DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 4 de decembro de 2025 Páx. 62457

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria como anticipado de gasto para o ano 2026 (código de procedemento TU503K).

A enogastronomía é un dos valores fundamentais dos que dispón Galicia como destino turístico, sendo a gastronomía un dos valores mellor valorados polos turistas que escollen Galicia como destino. Galicia conta cun enorme potencial enoturístico grazas ás súas cinco denominacións de orixe e catro indicacións xeográficas protexidas, que se traducen nunha actividade de grande impacto económico para o territorio galego. No marco da Estratexia de sostibilidade turística en destinos, aprobouse no ano 2022 o Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia, cos obxectivos de desenvolver actuacións orientadas á posta en valor dos territorios vitivinícolas, a creación e comercialización de novos produtos turísticos vencellados á enogastronomía, así como para promover o seu desenvolvemento sostible, potenciando o territorio enogastronómico galego como un espazo de desenvolvemento turístico competitivo cuxa proxección e comercialización acaden o ámbito nacional e internacional.

Entre os obxectivos específicos recollidos no dito plan establécese a necesidade de acometer actuacións de mobilidade sostible, obxectivo a que responde a actuación de cohesión entre destinos (ACD) Unha viaxe sostible entre viñedos: descubre as cinco rutas do viño de Galicia en vehículo eléctrico, coa que se pretende converter a mobilidade en parte da experiencia turística promovendo un turismo respectuoso coa contorna en que se sitúan as rutas do viño de Galicia. Para abordar este obxectivo xeral recóllense unha serie de accións que permitan fomentar o coñecemento e a creación de sinerxías entre os diferentes actores que forman parte das rutas do viño de Galicia, crear e ampliar a súa oferta de servizos así como facilitar o movemento dos turistas nestes territorios vitivinícolas, o que redundará nun incremento dos seus visitantes, na súas estadías e gasto turístico, promovendo o turismo no interior de Galicia, con carácter desestacionalizador.

Unha das características que define a oferta enoturística galega é a súa dispersión, o que obriga ao enoturista a facer desprazamentos entre os diferentes recursos turísticos dunha mesma ruta. Esta circunstancia, unida á necesidade de mellorar a competitividade do destino turístico e a de pór en valor as rutas do viño de Galicia, favorece a aposta por medidas que permitan facilitar estes desprazamentos e mellorar a experiencia do enoturismo en Galicia con accións que permitan tamén a xeración de sinerxías entre diferentes actores do tecido enoturístico.

O impulso do enoturismo en Galicia como eixe vertebrador destes territorios pasa por promover un turismo respectuoso coa contorna e por fomentar un transporte sostible de baixo impacto no territorio polo que se desenvolve. As bicicletas eléctricas ou bicicletas de pedais con pedaleo asistido, así como outro tipo de vehículos de mobilidade persoal para o transporte individual de persoas como os patinetes eléctricos, contribúen a mitigar a pegada de carbono e promoven unha mobilidade sostible, facilitando a accesibilidade ás adegas e aos establecementos turísticos situados nestes territorios. Este obxectivo alíñase cos definidos nos eixes prioritarios da Estratexia de sostibilidade turística en destinos: actuacións no ámbito da transición verde e sostible, actuacións de mellora da eficiencia enerxética, actuacións no ámbito da transición dixital e actuacións no ámbito da mellora da competitividade.

Esta resolución ten como obxectivo o establecemento das bases reguladoras para a concesión de subvencións a establecementos turísticos e adegas situadas nos territorios das cinco rutas do viño de Galicia para a adquisición, instalación e posta en funcionamento de bicicletas de pedais con pedaleo asistido (e-bikes) e vehículos de mobilidade persoal (patinetes eléctricos), coas características e limitacións que se establecen no anexo I, así como estacións de reparación e puntos de recarga, rexeneración paisaxística e creación de sistema de xestión destes vehículos eléctricos e a comunicación destas experiencias, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O Consello Europeo aprobou, o 21 de xullo de 2020, a creación do programa NextGenerationEU como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello acadaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos de NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, e creouse o Mecanismo de recuperación e resiliencia como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a este e acadar os obxectivos establecidos e que os presentarán formalmente, como moi tarde, o 30 de abril.

En virtude da resolución da Subsecretaría de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do 29 de abril de 2021, publícase o Acordo do Consello de Ministros do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se seguirán no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación. As medidas que recolle o dito plan cumpren cos seis (6) piares establecidos polo dito Regulamento da (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, e articúlanse ao redor de catro eixes principais: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero. Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca que integran, pola súa vez, 30 compoñentes para contribuír a acadar os obxectivos xerais do plan.

Esta resolución encádrase no marco do compoñente 14: Plan de modernización e competitividade do sector turístico, no contexto da liña de investimento 1: transformación do modelo turístico cara á sustentabilidade, directamente relacionado coa submedida 2: plans de sustentabilidade turística en destino do Plan estatal de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e no cumprimento da normativa autonómica, estatal e da Unión Europea que regula este tipo de investimentos, e quedan suxeitos, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos do referido plan.

Este investimento ten por obxecto implementar actuacións de impulso da sostibilidade turística na súa tripla vertente: ambiental, socioeconómica e territorial, que beneficien os destinos turísticos, os axentes sociais e os operadores privados do sector.

De acordo coa Resolución do 29 de decembro de 2023, da Secretaría de Estado de Turismo, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial de Turismo do 9 de maio de 2023, modificado polo Acordo do 29 de decembro de 2023, polo que se fixan os criterios de distribución, así como a repartición resultante para as comunidades autónomas, do crédito destinado ao financiamento de actuacións de investimento por parte de entidades locais no marco do compoñente 14, investimento 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e tal e como establece a Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do PRTR de España (CID, polas súas siglas en inglés), o investimento 1.2 do compoñente 14 (C14.I1.2) será executada polas entidades locais e as comunidades autónomas e inclúe os obxectivos 217, 218, 219, 220 e 221.

