De acordo co disposto no artigo 43 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro; DOG núm. 29, do 12 de febreiro, e BOE núm. 50, do 27 de febreiro), a Universidade aprobará anualmente a súa oferta de emprego público.
A oferta xeral do ano 2025 correspondente ao persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, publicada pola Resolución do 8 de maio (DOG núm. 238, do 18 de maio), configurouse de conformidade co disposto no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; no artigo 70 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro; no artigo 20 da Lei 31/2022, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, así como no artigo 36 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, logo da súa negociación coas organizacións sindicais, da aprobación polo Consello de Goberno e da preceptiva autorización da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda.
Na oferta pública de emprego referida ofertáronse un total de 47 prazas de acceso libre, das 62 prazas que a taxa de reposición permitía convocar.
Neste marco e tendo en conta que a taxa de reposición autorizada permite convocar un número de prazas superior ás ofertadas inicialmente, resulta xustificado e necesario aprobar unha OPE complementaria do ano 2025 que inclúa as prazas vacantes do grupo A1 para garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos, especialmente en áreas estratéxicas que requiren alta cualificación técnica, capacidade de xestión e toma de decisión.
O artigo 35 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, establece o límite da masa salarial para a Universidade de Santiago de Compostela, que non se supera coa oferta presentada.
De conformidade con todo o exposto, e logo do informe favorable da Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos do día 7 de novembro de 2025, emitida a preceptiva autorización pola Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda, e conforme o Acordo do Consello de Goberno do 13 de novembro de 2025, polo que se aproba a oferta complementaria de emprego público do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos para o ano 2025, o xerente da Universidade de Santiago de Compostela, en virtude do previsto no punto seis do ordinal noveno da Resolución do 22 de abril de 2022 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios,
RESOLVE:
Primeiro. Publicar a oferta de emprego público complementaria
Publicar a oferta de emprego público complementaria do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos para o ano 2025.
Segundo. Determinación da oferta complementaria de emprego público
O anexo I recolle as prazas que se ofertan para cubrir as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deben proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso con cargo ao 120 % da taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2025.
Disposición adicional única. Acumulación de prazas correspondentes a ofertas de anos anteriores
Poderán convocarse nun único proceso selectivo as prazas ofertadas de persoal funcionario correspondentes aos corpos e escalas de persoal funcionario da Universidade de Santiago de Compostela, relacionadas no anexo da presente oferta, xunto coas derivadas das ofertas de emprego público correspondentes aos anos 2023 e 2024 que estean pendentes de convocar.
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 21.4.2022; DOG do 26 de abril)
Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela
ANEXO I
Oferta complementaria
|
Subgrupo/grupo |
Categoría/escala |
Acceso libre |
||
|
Reserva con discapacidade |
Xeral |
Total |
||
|
A1 |
Escala técnica superior de administración |
4 |
4 |
|
|
Total |
4 |
4 |
||
