DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 12 de decembro de 2025 Páx. 63749

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 14 das normas subsidiarias de planeamento municipal para a delimitación de solos de núcleo rural do Concello de Valdoviño.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 14 das normas subsidiarias de planeamento municipal para a delimitación de solos de núcleo rural do Concello de Valdoviño, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 24 de novembro de 2025, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

Busca por palabra clave - CMAOT.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 14
das normas subsidiarias de planeamento municipal para delimitación
de solos de núcleo rural do Concello de Valdoviño

O Concello de Valdoviño solicita a aprobación definitiva da modificación puntual (MP) referida, en virtude do disposto no artigo 78.2.c), en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

O planeamento vixente no Concello de Valdoviño son as normas subsidiarias de planeamento (NSP) aprobadas definitivamente o 28.10.1993 (BOP do 29.11.1993) e con texto refundido do 7.4.1994 (normativa BOP do 12.5.1994).

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 13.10.2020, para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico o 27.11.2020 (DOG do 18.12.2020), en que se resolve non someter a MP ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No proceso de consultas previas contestaron, ademais da DXOTU, os seguintes organismos:

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, informe do 21.10.2020.

– Axencia Galega de Infraestruturas, informe do 22.10.2020.

– Instituto de Estudos do Territorio, informe do 11.11.2020.

A secretaria e o arquitecto municipais emitiron cadanseu informe favorable previo á aprobación inicial o 22.11.2021.

O Pleno do Concello de Valdoviño aprobou inicialmente a MP o 25.11.2021. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Diario de Ferrol e La Voz de Galicia do 28.12.2021, e Diario Oficial de Galicia do 27.12.2021) e notificada aos titulares catastrais afectados, e presentáronse 28 alegacións. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón e San Sadurniño, e recibíronse informes de Moeche e Narón.

Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:

Deputación da Coruña, do 4.2.2022.

Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, favorable, do 25.2.2022.

Dirección Xeral de Aviación Civil (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana), favorables, do 25.2.2022 e do 8.8.2022.

Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual (Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital) do 20.5.2022, desfavorable, e do 27.3.2025, favorable.

Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico), do 31.5.2022.

Delegación do Goberno en Galicia (Área de Fomento), do 16.6.2022.

Dirección Xeral da Costa e do Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) do 13.9.2022, para os efectos do cumprimento do artigo 117.1 da Lei de costas, e do 12.7.2024, para os efectos do cumprimento do artigo 117.2, favorable.

Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas (artigo 117.1 da Lei de costas) do 3.12.2021 e do 6.3.2024 (artigo 117.2), favorable.

Axencia Galega de Infraestruturas do 10.5.2022, desfavorable, e do 23.4.2025, favorable condicionado.

Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior), do 10.2.2022.

Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en materia de solos contaminados, do 1.3.2022.

Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural, do 1.4.2022.

Instituto de Estudos do Territorio, en materia de paisaxe, do 11.5.2022.

Augas de Galicia, do 19.5.2022 e 1.7.2025.

Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 20.5.2022, favorable condicionado.

Subdirección Xeral de Patrimonio Natural, do 16.3.2023.

Solicitáronse informes á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 2.2.2022, e á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (en materia de minas), sen que fosen recibidos, segundo o informe da secretaria municipal.

A secretaria e o arquitecto municipais emitiron informe conxunto técnico-xurídico previo á aprobación provisional o 29.1.2024.

O Pleno do Concello de Valdoviño aprobou provisionalmente a MP o 1.2.2024.

O Concello solicitou a aprobación definitiva o 20.1.2025 e 30.1.2025. Requirida documentación o 11.2.2025, recibiuse o 30.7.2025. Ao se observar a falta da nova aprobación provisional tras as correccións, realizouse un novo requirimento o 18.8.2025.

O arquitecto municipal emitiu informes o 29.1.2025 e o 7.11.2025.

A secretaria e o arquitecto municipal emitiron informe conxunto técnico-xurídico previo á nova aprobación provisional o 21.10.2025.

O Pleno do Concello de Valdoviño aprobou provisionalmente de novo a MP o 28.10.2025.

O Concello solicitou a aprobación definitiva mediante un oficio do 10.11.2025.

II. Obxecto e descrición da modificación puntual.

1. O obxecto da MP é delimitar o solo dun conxunto de 37 núcleos rurais que non se recolleron nas vixentes normas subsidiarias de planeamento municipal.

2. Estes núcleos rurais figuran no nomenclátor oficial da Xunta de Galicia e están identificados no modelo de asentamentos do Plan básico autonómico. Na maioría dos casos, probablemente non foron considerados no modelo territorial das normas subsidiarias de 1993 pola súa escasa entidade e illamento respecto das áreas de maior crecemento residencial.

3. Estúdanse e ordénanse pormenorizadamente estes núcleos rurais e prevense actuacións illadas de dotación de sistemas locais de espazos libres no Vilar e O Amedo.

III. Análise e consideracións.

De conformidade co previsto no artigo 103 da LSG, as actuacións illadas AI-MEI 02 (de 1.611 m2 no Amedo) e AI-LG0 04 (de 477 m2 no Vilar) deberán axustarse aos sistemas de obtención de terreos mediante algún dos mecanismos establecidos no artigo 129.1 da LSG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais do planeamento xeral que teñan por obxecto a regulación de solo de núcleo rural corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 78.2.c) da LSG e nos artigos 146.1, 191.1.d) e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual núm. 14 das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Valdoviño para a delimitación de solos de núcleo rural, coa condición de que a obtención do solo das actuacións illadas AI-MEI 02 (O Amedo) e AI-LG0 04 (O Vilar) se faga mediante a aplicación dalgún dos mecanismos establecidos no artigo 129.1 da LSG.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da MP das NSP aprobada definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.