O Acordo do 14 de decembro de 2022, da Conferencia Sectorial de Turismo, publicado mediante a Resolución do 19 de decembro de 2022, da Secretaría de Estado de Turismo, establece os criterios de distribución, así como a repartición resultante para as comunidades autónomas do crédito destinado ao financiamento de actuacións de investimento no marco do compoñente 14, investimento 1, do Plan de recuperación, transformación e resi-liencia, e destina 5.850.000,00 euros a Galicia para o desenvolvemento da actuación de cohesión entre destinos (ACD) Unha viaxe sostible entre viñedos: descubre as cinco rutas do viño de Galicia en vehículos eléctricos, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia:

Plan territorial 2022: ACD-Unha viaxe sostible entre viñedos: descubre as cinco rutas do viño de Galicia en vehículo eléctrico

Eixes de actuación

Actuación

Total

Transición verde e sostible

1a

Vehículos eléctricos rutas do viño + e-bikes e patíns: dotación de equipamentos e estacións de reparación para bicicletas e patinetes eléctricos e puntos de recarga para a adaptación ao cambio climático do destino e as súas infraestruturas a través da mobilidade sostible

2.545.000,00 €

1b

Vehículos eléctricos rutas do viño + e-bikes e patíns: restauración paisaxística das áreas onde se creen os puntos de recarga

800.000,00 €

Total eixe 1

3.345.000,00 €

Mellora da eficiencia enerxética

2

Estudo e proxecto do Plan de mobilidade turística nas rutas do viño

200.000,00 €

3

Creación dunha rede intelixente de puntos de recarga de e-bikes, patinetes eléctricos e vehículos eléctricos

60.000,00 €

1

Vehículos eléctricos rutas do viño + e-bikes e patinetes-baterías

920.000,00 €

Total eixe 2

1.180.000,00 €

Transición dixital

4

Sistema de xestión: desenvolvemento e implantación dunha app vinculada ao uso dos coches eléctricos e e-bikes nas rutas

510.000,00 €

5

Web promocional e sistema de xestión de provedores de experiencias

75.000,00 €

Total eixe 3

585.000,00 €

Competitividade

6

Profesionalización, comunicación e sinalética de información de experiencias nas rutas

593.750,00 €

7

Asistencia técnica

146.250,00 €

Total eixe 4

740.000,00 €

Total

5.850.000,00 €

O crédito dispoñible para a nova convocatoria de axudas é o seguinte:

Eixe 1: transición verde e sostible

Liña 1.1

Estacións de reparación para bicicletas e patinetes eléctricos e puntos de recarga para a adaptación ao cambio climático do destino

1.625.000,00 €

Liña 1.2

Restauración paisaxística das áreas onde se creen os puntos de recarga

400.000,00 €

Total eixe 1

2.025.000,00 €

Eixe 2: mellora da eficiencia enerxética

Liña 2

Adquisición de vehículos eléctricos

920.000,00 €

Total eixe 2

920.000,00 €

Eixe 3: transición dixital

Liña 3

Creación e implantación do sistema de xestión dos vehículos eléctricos

510.000,00 €

Total eixe 3

510.000,00 €

Eixe 4: competitividade

Liña 4

Sinalética e información das experiencias creadas cos vehículos eléctricos

545.000,00 €

Total eixe 4

545.000,00 €

Total convocatoria

4.000.000,00 €

Consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e proceder á súa convocatoria como anticipado de gasto para o ano 2026 (código de procedemento TU503K).

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá xunto cos documentos que se especifican no artigo 10 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 9 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos catro (4) meses contados desde a data de presentación da solicitude.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter a documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia:

https://www.turismo.gal/canle-institucional/transparencia/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, introducindo no buscador o código de procedemento.

c) Os teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 60.

d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela ou do enderezo da persoa solicitante, á súa elección, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

6. Base de datos nacional de subvencións.

De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

7. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así
como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no
territorio das Rutas do Viño de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU
(código de procedemento TU503K)

Artigo 1. Obxecto e réxime xurídico

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para establecementos turísticos de aloxamento e adegas situadas nos territorios das cinco rutas do viño de Galicia para a adquisición, instalación e posta en funcionamento de bicicletas e patinetes eléctricos, estacións de reparación e puntos de recarga, así como para a creación dun sistema de xestión destes vehículos eléctricos e a comunicación destas experiencias, promovendo as sinerxías entre os actores que as conforman así como fomentando a mellora da experiencia enogastronómica e a posta en valor dos produtos vitivinícolas e proceder á súa convocatoria como anticipado de gasto para o ano 2026.

2. A xestión destas axudas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. Para o non establecido nestas bases, aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En defecto do previsto nesta normativa aplicaranse as normas de dereito administrativo. As axudas obxecto desta convocatoria réxense ademais polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas; en particular, o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia; o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de interese nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia; e a Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021; o Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro), e a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 4.000.000,00 de euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2026. O orzamento divídese en catro liñas de actuación subvencionables: a liña 1 (eixe 1) Estacións de reparación e puntos de recarga (liña 1.1) e restauración paisaxística (liña 1.2), cun orzamento de 1.625.000,00 euros para a liña 1.1 e 400.000,00 euros para a liña 1.2; a liña 2 (eixe 2) Adquisición de vehículos eléctricos (bicicletas e patinetes eléctricos), cun orzamento de 920.000,00 euros; a liña 3 (eixe 3) Creación e implantación do sistema de xestión dos vehículos eléctricos, cun orzamento de 510.000,00 euros; e a liña 4 (eixe 4) Sinalética e información das experiencias creadas cos vehículos eléctricos, cun orzamento de 545.000,00 euros.

2. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse co seguinte detalle:

Liña 1.1

Estacións de reparación (bicicletas e patinetes) e puntos de recarga (bicicletas, patinetes e coches)

1.625.000,00 €

Liña 1.2

Restauración paisaxística das áreas onde se creen os puntos de recarga

400.000,00 €

Total liña 1

2.025.000,00 €

Liña 2

Adquisición de vehículos eléctricos (bicicletas e patinetes eléctricos)

920.000,00 €

Total liña 2

920.000,00 €

Liña 3

Creación e implantación do sistema de xestión dos vehículos eléctricos

510.000,00 €

Total liña 3

510.000,00 €

Liña 4

Sinalética e información das experiencias creadas cos vehículos eléctricos

545.000,00 €

Total liña 4

545.000,00 €

Total convocatoria

4.000.000,00 €

3. Estas axudas están financiadas ao 100 % polos fondos NextGenerationEU a través do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, dentro do compoñente 14: Plan de modernización e competitividade do sector turístico, liña de investimento I1. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas, medidas integradas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

En aplicación do réxime de minimis, en ningún caso o conxunto de axudas percibidas ao abeiro desta convocatoria poderá exceder os 300.000,00 euros. Así mesmo, a axuda total de minimis concedida á entidade solicitante non poderá ser superior a 300.000,00 euros durante calquera período de tres anos. Para o cómputo do límite deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira ás solicitantes a emenda dos erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido. Considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria.

6. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio de 2026.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Réxime de compatibilidade das subvencións

A percepción destas axudas non é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración, ente público ou privado.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen nos establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

2. Así mesmo, poderán ser persoas beneficiarias as empresas titulares de adegas. As adegas beneficiarias da subvención, de non estar xa inscritas no REAT, deberán inscribirse como recursos turísticos no REAT antes do remate do período de xustificación. As adegas deberán achegar unha memoria e fotos que acrediten que teñen unha zona visitable para turistas, con zona de cata e degustación de produtos da zona, museo ou sala de exposicións, percorridos polos viñedos ou calquera actividade que poña en valor os viños da adega ou produtos de proximidade.

3. Esta actuación afecta as cinco rutas do viño de Galicia e a súa área de influencia, polo que tanto os establecementos turísticos de aloxamento como as adegas deben estar situados no territorio das cinco denominacións de orixe: DOP Monterrei, DOP Rías Baixas, DOP Ribeira Sacra, DOP Ribeiro e DOP Valdeorras. No caso das adegas, deberá acreditarse a adhesión a algunha das rutas do viño de Galicia no momento de solicitar a subvención, para o que bastará a certificación de socia expedida por unha das cinco rutas do viño de Galicia.

4. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate no momento da presentación da solicitude de axuda.

Para os efectos das presentes bases, consideraranse microempresas e pemes as empresas que respondan á definición de microempresa e peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior ou ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000,00 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

6. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 23 destas bases.

7. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Actuacións e investimentos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considéranse actuacións subvencionables aquelas que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable, nos termos previstos no artigo 1 destas bases, e se realicen no prazo establecido nestas bases.

2. Pódense diferenciar catro liñas de gasto subvencionable para cada proxecto:

a) Liña 1. Estacións de reparación e puntos de recarga e restauración paisaxística.

• Liña 1.1: dotación de equipamentos e estacións de reparación para bicicletas e patinetes eléctricos, e puntos de recarga para a adaptación ao cambio climático do destino e as súas infraestruturas a través da mobilidade sostible.

Subvencionarase a instalación de autoservizos de reparación de bicicletas e patinetes eléctricos para que os propios usuarios realicen pequenas reparacións e a creación de puntos de recarga para bicicletas eléctricas, patinetes eléctricos e coches eléctricos.

As estacións de reparación e os puntos de recarga deberán estar instalados na mesma referencia catastral do establecemento turístico ou da adega que solicita a subvención.

Os puntos de recarga deberán estar dados de alta no rexistro correspondente da consellería con competencias en materia de industria.

• Liña 1.2: restauración paisaxística das áreas onde se crean os puntos de recarga.

Serán subvencionables as obras de instalación de puntos de recarga eléctrica. Estes deberán aplicar criterios de sostibilidade, de maneira que as obras sexan respectuosas coa contorna e estean adaptadas ás súas condicións, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental: procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables e aplicando criterios de sostibilidade e integración coa contorna e o ambiente natural.

A contribución á sostibilidade e integración coa contorna natural deberase incluír nunha memoria explicativa que a persoa promotora deberá presentar coa súa solicitude e na cal se terán en conta aspectos como:

– Localización: as actuacións executaranse na mesma referencia catastral do establecemento turístico ou da adega que solicita a subvención.

– Deseño e materiais que aposten pola integración coa contorna e a súa durabilidade, priorizando: materiais duradeiros, de baixo mantemento e que se integren coa estética local e con deseños que non compitan coa paisaxe.

– Sinalización e integración coa contorna, coa plantación de especies autóctonas (árbores e arbustos) ao redor do punto de recarga para crear pantallas visuais que a disimulen; emprego de luminarias de baixo consumo.

– Restauración do terreo: despois da obra, restauración do terreo afectado coas mesmas especies vexetais ou similares ás preexistentes, implementación de medidas para previr a erosión do chan durante e despois da construción e retirada de residuos de xeito adecuado.

b) Liña 2. Adquisición de vehículos eléctricos: bicicletas e patinetes eléctricos.

Será obxecto de subvención a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, destinados ambos os dous ao préstamo, para favorecerlle ao visitante a posibilidade de moverse dentro das instalacións e dos espazos vinculados, así como outro tipo de desprazamentos.

Na páxina web da empresa deberán detallarse as condicións de uso dos vehículos.

Para a adquisición das bicicletas e patinetes eléctricos aplicarase o límite máximo de 10 bicicletas eléctricas e 10 patinetes eléctricos por establecemento ou adega.

Os vehículos eléctricos deberán estar localizados na mesma referencia catastral do establecemento turístico ou da adega que solicita a subvención.

c) Liña 3. Creación e implantación do sistema de xestión dos vehículos eléctricos.

Subvencionaranse os proxectos dixitais promovidos por adegas e establecementos turísticos de aloxamento para establecer sinerxías entre diferentes actores e recursos turísticos do territorio.

