Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación de Eloi Caldeiro Díaz Fundación con domicilio no lugar de Muxa (San Salvador), número 124, en Lugo, resultan os seguintes feitos e consideracións legais.
Feitos:
1. O 6 de novembro de 2024, Eloi Caldeiro Díaz, presidente do padroado da Fundación, presentou unha solicitude de clasificación, de declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Eloi Caldeiro Díaz Fundación constituína Eloi Caldeiro Díaz, mediante unha escritura pública outorgada o 11 de outubro de 2024, ante o notario de Lugo, Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, co número de protocolo 4.211.
Tras os requirimentos do 11 de decembro de 2024; do 14 de febreiro, do 6 de marzo, do 30 de xuño e do 8 de outubro de 2025, a Fundación achega as escrituras outorgadas, na mesma cidade e ante o mesmo notario da de constitución, o 10 de xaneiro, 3 de xuño e 10 de outubro de 2025, con números de protocolo respectivos 119, 2.457 e 4.291, que emendan a de constitución polo que respecta a súa dotación inicial.
3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «a conservación, o estudo e a difusión do legado de Eloi Caldeiro Díaz, así como da súa obra nos diferentes eidos culturais nos que creou. Asemade, tamén poderá prestar apoio ás distintas manifestacións da cultura galega, sempre que se empregue única e exclusivamente o idioma galego en todos os eidos de acción. Outros fins da Fundación serán o de estimular e favorecer a cultura galega en xeral, e especialmente a orientada á literatura, á música, ao folclore-tradición, á artesanía, ás artes plásticas, ao patrimonio e, en fin, a canto poida ser englobado dentro da denominación de “cultura”, sempre utilizando única e exclusivamente o idioma galego tanto nas creacións orixinais como na súa comunicación e espallamento».
4. O padroado inicial da Fundación está formado por Eloi Caldeiro Díaz, como presidente; Juan Ángel Varela Fariña, como vicepresidente; e Isabel Gómez Gómez, como secretaria.
5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes unha proposta de clasificación como de interese cultural de Eloi Caldeiro Díaz Fundación, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede á súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 18 de novembro de 2025.
DISPOÑO:
Clasificar de interese cultural a Eloi Caldeiro Díaz Fundación, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; podéndose interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
