Mediante a Orde da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, do 1 de outubro de 2025 (DOG núm. 195, do 9 de outubro), apróbanse as bases e convócanse as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2024/25 (código de procedemento ED601A).
No artigo 2.1 da citada orde establécese que para a concesión das axudas reguladas nela se destinará 1.600.000,00 €, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 07.01.423A 481.0 dos orzamentos xerais de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
Pola súa vez, o artigo 2.2 prevé que a dotación orzamentaria poderá incrementarse cando se produza un incremento de crédito derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Dado que no prazo establecido na convocatoria se recibiu un número de solicitudes moi superior ao da dotación orzamentaria prevista, e para os efectos de poder atendelas, cómpre incrementar a dotación orzamentaria inicialmente prevista, a través da tramitación dunha transferencia de crédito desde o capítulo 2 do mesmo programa de gasto, concretamente no programa 423A, circunstancia prevista no artigo 31.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Segundo se establece no artigo 30.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, nestes casos o órgano competente para a concesión deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazos para resolver.
Así, dado que existe crédito dispoñible no orzamento da consellería, en atención ao exposto, procede acordar unha ampliación do crédito dispoñible co obxecto de atender o maior de número de solicitudes posible que, aínda cumprindo todos os requisitos, non puidesen resultar beneficiarias por esgotamento daquel.
Polo exposto e en exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Primeiro. Incremento da dotación orzamentaria
1. Increméntase en 150.000 € o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 1 de outubro de 2025 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2024/25 (código de procedemento ED601A).
O importe do devandito incremento realizarase a través dunha transferencia de crédito desde o capítulo II do mesmo programa de gasto, concretamente no programa 423A. Unha vez efectuado este incremento, o crédito total destinado ao financiamento destas axudas ascende a 1.750.000 €.
2. Publicarase no Diario Oficial de Galicia esta ampliación de crédito, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Segundo. Eficacia
Esta orde producirá efectos a partir do mesmo día da súa publicación.
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