Inclúe o deseño e a posta en marcha de plataformas, webs, aplicacións e ferramentas deseñadas para executarse en calquera tipo de dispositivo intelixente, que permita xestionar o funcionamento dos vehículos eléctricos adquiridos e a súa comercialización co obxectivo de favorecer actuacións no ámbito da transición dixital e no desenvolvemento de contornas intelixentes, redundando na posta en valor do turismo enogastronómico e na mellora da experiencia turística.

O proxecto dixital que se desenvolva deberá acreditarse na memoria explicativa que se achegue coa solicitude e deberá de incluírse na paxina web do establecemento ou adega.

d) Liña 4. Sinalética e información das experiencias creadas cos vehículos eléctricos.

Nesta liña inclúense os procesos de creación e comunicación do produto ou do equipamento turístico co que se vai dotar o establecemento coa incorporación do vehículo eléctrico, así como todos os servizos e procesos que leve consigo a sinalización, adaptación e posta en valor do uso deste tipo de mobilidade persoal (deseño de novos produtos turísticos, asesoría e implantación do novo servizo).

Tamén se inclúen accións de mellora e adaptación dos produtos turísticos aos diferentes tipos de público así como accións de comunicación e sensibilización para o uso deste tipo de vehículos nos desprazamentos polos territorios vinculados.

O novo produto turístico que se desenvolva deberá acreditarse na memoria explicativa que se achegue coa solicitude e deberá de incluírse na páxina web do establecemento.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG e o 30 de xuño de 2026.

3. Non serán subvencionables os gastos a que se refire o artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como non subvencionables.

Ademais, non se considerarán subvencionables os seguintes gastos:

a) Autorizacións administrativas, licenzas, permisos, títulos habilitantes, custo de avais e/ou fianzas, multas e taxas.

b) Gastos asociados a xestións, contratacións, consultas ou trámites administrativos, aínda sendo necesarios para a obtención de permisos, licenzas ou títulos habilitantes.

c) Gastos recorrentes ou de mantemento.

d) Seguros subscritos pola persoa solicitante.

e) Custos financeiros.

f) Custos asociados a sancións administrativas, así coma gastos de procedementos xudiciais.

g) Licenzas destinadas a sistemas operativos e aplicacións ofimáticas.

h) A vixilancia e seguridade durante a execución da obra ata a data de posta en marcha.

i) Os custos de persoal propio.

j) Os gastos que non sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

k) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

l) Gastos en equipamento que impliquen o consumo de combustibles fósiles (tales como petróleo, carbón ou gas natural).

4. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar efectuados os pagamentos con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido no artigo 24.

5. Así mesmo, de ser necesaria para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar co título habilitante oportuno (licenza de obras ou comunicación de inicio de obras, ou autorización sectorial correspondente, segundo proceda).

Artigo 6. Condicións dos proxectos

1. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Data e validez: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión e un prazo de validez. As ofertas non poderán ter un prazo de validez vencido na data de presentación da solicitude.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser novos adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas», establecidas nos puntos 2 e 3, respectivamente, do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitíndose, como excepción, a obra civil en terreos sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou as reformas de instalacións en inmobles alugados ou en réxime de concesión. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, e deberá constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

Artigo 7. Compromiso de non causar dano significativo ao ambiente

1. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución deberán garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH) e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021, e no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, así como na súa normativa de desenvolvemento, en todas as fases do deseño e da execución dos proxectos e de maneira individual para cada actuación.

2. As actuacións financiables da liña 1.1. Estacións de reparación (bicicletas e patinetes) e puntos de recarga (bicicletas, patinetes e coches) cumprirán co indicado na etiquetaxe climática establecida, cumprindo co seguinte peso ou porcentaxe das seguintes etiquetas climáticas:

035: medidas de adaptación ao cambio climático e prevención e xestión de riscos relacionados co clima: inundacións (incluídas as accións de sensibilización, a protección civil, os sistemas e infraestruturas de xestión de catástrofes e os enfoques ecosistémicos), cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %.

As actuacións da liña 1.2. Restauración paisaxística das áreas onde se creen os puntos de recarga, cumprirán co indicado na etiquetaxe climática establecida, cumprindo co seguinte peso ou porcentaxe das seguintes etiquetas climáticas:

050: protección da natureza e a biodiversidade, patrimonio e recursos naturais, infraestruturas verdes e azuis, cunha contribución a obxectivos climáticos do 40 %.

As actuacións financiables da liña 2 (adquisición de vehículos eléctricos: bicicletas e patinetes) cumprirán co indicado na etiquetaxe climática establecida, co seguinte peso ou porcentaxe das seguintes etiquetas climáticas:

073: infraestrutura de transporte urbano limpo, cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %.

3. En todo caso, as entidades beneficiarias preverán mecanismos de verificación do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo (principio Do no significant harm-DNSH) para asegurar a súa implementación, do que deixarán constancia na memoria xustificativa da subvención.

4. Segundo as regulacións do principio, nas actuacións de rehabilitación as entidades beneficiaras deberán ter en conta o seguinte:

a) Na rehabilitación de edificios teranse en consideración as directrices recollidas na Directiva (UE) 2018/844, relativa á eficacia enerxética dos edificios para que sexan edificios de consumo de enerxía case nulo, permitindo reducir de forma significativa o consumo de enerxía primaria non renovable.

b) As medidas de rehabilitación permitirán contribuír á adaptación dos edificios ao cambio climático, adoptando as solucións de adaptación que sexan posibles no marco das opcións que permita a edificación existente e a súa protección no caso de que sexan edificios protexidos, como a utilización de cubertas vexetais, toldos, zonas de sombreado…

c) Non se prevé que a medida sexa prexudicial para o uso sostible e a protección dos recursos hídricos e mariños. A medida está destinada a mellorar a adaptación dos destinos turísticos e as empresas que os conforman ás estratexias de economía circular, á redución do consumo de recursos hídricos e á protección dos recursos naturais, en especial os mariños.

