En cumprimento do disposto no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o Departamento Territorial de Ourense dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de outubro de 2025, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, e a prevalencia sobre un monte veciñal en man común, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada Regulamentación da LMTA SMI805 no treito entre os apoios número 60-16-8 e número 60-16-14, que discorre polo concello de Viana do Bolo (Ourense), e promove UFD Distribución Eléctrica, S.A. (expediente IN407A 2025/004-3), que se recolle como anexo desta resolución.
Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 14 de novembro de 2025
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de outubro de 2025, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, e a prevalencia sobre un monte veciñal en man común, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada Regulamentación da LMTA SMI805 no treito entre os apoios número 60-16-8 e número 60-16-14, que discorre polo concello de Viana do Bolo (Ourense), e promove UFD Distribución Eléctrica, S.A. (expediente IN407A 2025/004-3)
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 24.1.2025, UFD Distribución Eléctrica, S.A. (UFD) presentou as solicitudes de autorización administrativa previa, de construción e de declaración de utilidade pública da infraestrutura eléctrica denominada Regulamentación da LMTA SMI805 no treito entre os apoios número 60-16-8 e número 60-16-14, coa que se pretende emendar a distancia antirregulamentaria existente entre os condutores da liña e o terreo, acompañada da seguinte documentación técnica:
1. Proxecto de execución da referida infraestrutura eléctrica, asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández, colexiado número 1534 do ICOIIG, o 10.12.2024.
2. Declaración responsable de habilitación e competencia do técnico proxectista e declaración responsable, segundo o exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro (incorporadas no proxecto).
3. Separatas técnicas para as entidades afectadas pola infraestrutura eléctrica proxectada: Concello de Viana do Bolo, Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense da Consellería do Medio Rural e Red Electrica de España, S.A.
4. Relación de bens e dereitos afectados (RBDA), da que presentou corrección o 30.1.2025.
Segundo consta no proxecto de execución presentado, as características máis salientables da instalación son as seguintes:
– Substitución dos apoios número 60-16-9 e número 60-16-12, por novos apoios de celosía metálica do tipo C-18/3000 e C-16/2000, respectivamente, que se instalarán na mesma localización.
– Desmonte do treito da LMTA SMI805 existente entre os apoios proxectados anteriores, coa retirada dos actuais apoios número 60-16-10 e número 60-16-11 e de 273 m de condutor existente do tipo LA-30.
– Instalación nunha nova localización dos apoios número 60-16-10 e número 60-16-11, de celosía metálica do tipo C-16/3000 e C-16/1000, respectivamente, e instalación de 327 m de novo condutor LA-56 entre os apoios proxectados número 60-16-9 e número 60-16-12.
– Orzamento de execución material: 19.060,63 €.
Segundo. O 30.4.2025, o Departamento Territorial de Ourense ditou o acordo polo que se someteron a información pública as solicitudes feitas por UFD, de autorización administrativa previa, de autorización administrativa de construción e de declaración, en concreto, da utilidade pública da instalación eléctrica mencionada, que se publicou no DOG núm. 97, do 22 de maio, e no diario La Región de Ourense, do 8 de maio. Tamén estivo exposto á disposición das persoas interesadas nas dependencias da Sección de Enerxía do Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria e no Portal de transparencia da consellería.
Non se recibiu ningunha alegación.
Terceiro. O 30.4.2025, o Departamento Territorial de Ourense trasladou as separatas técnicas, para os efectos de obter os seus informes ao respecto, aos seguintes organismos e entidades afectados pola referida infraestrutura eléctrica: Concello de Viana do Bolo, Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense da Consellería do Medio Rural e Red Eléctrica de España, S.A.
1. UFD manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polas seguintes entidades: Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense da Consellería do Medio Rural e Red Electrica de España, S.A.
2. Non consta no expediente que emitise informe o Concello de Viana do Bolo.
Cuarto. O 30.4.2025, o Departamento Territorial de Ourense deu audiencia ao titular do monte veciñal en man común (MVMC) afectado, pero non constan manifestacións dos seus órganos reitores.
Quinto. O 9.6.2025, o Departamento Territorial de Ourense, de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de execución da Lei de montes veciñais en man común de Galicia, remitiulle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o expediente da expropiación solicitada, para que informase dos asuntos da súa competencia e o devolvese para a súa prosecución da forma legalmente establecida. Esta petición foi reiterada o día 27.8.2025.
