DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 4 de decembro de 2025 Páx. 62533

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria como anticipado de gasto para o ano 2026 (código de procedemento TU503K).

BDNS (Identif.): 871890.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de no-vembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/871890

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia. En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen nos establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

2. Así mesmo, poderán ser persoas beneficiarias as empresas titulares de adegas. As adegas beneficiarias da subvención, de non estaren xa inscritas no REAT, deberán inscribirse como recursos turísticos no REAT antes do remate do período de xustificación. As adegas deberán achegar unha memoria e fotos que acrediten que teñen unha zona visitable para turistas, con zona de cata e degustación de produtos da zona, museo ou sala de exposicións, percorridos polos viñedos ou calquera actividade que poña en valor os viños da adega ou produtos de proximidade.

3. Esta actuación afecta as cinco Rutas do Viño de Galicia e a súa área de influencia, polo que tanto os establecementos turísticos de aloxamento como as adegas deben estar situados no territorio das cinco denominacións de orixe: DOP Monterrei, DOP Rías Baixas, DOP Ribeira Sacra, DOP Ribeiro e DOP Valdeorras. No caso das adegas, deberá acreditarse a adhesión a algunha das Rutas do Viño de Galicia no momento de solicitar a subvención, para o que bastará a certificación de socio expedida por unha das cinco Rutas do Viño de Galicia.

4. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate no momento da presentación da solicitude de axuda.

Para os efectos das presentes bases consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado a axuda ilegal e incompatible co mercado interior ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000,00 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

6. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 23 destas bases.

7. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto e réxime

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para establecementos turísticos de aloxamento e adegas situadas nos territorios das cinco Rutas do Viño de Galicia para a adquisición, instalación e posta en funcionamento de bicicletas e patinetes eléctricos, estacións de reparación e puntos de recarga, así como para a creación dun sistema de xestión destes vehículos eléctricos e a comunicación destas experiencias, promovendo as sinerxías entre os actores que as conforman así como fomentando a mellora da experiencia enogastronómica e a posta en valor dos produtos vitivinícolas.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

Terceiro. Actuacións e investimentos subvencionables e contías

1. Pódense diferenciar catro liñas de gasto subvencionable para cada proxecto:

a) Liña 1. Estacións de reparación e puntos de recarga e restauración paisaxística.

• Liña 1.1: dotación de equipamentos e estacións de reparación para bicicletas e patinetes eléctricos, e puntos de recarga para a adaptación ao cambio climático do destino e as súas infraestruturas a través da mobilidade sostible.

Subvencionarase a instalación de autoservizos de reparación de bicicletas e patinetes eléctricos para que os propios usuarios realicen pequenas reparacións e a creación de puntos de recarga para bicicletas eléctricas, patinetes eléctricos e coches eléctricos.

As estacións de reparación e os puntos de recarga deberán estar instalados na mesma referencia catastral do establecemento turístico ou da adega que solicita a subvención.

Os puntos de recarga deberán estar dados de alta no rexistro correspondente da consellería con competencias en materia de industria.

• Liña 1.2: restauración paisaxística das áreas onde se crean os puntos de recarga.

Serán subvencionables as obras de instalación de puntos de recarga eléctrica. Estes deberán aplicar criterios de sostibilidade, de maneira que as obras sexan respectuosas coa contorna e estean adaptadas ás súas condicións, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental: procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables e aplicando criterios de sostibilidade e integración coa contorna e co ambiente natural.

Teranse en conta aspectos como:

• Localización: as actuacións executaranse na mesma referencia catastral do establecemento turístico ou da adega que solicita a subvención.

• Deseño e materiais que aposten pola integración coa contorna e a súa durabilidade, priorizando: materiais duradeiros, de baixo mantemento e que se integren coa estética local e con deseños que non compitan coa paisaxe.

• Sinalización e integración coa contorna, coa plantación de especies autóctonas (árbores e arbustos) ao redor do punto de recarga para crear pantallas visuais que a disimulen; emprego de luminarias de baixo consumo.

• Restauración do terreo: tras a obra, restauración do terreo afectado coas mesmas especies vexetais ou similares ás preexistentes, implementación de medidas para previr a erosión do chan durante e despois da construción e retirada de residuos de xeito adecuado.

b) Liña 2. Adquisición de vehículos eléctricos: bicicletas e patinetes eléctricos.

