Examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Serge+, e vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:
Feitos:
Primeiro. O 23 de maio de 2025, Óscar Neira Fernández, tesoureiro da Fundación, presentou unha solicitude de clasificación, declaración de interese galego e unha inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Segundo. A Fundación Serge+ foi constituída pola entidade Serge Lucense S.A., representada por Óscar Neira Fernández, en escritura pública outorgada en Lugo o 30 de xaneiro de 2025 ante o notario Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias co número 423 do seu protocolo, emendada por outra outorgada na mesma cidade e ante o mesmo notario o 14 de agosto de 2025, co número 3.591 do seu protocolo.
Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto desenvolver, promover e impulsar:
– O desenvolvemento integral das persoas maiores e en situación de dependencia que presenten déficits físicos, sensoriais, psíquicos ou de calquera outra natureza.
– A evolución do colectivo social de persoas maiores e en situación de dependencia a superiores cotas de protagonismo e intervención no devir da sociedade civil.
– O desenvolvemento de relacións de cooperación con todo tipo de entidades públicas administrativas estatais, autonómicas e provinciais españolas e con todo tipo de redes e entidades internacionais.
– Intervir e asesorar ante administracións públicas e entidades privadas sobre o desenvolvemento e a sustentabilidade do gasto social.
– Incentivar a presenza de persoas maiores e en situación de dependencia en actividades produtivas, culturais, sociais e en cantas iniciativas de calquera tipo que promovan o protagonismo social do colectivo.
– A promoción de todo tipo de servizos e produtos dirixidos á mellora da calidade de vida das persoas maiores e en situación de dependencia, sensibilizando a sociedade sobre a relevancia dos apoios e os coidados.
– Investigación e desenvolvemento de todo tipo de proxectos tecnolóxicos e de intelixencia artificial. Participar en todo tipo de investigacións para a promoción do envellecemento activo e saudable.
– Asesorar todo tipo de administracións públicas na elaboración de normas con rango legal e regulamentario en beneficio do colectivo.
– Formación en todo tipo de nivel académico. Actuar como observatorio dos importantes cambios socioeconómicos que afectan o sector, co obxecto de analizar con rigor e obxectividade este amplo, novo e florecente sector, tratando de achegar a visión proxectiva de expertos e institucións e empresas que participen na Fundación.
– Promover valores de igualdade, tolerancia, non discriminación e respecto á integridade das persoas maiores e en situación de dependencia.
– Xestión de centro sociosanitarios e sanitarios. Neste sentido, acudir a todo tipo de concursos públicos e privados. E/ou asumindo contratación directa con entidades públicas e privadas.
Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (Diario Oficial de Galicia número 242, do 19 de decembro), a dotación inicial, os estatutos e a identificación e aceptación dos membros do padroado.
Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, o obxecto e as actividades, o domicilio e o ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e a substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.
Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Carlos Dosil Díaz, como presidente; a entidade Caligers, S.L., representada por Miguel Ángel Vázquez Vázquez, como vicepresidenta; Óscar Neira Fernández como tesoureiro; e José Álvarez Vilabrille, Agustín Dosil Maceiras e Ramiro Neira Ramos, como vogais. Juan Carlos Rodríguez Maseda actúa como secretario alleo ao padroado, con voz, pero sen voto.
Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na reunión do día 14 de outubro de 2025, elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes unha proposta de clasificación como de interese social da Fundación Serge+, consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e de conformidade co establecido no artigo 47 da dita lei; no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social e Igualdade.
Oitavo. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 31 de outubro de 2025, clasificouse como de interese social a Fundación Serge+, e adscribiuse á Consellería de Política Social e Igualdade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante unha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Serge+, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.
Terceiro. En vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Igualdade, da Fundación Serge+, polo que,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar fundación de interese galego a Fundación Serge+.
Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Serge+ no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Igualdade.
Terceiro. Esta Fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Política Social e Igualdade.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Política Social e Igualdade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social