Sexto. O día 2.9.2025, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal remitiu ao Servizo de Enerxía e Minas de Ourense o informe elaborado o 31.7.2025 polo Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense da Consellería do Medio Rural, en que se conclúe literalmente o seguinte:
«A superficie que cómpre expropiar representa unha fracción absolutamente residual (en torno ao 0,5 %) do MVMC Serro e, en gran medida, afecta terreos que aloxan unha repoboación de piñeiro do país de 5 anos de idade, financiada con axudas públicas; en concreto, 3.637 m² dentro da superficie afectada foron beneficiarios do expediente de subvención de creación de superficies forestais número 11320101/2020, cuxo importe de axuda total aprobado ascendeu a 78.830,60 € (DOG núm. 154, do 3 de agosto de 2020). Neste sentido, as compensacións que proceda exixir, incluídas aquelas potencialidades derivadas da implantación da cuberta arbórea que a comunidade considere oportunas, deberán ser reclamadas na fase do prezo xusto. En calquera caso, dada a escasa superficie total afectada (0,47 ha), non se considera que a expropiación vaia causar efectos significativos sobre os aproveitamentos nin os usos consuetudinarios que se veñen desenvolvendo no monte.
Tendo en conta o anterior, este servizo emite informe favorable sobre a declaración de prevalencia solicitada».
Sétimo. O 18.9.2025, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria en Ourense emitiu o informe de recoñecemento do trazado da instalación mencionada, en que se indica que respecto das parcelas incluídas na RBDA, para continuar o expediente de expropiación, non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Oitavo. O 19.9.2025, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria en Ourense emitiu un informe favorable sobre o proxecto de execución presentado e a súa adecuación á normativa de aplicación.
Noveno. O 22.9.2025, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria en Ourense emitiu un informe sobre a tramitación realizada en relación co referido expediente (IN407A 2025/004-3), en que considera que se seguiron os trámites do procedemento legalmente establecidos, polo que se manifesta favorablemente ao outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción e á declaración de utilidade pública.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A lexislación de aplicación aos procedementos tramitados neste expediente é a seguinte:
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
– Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
– Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
– Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de execución da Lei de montes veciñais en man común de Galicia.
– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
Segundo. O Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria é competente para facer a proposta, conforme o establecido no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica (DOG núm. 101, do 27 de maio), e o establecido no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro). O Consello da Xunta de Galicia é competente para adoptar o acordo proposto, de conformidade co disposto no artigo 53.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Terceiro. A respecto do Concello de Viana do Bolo, afectado pola instalación proxectada, e que non se manifestou durante o trámite de audiencia e consulta, cómpre indicar que se entende a súa conformidade, consonte o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar. Polo que respecta á Consellería do Medio Rural e Red Electrica de España, S.A., manifestaron a súa conformidade nos informes emitidos e coas condicións expresadas neles.
Cuarto. Ao respecto da concorrencia de utilidades públicas da referida infraestrutura eléctrica cos terreos do MVMC afectado, cómpre indicar o seguinte:
– En cumprimento do artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de execución da Lei de montes veciñais en man común de Galicia, e do artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, o Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense da Consellería do Medio Rural emitiu informe favorable sobre a prevalencia da actuación de regulamentación da LMTA SMI805 no treito entre os apoios número 60-16-8 e número 60-16-14, no concello de Viana do Bolo.
– Polo que respecta aos MVMC, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, establece no seu artigo 6.1 que só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalente aos dos propios montes veciñais.
En consecuencia, e para os efectos de poder iniciar, de ser o caso, o correspondente expediente de expropiación, cómpre declarar a prevalencia da utilidade pública da instalación sobre a utilidade pública do MVMC afectado.
Quinto. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 53.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro. Este artigo indica que nos casos previstos nel (concorrencia de utilidade ou intereses públicos con MVMC), o Consello da Xunta de Galicia é competente para declarar a utilidade pública e a eventual compatibilidade ou prevalencia da instalación eléctrica sobre os MVMC.
De conformidade con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte
ACORDO:
Outorgar a autorización administrativa previa e de construción ao proxecto de execución da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada Regulamentación da LMTA SMI805 no treito entre os apoios número 60-16-8 e número 60-16-14 (Viana do Bolo), que discorre polo termo municipal de Viana do Bolo (Ourense) e promove UFD (expediente IN407A 2025/004-3).
Declarar a utilidade pública, en concreto, da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Declarar a prevalencia da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica sobre o monte veciñal en man común Serro.
Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos reflectidos no proxecto de execución Regulamentación da LMTA SMI805 no treito entre os apoios número 60-16-8 e número 60-16-14 (Viana do Bolo), do 9.12.2024, asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández o 10.12.2024, no cal figura un orzamento de execución material de 19.060,63 €.
2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.
3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, acompañada da documentación exixible de acordo co punto 3 da ITC-LAT 04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.
4. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.
5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste acordo ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
7. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
