan o seu coñecemento e, en todo caso, nos propios vehículos, con antelación ao inicio e durante a folga.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