Será obxecto de subvención a adquisición de bicicletas e de patinetes eléctricos, destinados ambos os dous ao préstamo, para favorecerlle ao visitante a posibilidade de moverse dentro das instalacións e dos espazos vinculados, así como outro tipo de desprazamentos.

Na páxina web da empresa deberán detallarse as condicións de uso dos vehículos.

Para a adquisición das bicicletas e dos patinetes eléctricos aplicarase o límite máximo de 10 bicicletas eléctricas e 10 patinetes eléctricos por establecemento ou adega.

Os vehículos eléctricos deberán estar localizados na mesma referencia catastral do establecemento turístico ou da adega que solicita a subvención.

c) Liña 3. Creación e implantación do sistema de xestión dos vehículos eléctricos.

Subvencionaranse os proxectos dixitais promovidos por adegas e establecementos turísticos de aloxamento para establecer sinerxías entre diferentes actores e recursos turísticos do territorio.

Inclúe o deseño e a posta en marcha de plataformas, webs, aplicacións e ferramentas deseñadas para executarse en calquera tipo de dispositivo intelixente, que permita xestionar o funcionamento dos vehículos eléctricos adquiridos e a súa comercialización co obxectivo de favorecer actuacións no ámbito da transición dixital e no desenvolvemento de contornas intelixentes, redundando na posta en valor do turismo enogastronómico e na mellora da experiencia turística.

d) Liña 4. Sinalética e información das experiencias creadas cos vehículos eléctricos.

Nesta liña inclúense os procesos de creación e comunicación do produto ou do equipamento turístico co que se vai dotar o establecemento coa incorporación do vehículo eléctrico, así como todos os servizos e procesos que comporte a sinalización, adaptación e posta en valor do uso deste tipo de mobilidade persoal (deseño de novos produtos turísticos, asesoría e implantación do novo servizo).

Tamén se inclúen accións de mellora e adaptación dos produtos turísticos aos diferentes tipos de público, así como accións de comunicación e sensibilización para o uso deste tipo de vehículos nos desprazamentos polos territorios vinculados.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG e o 30 de xuño de 2026.

3. A intensidade da axuda será de ata un 80 % do custo total subvencionable do proxecto. O investimento mínimo requirido será de 5.000,00 euros.

Cuarto. Bases reguladoras

Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria como anticipado de gasto para o ano 2026 (código de procedemento TU503K).

Quinto. Importe

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 4.000.000,00 de euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2022 00001 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2026. O orzamento divídese en catro liñas de actuación subvencionables: a liña 1 (eixe 1) Estacións de reparación e puntos de recarga (liña 1.1) e restauración paisaxística (liña 1.2), cun orzamento de 1.625.000,00 euros para a liña 1.1 e 400.000,00 euros para a liña 1.2; a liña 2 (eixe 2) Adquisición de vehículos eléctricos (bicicletas e patinetes eléctricos), cun orzamento de 920.000,00 euros; a liña 3 (eixe 3) Creación e implantación do sistema de xestión dos vehículos eléctricos, cun orzamento de 510.000,00 euros; e a liña 4 (eixe 4) Sinalética e información das experiencias creadas cos vehículos eléctricos, cun orzamento de 545.000,00 euros.

2. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse co seguinte detalle:

Liña 1.1

Estacións de reparación (bicicletas e patinetes) e puntos de recarga (bicicletas, patinetes e coches)

1.625.000,00 €

Liña 1.2

Restauración paisaxística das áreas onde se creen os puntos de recarga

400.000,00 €

Total liña 1

2.025.000,00 €

Liña 2

Adquisición de vehículos eléctricos (bicicletas e patinetes eléctricos)

920.000,00 €

Total liña 2

920.000,00 €

Liña 3

Creación e implantación do sistema de xestión dos vehículos eléctricos

510.000,00 €

Total liña 3

510.000,00 €

Liña 4

Sinalética e información das experiencias creadas cos vehículos eléctricos

545.000,00 €

Total liña 4

545.000,00 €

Total convocatoria

4.000.000,00 €

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses. O dito prazo comezará a contar unha vez que transcorran oito (8) días naturais desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A hora de inicio do prazo de presentación de solicitudes será ás 9.00 horas, e a hora de fin do prazo será ás 20.00 horas. Se o día de inicio do prazo é inhábil, o prazo comezará a contar o día hábil seguinte.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Sétimo. Xustificación

As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 30 de xuño de 2026.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia