BDNS (Identif.): 874009.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/874009
Primeiro. Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) As empresas vitivinícolas que no momento da solicitude produzan ou comercialicen os produtos recollidos no anexo VII, parte II do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, ou que, como consecuencia da execución da operación obxecto da solicitude de axuda, comecen esa produción ou comercialización. As empresas deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.
b) As organizacións de produtores vitivinícolas recoñecidas conforme o artigo 152 do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e as súas asociacións.
c) As asociacións de dous ou máis produtores, con personalidade xurídica, dos produtos mencionados no anexo VII, parte II do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro. As asociacións deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.
d) As organizacións interprofesionais.
e) As organizacións profesionais.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de investimentos no sector vitivinícola en Galicia establecidas na intervención sectorial vitivinícola (ISV) no marco do Plan estratéxico nacional da política agrícola común (PAC) do Reino de España 2023-2027, aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión de execución do 31 de agosto de 2022, e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2026.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 28 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2026.
Cuarto. Importe
O financiamento das axudas previstas nesta orde procede do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e farase con cargo á aplicación 15.04.713D.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, cunha dotación de 3.015.000,00 €, e para o ano 2027, cunha dotación orzamentaria de 2.481.338,18 €. Este importe poderase incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria comeza o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de xaneiro de 2026.
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
