Antecedentes:
1. A convocatoria HORIZON-MSCA-COFUND-2025, publicada pola Axencia Executiva de Investigación (REA) da Comisión Europea, ten por obxecto o cofinanciamento de programas de apoio á contratación de persoal investigador. A través desta liña preténdese impulsar a excelencia científica, a mobilidade internacional e intersectorial, así como a formación avanzada e o desenvolvemento profesional das persoas investigadoras dentro do marco das accións Marie Skłodowska-Curie, no programa Horizonte Europa.
2. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional resultou seleccionada nesta convocatoria coa proposta Talentgal, que permitirá a contratación de 40 investigadores/as posdoutorais mediante dúas convocatorias internacionais, cofinanciadas pola Comisión Europea e pola Xunta de Galicia. A obtención desta axuda implica a preparación e a formalización do correspondente acordo de subvención ante a REA, así como a coordinación cos organismos participantes.
A participación na convocatoria HORIZON-MSCA-COFUND-2025 no marco do proxecto Talentgal implica a realización de xestións e trámites administrativos que requiren tanto coñecementos en programas europeos de I+D+i como axilidade administrativa, co fin de cumprir cos prazos establecidos pola Comisión Europea.
Consideracións legais e técnicas:
1. A persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ten a representación da consellería, ao abeiro do establecido no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no artigo 3 do Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
2. De conformidade co artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, os órganos das diferentes administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración, aínda cando non sexan xerarquicamente dependentes, ou nos organismos públicos ou entidades de dereito público vinculados ou dependentes daquelas. As delegacións de competencias e a súa revogación deberán publicarse no Boletín Oficial del Estado, no da comunidade autónoma ou no da provincia, segundo a Administración a que pertenza o órgano delegante, e o ámbito territorial de competencia deste.
As resolucións administrativas que se adopten por delegación indicarán expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.
Establécese nos mesmos termos no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de outubro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
3. Debido ao volume de competencias e funcións atribuídas á persoa titular da Consellería, e coa finalidade de asegurar unha xestión eficiente e continua do proxecto Talentgal durante todo o seu ciclo de vida, resulta aconsellable recorrer á delegación de competencias en favor dunha maior axilidade das actuacións que se teñan que realizar no devandito proxecto.
Polo exposto, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 43.3 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e as demais disposicións de xeral aplicación,
DISPOÑO:
1. Delegar na persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a competencia en todos os asuntos e trámites relacionados co proxecto Talentgal, desde a súa aceptación ata a completa finalización deste, incluíndo as fases de aceptación da concesión, sinatura electrónica do Grant Agreement e das súas posibles emendas, execución, seguimento, modificación, avaliación, e xustificación económico-financeira.
2. O exercicio da competencia que se delega nesta resolución axustarase ao disposto no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
En calquera momento, a persoa titular da Consellería poderá revogar o exercicio da competencia que se delega ou avocar para si o coñecemento dun asunto concreto relativo á dita competencia.
Os actos e as resolucións administrativas ditados pola delegación farán constar expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano delegante.
3. Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