d) Cando se instalen aparellos de auga, estes terán unha etiqueta de produto existente na Unión. Para evitar o impacto da obra, identificaranse e abordaranse os riscos de degradación ambiental relacionados coa preservación da calidade da auga e a prevención do estrés hídrico, de acordo cun plan de xestión de uso e protección da auga.

e) No caso de que o proxecto responda á definición do artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, de avaliación de impacto ambiental (AIA), e estea incluído nalgún dos supostos de avaliación de impacto ambiental (AIA) previstos no artigo 7 da citada lei, as entidades beneficiarias deberán contar coa declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto favorable á súa execución ou o informe de impacto ambiental favorable do proxecto, segundo se trate de avaliación de impacto ambiental ordinaria ou simplificada, respectivamente.

f) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos xerados (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/CE) nas actuacións previstas neste investimento, será preparado para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

g) Os operadores limitarán a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE e tendo en conta as mellores técnicas dispoñibles e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de substancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición.

h) Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade no referido á Norma ISO 20887 para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como estes están deseñados para seren máis eficientes no uso dos recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e a reciclaxe.

i) Os compoñentes e materiais de construción utilizados na construción non conterán amianto nin substancias moi preocupantes identificadas sobre a base da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2006, do Parlamento e do Consello. Os compoñentes e materiais de construción utilizados na construción que poidan entrar en contacto cos usuarios emitirán menos de 0,06 mg de formaldehido por m3 de material ou compoñente e menos de 0,001 mg de compostos orgánicos volátiles canceríxenos de categorías 1A e 1B por m3 de material ou compoñente, logo de proba de acordo co CEN/TS 16516 e ISO16000-3 ou outras condicións de proba estandarizadas e métodos de determinación comparables.

j) Ademais, adoptaranse medidas para reducir o ruído, o po e as emisións contaminantes durante a fase de obra, e executaranse as actuacións asociadas a esta medida sempre cumprindo a normativa de aplicación vixente en canto á posible contaminación de chans e da auga.

Artigo 8. Contía da axuda

A intensidade da axuda será de ata un 80 % do custo total subvencionable do proxecto. O investimento mínimo requirido será de 5.000,00 euros.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. Cada persoa interesada poderá presentar como máximo unha solicitude de axuda por cada establecemento. Para este fin utilizarase o modelo previsto no anexo II.

2. As solicitudes (anexo II) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 14 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, se algunha das entidades solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, e indicaralle que, se así non o fixer, se dará por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses. O dito prazo comezará a contar unha vez que transcorran oito (8) días naturais desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A hora de inicio do prazo de presentación de solicitudes será ás 9.00 horas e a hora de fin do prazo será ás 20.00 horas. Se o día de inicio do prazo é inhábil, o prazo comezará a contar o día hábil seguinte.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta resolución.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta resolución para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa beneficiaria dela.

4. No modelo de solicitude constan como de obrigada consignación os seguintes campos: datos específicos do proxecto, o investimento total, o custo subvencionable e a contía da axuda solicitada.

5. As entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:

a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou ou non, ou se recibiu ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.

b) Se se solicitou ou non, ou se recibiu ou non, algunha axuda de minimis.

c) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Se a subvención solicitada supera o importe de 30.000,00 euros, a entidade solicitante está incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpre os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable de que se atopa ao día no cumprimento dos prazos de pagamento establecidos no artigo 4 da devandita Lei 3/2004, do 29 de decembro.

g) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

i) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

j) Non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente logo dunha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

k) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda.

l) Que a empresa cumpre cos criterios de definición de microempresa, pequena e mediana, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, e a categoría en que se encadra.

m) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con este tipo de fondos de recuperación.

n) Conservar toda a documentación relativa á subvención, segundo o establecido nos regulamentos de aplicación aos fondos que financian a axuda concedida, durante o período indicado no artigo 24.

ñ) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

o) A actividade que se subvencionará non causa un prexuízo significativo (Do no significant harm) aos obxectivos ambientais, nos termos do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088, e a restante normativa de aplicación.

p) Que a empresa, de acordo coa definición que se establece no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, non está en crise, segundo o establecido polas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crises (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo).

q) Non ter sido sancionado con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos dous (2) anos.

r) Que se compromete a manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de tres anos. En todo caso, o dito prazo será de cinco anos cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

s) Que a actuación obxecto da subvención, no caso de instalación de estacións de reparación e puntos de recarga, de restauración paisaxística das áreas onde se crean os puntos de recarga e de adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, se vai desenvolver na mesma referencia catastral do establecemento turístico de aloxamento ou adega.

t) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendendo que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecidas nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

u) Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan no artigo 23 das bases reguladoras.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:

a) Documentación que acredite a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 23. Deberá achegar documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro título de disposición válido en dereito no cal, ademais, se autorice a realización da actuación solicitada.

b) Memoria descritiva do proxecto para o que se solicita a subvención, que incluirá como mínimo a seguinte información:

– Motivos que aconsellan a realización dos investimentos e obxectivos previstos coa execución do proxecto.

– Descrición das actuacións que se van realizar en cada unha das liñas e/ou previstas no período subvencionable. Recollerase o número, a localización e tipoloxía de vehículos eléctricos, estacións de reparación e puntos de recarga, segundo a liña para a que se solicita a subvención.

– Fases de execución do proxecto e prazos previstos de execución.

– Importes detallados dos investimentos realizados e/ou previstos no período subvencionable.

– Reportaxe fotográfica da zona sobre a que se vai actuar: colocación das estacións de reparación, dos puntos de recarga e vehículos eléctricos.

c) Acreditación da adhesión a algunha das rutas do viño de Galicia, no caso das adegas; bastará a certificación de socia expedida por unha das cinco rutas do viño de Galicia.

d) No caso das adegas, deberán achegar memoria e fotos que acrediten que teñen unha zona visitable para turistas, con zona de cata e degustación de produtos da zona, museo ou sala de exposicións, percorridos polos viñedos ou calquera actividade que poña en valor os viños da adega.

e) No caso de obras de instalación de punto de recarga eléctrica (liña 1.2), deberá achegarse unha memoria explicativa da contribución á sostibilidade e integración coa contorna natural.

f) No caso de proxectos dixitais da liña 3, deberá achegarse unha memoria explicativa.

g) No caso de sinalética e información das experiencias creadas cos vehículos eléctricos (liña 4), deberá xuntarse unha memoria explicativa do novo produto turístico que se vai desenvolver.

h) Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa deberase achegar ademais:

• Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de seren depositadas no rexistro correspondente.

• Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

i) Orzamento do investimento desagregado por partidas.

j) As tres ofertas de diferentes provedores consonte o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ser o caso. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

k) Documentación acreditativa da representación suficiente para actuar en nome da empresa.

l) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

m) Anexo VII de declaración responsable do cumprimento do principio de non causar dano significativo aos seis obxectivos ambientais no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, do 18 de xuño (principio Do no significant harm-DNSH), segundo o establecido no artigo 7.

n) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantías dos dereitos dixitais (anexo VIII).

ñ) Declaración responsable do cumprimento dos principios transversais establecidos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e o cumprimento do principio DNSH (anexo IX).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha entidade presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (2 GB por presentación) ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

f) Consulta de concesións pola regra de minimis.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

i) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social.

j) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á súa Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Axencia de Turismo de Galicia poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

3. En caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por esgotarse o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, de ser o caso, ben co crédito que quedara libre debido á renuncia doutros/as solicitantes, á modificación dos proxectos inicialmente subvencionados ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención.

Artigo 15. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada que será notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez (10) días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite ao que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 16. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade, reguladas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. Na devandita resolución informarase á persoa beneficiaria sobre o importe da axuda expresado en equivalente de subvención bruta e o seu carácter de minimis, de acordo co establecido no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

3. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, as actuacións subvencionables, o custo elixible, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución das actuacións e o seu prazo de finalización e de xustificación.

4. Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente resolución, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, ao terse aceptado coa presentación da solicitude.

5. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de catro (4) meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun (1) mes, se o acto fose expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non fose expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do dito recurso.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis (6) meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Publicidade

No prazo máximo de tres (3) meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria ou programa e crédito orzamentario, a contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Ademais, a solicitude para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións estarán obrigadas a subministrar á Administración, aos organismos ou á entidade prevista no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, estas notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran coa súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non se danen os dereitos de terceiras persoas. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta os requisitos ou as circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, as persoas beneficiarias deberán presentar: unha memoria xustificativa, o orzamento modificado e a relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Axencia de Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 15.

6. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar os dereitos de terceiras persoas.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a persoa beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia no prazo, a persoa titular da axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias

Ademais das obrigas recollidas nos artigos 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, de ser o caso, co modificado coa autorización da Axencia de Turismo de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

d) Manter o investimento subvencionado e a titularidade durante un período mínimo de tres anos.

e) Destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante un prazo non inferior a tres anos. Ao longo deste período deberanse levar a cabo as actuacións de mantemento e limpeza necesarias para a conservación correcta do investimento.

f) Conservar os documentos xustificativos e a demais documentación relacionada co financiamento da actuación en formato electrónico durante un prazo mínimo de 5 anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta deste pagamento, da operación. Este período será de 3 anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000,00 euros, todo isto de acordo co establecido no artigo 22.2, alínea f) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, e no artigo 133 do Regulamento (UE Euratom) nº 2024/2509 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de setembro.

g) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que a Axencia de Turismo de Galicia considere pertinentes ao longo do proceso de execución e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás comprobacións da Comisión Europea, da Fiscalía Europea, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), do Tribunal de Contas da Unión Europea e aos controis derivados do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia que se realicen a través de autoridades nacionais ou europeas, facilitando canta información e documentación lles sexa requirida.

Para tal fin deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e dos demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como da documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control, polo menos, durante o período establecido na alínea f).

h) Recadar e asegurar, para os efectos de auditoría e control e para dispoñer de datos comparables sobre o uso de fondos en relación coas medidas destinadas á execución de reformas e proxectos de investimento no marco do Plan de recuperación e resiliencia, o acceso ás categorías harmonizadas de datos previstas no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

i) Ser responsable da fiabilidade e do seguimento da execución das actuacións subvencionables, de maneira que poida coñecerse en todo momento o nivel de consecución de cada actuación.

j) Establecer mecanismos que aseguren que as actuacións que van desenvolver terceiros contribúen ao logro das actuacións previstas e que os devanditos terceiros acheguen a información que, de ser o caso, for necesaria para determinar o valor dos indicadores, fitos e obxectivos pertinentes do Plan de recuperación.

k) Asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de interese e o dobre financiamento.

l) Comunicarlle á Axencia de Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a dita concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento desta obriga considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

m) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con este tipo de fondos de recuperación.

n) Cumprir coas exixencias de información e publicidade sinaladas no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. De acordo co disposto no artigo 34.2 do devandito Regulamento (UE) nº 2021/241, o/a beneficiario/a fará mención da orixe deste financiamento e velará por darlle visibilidade, incluído, cando cumpra, mediante o emblema da Unión Europea e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular, cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público. Deberá cumprirse tamén co establecido en materia de comunicación, información e publicidade na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, en especial, co previsto no seu artigo 9. En particular, cómpre ter en conta a información recollida no punto de identidade visual da web do Plan de recuperación, transformación e resiliencia https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual e o Manual de comunicación para xestores e beneficiarios do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, da Secretaría General de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda, dispoñible na seguinte ligazón: https://www.fondoseuropeos.hacienda.gob.es/sitios/dgpmrr/es-es/Documents/MANUAL%20DE%20COMUNICACI%C3%93N%20PARA%20LOS%20GESTORES%20DEL%20PLAN.pdf

ñ) En relación coa publicidade do financiamento, durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento, a persoa beneficiaria deberá informar o público do apoio obtido colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público, segundo o modelo do anexo X e en todos os elementos obxecto desta convocatoria. A Axencia de Turismo facilitaralles modelos ás persoas beneficiarias a través da súa páxina web.

Ademais, no caso de investimentos para a adquisición de vehículos eléctricos, estacións de reparación e puntos de recarga, estes, amais de incluír os logos obrigatorios, deberanse rotular co nome comercial ou razón social da empresa beneficiaria. Empregarase como material un adhesivo vinílico resistente á intemperie.

o) Subministrar toda a información necesaria para que a Axencia de Turismo de Galicia poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

p) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

q) No caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente no momento en que se produza a certeza da non execución.

r) No deseño e execución das actuacións subvencionadas, garantir o respecto ao principio de non causar un prexuízo significativo ou, segundo as súas siglas en inglés, DNSH (Do no significant harm), conforme o previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e a súa normativa de desenvolvemento, en particular, a Comunicación da Comisión, Guía técnica sobre a aplicación do principio de non causar un prexuízo significativo, en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como o requirido na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España, así como cumprir coa normativa ambiental autonómica, estatal e comunitaria (anexo VII).

s) Cumprir coas obrigas relacionadas coa cesión e o tratamento de datos sobre a execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e de compromiso en relación coa execución de actuacións do mesmo plan (PRTR), coa finalidade de cumprir cos números 2 e 3 do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro (anexo VIII).

t) Declarar o seu compromiso de cumprir os principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar o ámbito obxecto da xestión, empregando para o efecto o modelo do anexo IX.

u) As persoas beneficiarias garantirán o cumprimento das obrigas de etiquetaxe climática e dixital. A etiqueta 035, cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %, aplícase ás actuacións da liña 1.1. No caso da liña 1.2, aplícase a etiqueta 050 Protección da natureza e a biodiversidade, patrimonio e recursos naturais, infraestruturas verdes e azuis, cunha contribución a obxectivos climáticos do 40 %. A etiqueta 073 Infraestrutura de trasporte urbano limpo, cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %, aplícase ás actuacións da liña 2.

v) Cumprir coa obriga da identificación do perceptor final prevista no artigo 8, punto 2, da Orde HFP/1030/2021, para o que se consultarán os datos previstos no artigo 5.1.

w) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 30 de xuño de 2026.

2. En caso de non xustificarse a totalidade do investimento subvencionable, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a persoa beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do investimento subvencionable; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida. Se a xustificación é superior ao 50 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia de Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.

3. A solicitude do pagamento efectuaraa a beneficiaria a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite a que se refire o punto 1, mediante a presentación do anexo IV, que estará dispoñible na sede electrónica e se presentará de acordo co disposto no artigo 12.

4. Á dita solicitude xuntaráselle a documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá, excepcionalmente, requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas, tendo neste caso o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación algunha, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que conforme á lei correspondan.

Artigo 25. Documentación xustificativa do investimento

1. Para os efectos do establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado nestas bases reguladoras.

2. A documentación xustificativa que deberán achegar as persoas beneficiarias das subvencións para acreditar a execución do proxecto subvencionado, no prazo indicado no artigo 24.1, é a seguinte, xunto coa solicitude de cobramento (anexo IV):

a) Memoria final detallada e descritiva dos investimentos realizados e, de ser o caso, das desviacións que se produciran respecto do proxecto inicialmente previsto.

b) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

b.1) Relación clasificada e ordenada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación da actuación, do acredor, número de factura, concepto do gasto, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, consonte ao modelo do anexo V. De ser o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento. A dita ordenación deberá coincidir coa ordenación da documentación indicada no seguinte apartado.

b.2) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, as copias dos cargos en conta, que xustifiquen o seu pagamento. Ademais, cómpre incluír nas facturas a indicación expresa de que o proxecto está financiado con cargo ao investimento C14.I01 no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas.

En ningún caso se admitirán xustificantes ou facturas de pagamento con data anterior á data de inicio das actuacións subvencionables. As facturas ou xustificantes non poderán ser anteriores ao período subvencionable nin posteriores á data límite establecida nestas bases para presentar a xustificación (30 de xuño de 2026).

c) A alta no rexistro correspondente da consellería con competencias en materia de industria, no caso da instalación de puntos de recarga.

d) Ligazón á páxina web que acredite as condicións de uso dos vehículos adquiridos, no caso da liña 2 (adquisición de vehículos eléctricos).

e) Ligazón ao proxecto dixital, que deberá estar na páxina do establecemento, no caso de actuacións da liña 3.

f) Memoria final do novo produto turístico e accións de sensibilización e comunicación realizadas, no caso de actuacións da liña 4.

g) A conta xustificativa, segundo o modelo do anexo V.

h) Deberá incluír fotos ilustrativas, anteriores e posteriores, do investimento efectuado.

i) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado.

j) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, copias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

k) Achegarase certificación de fin de obra por conceptos, que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada por técnico/a competente, relativa á obra executada coa súa valoración, no caso de actuacións da liña 1.2, se é necesaria a licenza de obra.

l) No caso de obras, licenza de obras ou, de ser o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza.

m) Proxecto ou memoria técnica onde se inclúa un estudo de xestión de residuos de construción e demolición, así como do correspondente Plan de xestión dos residuos de construción e demolición no cal se concrete como se aplicará, segundo o regulado polo Real decreto 105/2008, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición, no caso de actuacións da liña 1.2. A xustificación do anterior realizarase da forma seguinte:

1º. Para a acreditación correcta do cumprimento da valorización do 70 % dos residuos de construción e demolición, o adxudicatario presentará unha memoria resumo onde se recolla a cantidade total de residuos xerados, clasificados por códigos LER, e os certificados dos xestores de destino, onde se indique a porcentaxe de valorización alcanzada en cada unha das instalacións. Os residuos perigosos non valorizables non se terán en conta para a consecución deste obxectivo.

2º. O cumprimento do establecemento de medidas para realizar unha demolición selectiva acreditarase mediante os códigos LER incluídos nos certificados expedidos polos xestores como xustificación da entrega dos residuos xerados. Estes códigos serán os correspondentes ás fraccións retiradas selectivamente, por exemplo 170101, 170102, 170201, 170202, 170203, 170402, 170403 ou 170405.

3º. No caso de que se valoricen residuos na propia obra, o adxudicatario incluirá na memoria resumo información sobre as cantidades valorizadas, por código LER, e os medios utilizados (planta móbil, xestor, etc.).

4º. No caso de que se utilicen áridos reciclados procedentes de residuos, o adxudicatario incluirá na memoria resumo a documentación que acredite a compra destes materiais, na cal se indicará a cantidade e o tipo de material.

5º. No caso de que se produzan residuos de amianto, será necesario xustificar o seu adecuado tratamento a través da notificación previa do traslado dos residuos de amianto desde o lugar de xeración ata o xestor de residuos e os documentos de identificación dos traslados de residuos asociados a eses movementos, en aplicación do Real decreto 553/2020, do 2 de xuño, polo que se regula o traslado de residuos no interior do territorio do Estado.

3. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 26. Pagamento da axuda

1. O pagamento da subvención aboarase logo da presentación da xustificación equivalente á contía establecida na resolución de concesión.

2. Cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, de acordo co establecido no artigo 24.2.

En ningún caso o menor custo de execución do proxecto subvencionado pode supoñer unha execución deficiente do proxecto e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou os obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Artigo 27. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derivase a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Artigo 28. Réxime de infraccións e sancións

1. As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes. Para estes efectos tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento, e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nas epígrafes anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. O incumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no sentido do artigo 8, punto 1.e), da Orde HFP/1030/2021, do 28 de setembro, dará lugar á devolución total da subvención percibida, así como aos xuros de mora correspondentes.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a persoa beneficiaria poderá realizar a devolución voluntaria das cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de mora. No documento de ingreso deberán identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e NIF da persoa beneficiaria. Unha vez ingresado, deberase comunicar á Axencia de Turismo de Galicia a devolución voluntaria realizada.

Artigo 29. Seguimento, control e comprobación

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia de Turismo de Galicia, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2009, do 13 de xuño, así como o cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no sentido do artigo 8, punto 1.e) da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

2. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. A Axencia de Turismo de Galicia realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados na resolución. O persoal encargado da verificación redactará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

Artigo 30. Medidas antifraude

1. En cumprimento do establecido no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, estableceranse mecanismos para a prevención, detección, corrección e persecución da fraude, a corrupción e o conflito de intereses.

2. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice a Axencia de Turismo para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de control dos órganos competentes do PRTR e dos servizos financeiros da Comisión Europea, do Tribunal de Contas Europeo, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) ou da Fiscalía Europea e ás verificacións do artigo 22 do Regulamento (CE) nº 241/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18 de febreiro).

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI). A ligazón á canle de denuncias é a seguinte: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias. Estas canles garanten o anonimato da persoa denunciante.

4. Na loita contra a fraude, a Axencia de Turismo de Galicia actuará de conformidade co Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia e co seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, que se aplica a esta convocatoria. As ligazóns aos citados plans no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia son as seguintes:

https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/codigo-etico/plan-prevencion-riscos-medidas-antifraude-gal.pdf

https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/plans/antifraude/presidencia/plan-antifraude-turismo-2024.pdf

Artigo 31. Análise sistemática do risco de conflito de intereses no procedemento de concesión de subvencións no marco do PRTR

A presente convocatoria está suxeita á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses prevista na disposición adicional centésima décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de interese nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano competente na concesión da subvención poderá solicitarlles ás persoas beneficiarias a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise realizada a través de Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a dita información deberá achegarse ao órgano que concede no prazo de cinco (5) días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento.

Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través do Minerva, o responsable de operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de intereses, indicando en lugar do solicitante, os titulares reais recuperados polo órgano outorgante.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO X

Publicidade do financiamento comunitario

TU503K-Subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia

Ao tratarse de subvencións financiadas con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, ao estar incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 34, do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e coa Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, a persoa beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos de publicidade e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, a persoa beneficiaria deberá recoñecer o apoio da Xunta de Galicia, conforme ao manual de identidade corporativa que estea vixente, e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente, e mostrando:

a) O emblema da Unión cunha declaración de financiamento adecuada que diga «financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU».

b) Referencia ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) O emblema do Ministerio de Industria e Turismo, ao ser este o órgano competente de coordinación e seguimento.

O formato que se utiliza é o seguinte:

missing image file

2. Durante a realización do proxecto e durante un período mínimo igual ao da obriga de conservación da documentación xustificativa da aplicación dos fondos:

i. Breve descrición no seu sitio da internet do que dispoña a entidade beneficiaria, do proxecto desenvolvido ao abeiro da subvención concedida, dos obxectivos perseguidos e resultados acadados, na que se destaque a procedencia da financiamento e o emblema da UE, incluíndo a imaxe institucional correspondente, incluída a da Xunta de Galicia e a do Ministerio de Industria e Turismo e mostrando:

a) O emblema da Unión cunha declaración de financiamento adecuada que diga «financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU».

b) Referencia ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) O emblema do Ministerio de Industria e Turismo, ao ser este o órgano competente de coordinación e seguimento.

d) Mención ao título da operación: «Subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia».

ii. Colocar, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que se mencionará o apoio financeiro da Xunta de Galicia e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente, e mostrando:

a) O emblema da Unión cunha declaración de financiamento adecuada que diga «financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU».

b) Referencia ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) O emblema do Ministerio de Industria e Turismo, ao ser este o órgano competente de coordinación e seguimento.

d) Mención ao título da operación: «Subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia».

O cartel, elaborado con materiais que permitan certa perdurabilidade no tempo, deberase colocar nun lugar visible para o público.

Para efectos do sinalado, deberase empregar o seguinte modelo tanto para a publicación en web como para a elaboración do cartel:

missing image file